Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Sermos Galiza 20 de Marzo de 2015 Ríos

Cuba impórtanos

mision_scuba_2009_150.jpg

Cuba vive momentos de cambio e de expectación. O proceso de actualización económica, dunha banda, e, doutra, a normalización das relacións con EUA, configuran un novo tempo para a Revolución cubana que, unha vez máis, confronta a difícil tesitura da súa supervivencia. Tralo fin do socialismo ir-real e a afirmación transitoria do mundo unipolar, Cuba foi quen de resistir o embate da mundialización do mercado preservando as esencias do seu modelo. Agora, un cuarto de século despois do derrube do muro de Berlín, La Habana, nunha orde mundial en acelerado proceso de transformación, encara a necesidade de repensar o modelo en busca dun novo equilibrio entre eficiencia económica e xustiza social.

E así, novamente, moitas miradas converxen nesta nova fase da experiencia cubana e da súa idoneidade para perfilar un sendeiro propio e capaz de preservar a fidelidade ao proxecto orixinal sen menoscabo de asumir a necesidade de experimentar fórmulas que permitan avanzar cos tempos, tanto no eido socioeconómico como político. Os líderes cubanos contan aínda con certo capital de lexitimidade interior e exterior, pero non é posible xa vivir das rendas das enormes transformacións que o país experimentou a partir de 1959. Moitos foron os cambios que entón permitiron mellorar sensiblemente a vida dos cubanos, pero a inmensa maioría dos cidadáns de hoxe non coñeceron aquela realidade e ansían mudanzas tras duros anos de privacións. O desafío radica en abordalas de forma construtiva e sen perder de vista tanto o valor das experiencias propias como as ensinanzas dos procesos de  transformación doutras economías planificadas noutras latitudes do planeta.

O contexto rexional e internacional favorece a busca de vías singulares para a alteración das estruturas económicas e sociais. América Latina avala os procesos de cambio en Cuba e acompaña ese devalar con apoios de todo tipo nun escenario que aposta por unha integración autóctona que permita sacudirse o subdesenvolvemento e a pobreza, gañar soberanía e acadar un maior peso na realidade global. Por outra banda, a afirmación dunha orde multipolar configura a emerxencia de novos actores que apostan polo recoñecemento da diversidade, tamén política, e suxiren a vertebración de alternativas ás instancias e plataformas dos países mais desenvolvidos que ata agora conduciron a occidentalización do mundo, entendida esta, como o fomento, mesmo polas armas, da democracia e do mercado como valores absolutos e incontestables.

Neste contexto, e con boa parte dos principais líderes da Revolución aínda vivos, Cuba ten unha oportunidade para renovarse desde dentro. Ata agora, a recuperación da economía é lenta e as medidas introducidas avanzan con dificultades, pero ese sendeiro é irreversible, pulando a partes iguais pola eficiencia e a asunción social de responsabilidades poñendo fin ao paternalismo e a integración rexional, como alternativa indispensable a calquera tentación de odisea autárquica.

Tender pontes co exilio para tratar de involucralo nunha transformación que sexa capaz de dinamizar a economía sen arrasar décadas de xustiza social constitúe un reto maiúsculo. Cómpre a todos neste aspecto sentido nacional e visión de longo prazo para acometer este reto sen que ninguén se vexa na obriga de renunciar a principios. Pero se EUA e Cuba foron quen de sentar as bases dunha solución política para entenderse e dialogar, é tempo tamén de vencer receos entre os propios cubanos.

Cuba precisa innovar para subsistir, se ben teme innovar por medo a sucumbir. Ese círculo, nutrido de tantas reticencias, debe ser superado, asumindo as reformas, non como un mal inevitable que pode dar pé á restauración capitalista senón como unha oportunidade para xerar os medios que garantan a salvación do mellor da Revolución. Non son sapos a tragar senón mudanzas imprescindibles para desembarazarse das hipotecas que impiden deixar de dar voltas arredor de si mesmos. Non hai receitas nin pode habelas e soamente co gradualismo poderase avanzar nun desenvolvemento económico e social que debe ser a mellor garantía da preservación da súa independencia e soberanía.

Cuba precisa habilidade e atrevemento a todos os niveis pero tamén tempo para administrar o caudal de apoio que aínda ten a Revolución dentro e fóra da illa. Sábese que nas economías planificadas onde se aplicaron as terapias de schok provocaron desastres sociais de envergadura. Non será ese o camiño para preservar os innegables avances logrados. Durante as últimas décadas, a conciencia nacional serviu de eficaz blindaxe contra o bloqueo estadounidense e hoxe debe servir de capital básico para afianzar esa vía xenuína para asentar unha alternativa posible que transcenda o numantinismo e sexa quen de proporcionar unha vida mellor aos cubanos e cubanas, razón de ser, ao fin e ao cabo, da propia Revolución.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais