Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 21 de Maio de 2018 Mansilla Blanco

Crise de confianza en Venezuela

O presidente Maduro exerce o seu voto. Foto: Axencia Xinhua

A prevista e non menos controvertida reelección presidencial de Nicolás Maduro en Venezuela deixa severas certezas sobre o futuro do país. O illamento internacional venezolano é patente e reforzarase a partir de agora tras unha elección descoñecida por mais de 80 países, incluíndo EUA, a Unión Europea, a ONU, a OEA e o Grupo de Lima, plataforma rexional liderada por países como Arxentina, Brasil, México, Chile, Perú e Colombia. Por tanto, Maduro apréstase a iniciar un novo período presidencial ata 2025 provisto dun maior illamento e de sanciones exteriores, principalmente impulsadas dende Washington e Bruxelas. Cun grave contexto socioeconómico e preocupantes perspectivas a mediano prazo para o sector petroleiro venezolano, son poucas as expectativas de que Venezuela logre superar a súa interminable crise. Unha lectura que igualmente tradúcese en expectativas de erosión do seu campo de representación política, tanto “chavista” como opositora.

Os resultados oficiais presentados polo Consello Nacional Electoral (CNE) certificaron algunhas desas preocupantes perspectivas sobre o futuro venezolano. O boicot opositor a estes comicios influíu na verificación dunha clara abstención electoral. Oficialmente, a participación electoral foi calculada polo CNE en torno ao 46% (8.603.000 dos 19 millóns de venezolanos habilitados para votar).

Con esta participación, Maduro obtivo 5.823.000 de votos (67,7%), por 1.800.000 do seu principal contrincante, o ex chavista Henri Falcón (21,2%), os 925.000 do pastor evanxélico Javier Bertucci e os 34.000 do Reinaldo Quijada, os outros competidores.

Unha análise preliminar verificaría a prevista vitoria para Maduro nuns comicios feitos a súa medida que, en perspectiva, confirmaría a hexemonía política chavista en Venezuela tras case dúas décadas no poder. Non obstante, as súas metas non foron as mais agardadas. A elevada abstención incapacitou o seu obxectivo de superar os 10 millóns de votantes. Paralelamente, asómase unha progresiva erosión do voto chavista, tomando en conta as sucesivas vitorias electorais de Maduro (Asemblea Nacional Constituínte, eleccións rexionais e municipais) acadadas durante 2017.

Durante o proceso de votación e tralo anuncio dos resultados, Falcón e Bertucci denunciaron incesantemente presuntas irregularidades electorais. O propio Falcón incluso descoñeceu os resultados antes do anuncio oficial, clamando pola realización de novas eleccións, un chamado sen eco e sen apoios concretos. Por tanto, as eleccións 2018, que presentaron candidaturas contra Maduro consideradas por diversos sectores como próximas ao chavismo, cuestionaron severamente a credibilidade dun CNE que sempre foi observado con desconfianza tanto polos sectores opositores “antichavistas” como dende o exterior.

A elevada abstención, oficialmente do 54% pero que fontes opositoras cifraron  en menos do 30%, ditamina un contexto de apatía con visos de descontento por parte do electorado venezolano de cara á súa representación política. Neste sentido, a grave realidade socioeconómica, verificada na imparable hiperinflación (o FMI prevé un índice de 1.800.000% ata o 2020), a escaseza de produtos básicos e un constante éxodo de emigrantes, supera calquera expectativa de confianza de solución da crise por parte dos seus representantes políticos.

Paralelamente, a elección presidencial venezolana deste 20 de maio amosábase contrariada por un marcado consenso exterior de descoñecemento da mesma. De feito, EUA, Chile e Panamá foron os primeiros países en descoñecer estes resultados.

Este consenso exterior denotaba un clima de descrédito e de ilexitimidade de cara á Asemblea Nacional Constituínte (ANC), órgano impulsado por Maduro e elixido en agosto pasado a través dun controvertido proceso electoral que, segundo fontes opositoras dentro e fora do país, non contaba cos requisitos constitucionais establecidos na vixente Carta Magna de 1999. Por tanto, e de cara a estas eleccións presidenciais, a ANC suprimiu a potestade constitucional atribuída ao CNE de convocar aos comicios, un factor que determina unha súbita alteración do equilibrio institucional e legal necesario para este tipo de convocatorias.

Este escenario, ademais da ilegalización de diversos partidos políticos e candidatos opositores por parte do CNE, deu paso ao boicot electoral por parte dunha cada vez mais minguante Mesa pola Unidade Democrática (MUD) que tamén observa a súa propia crise. A MUD vese seriamente erosionada, con serias dúbidas sobre a súa verdadeira capacidade de mobilización, que agora tenta reconstituírse a través dunha Fronte Ampla Venezuela Unida cuxas expectativas aínda son incertas.

Maduro apréstase por tanto a observar un maior illamento exterior, coa excepción do apoio de Rusia, China e Cuba, factor que repercutirá aínda mais dentro da crise venezolana. A presión exterior (administración Trump, Grupo de Lima) e interior a través dunha oposición reconvertida pero igualmente polarizada, incrementarase con maior énfase nos próximos meses.

No plano interno, Maduro observarase lexitimado a acelerar a “construción do socialismo” a través dun cada vez mais asfixiante e inflexible sistema de controis económicos estatais, aspecto que prefigura un contexto de maior agravamento da situación social. Esta diagnose increméntase ante a preocupante situación da industria petroleira venezolana, minguada tanto na súa capacidade de produción (actualmente en 1,4 millóns de barrís diarios) como dos seus compromisos de subministro exterior (Cuba, eixe da ALBA), de pago de débedas (China, Rusia) e da súa necesaria reconversión tecnolóxica.

Tamén está por ver en qué medida o 20M venezolano terá incidencia en próximos comicios rexionais como as presidenciais colombianas previstas para o próximo 27 de maio. O pulso das candidaturas entre o “uribista” Iván Duque e o esquerdista Gustavo Petro, considerada afín ao chavismo, terá especial incidencia en Venezuela.

Alén das certezas electorais, das irregularidades denunciadas e do illamento internacional, o verificado no contexto electoral 20M en Venezuela é unha crise de confianza cada vez mais estrutural de cara á representación política existente e das súas capacidades de solucionar unha crise socioeconómica in crescendo. Difícil contexto que prevé maiores turbulencias en Venezuela a mediano prazo.

 

                                   

 

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais