Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
5 de Xullo de 2017 VV.AA.

Costa Rica: conciencia social coma motor de desenvolvemento sostible

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC
Fonte: Axencia Xinhua China

A posta en valor polo patrimonio natural e, consecuentemente, a defensa do medio ambiente catapultaron a Costa Rica á vangarda internacional coma exemplo de “país verde”. Dita estratexia consolidou os mecanismos de proxección do Estado en base a modelos de “soft power”, o cal consolidou a súa presenza e relevancia nas principais cimeiras sobre cambio climático e desenvolvemento sostible, alén de contribuír no fomento dunha imaxe afastada dos estereotipos rexionais centroamericanos (Estados inestables, corrupción ou crime organizado).

De igual xeito, dita aposta logrou unha especificación do país dentro da súa contorna, o que sen dúbida reportou unha concentración de recursos que derivaron nunha situación de relativa estabilidade a nivel socioeconómico. Esta especificación tivo o seu maior expoñente na “industria sen chemineas”, é dicir, no impulso dun turismo sostible e orientado ao patrimonio natural, modelo menos explotado na rexión. Por outra banda, o peso do sector agropecuario na economía de Costa Rica non supuxo unha aposta pola deforestación masiva ou a recondución exacerbada dos cursos hídricos (pese a que existen espazos substanciais de mellora), que reflictan negativamente no ecosistema, deseñando así unha industria relativamente sostible.

Pero, se hai un aspecto que destaca enormemente na consecución e desenvolvemento deste modelo, este non é a implicación institucional ou o compromiso político (aínda que poida existir), senón a implicación da cidadanía de Costa Rica. Non se podería entender o desenvolvemento dos plans de protección e impulso ambientais sen o motor que supón a mobilización e demandas cidadás ao respecto, no que xoga un papel fundamental a concepción do valor natural do país coma parte inherente a construción da identidade costarricense.

Compromiso social e políticas sustentables

A identificación da cidadanía coa protección da natureza supón un exemplo case único no escenario rexional, o que axuda a explicar a especificidade do país neste ámbito. Segundo o Informe Nacional sobre Desenvolvemento Humano (INDH) de 2013(1), elaborado polo Programa das Nación Unidas para o Desenvolvemento (PNUD); o ríos, bosques, praias e a fauna e flora constitúen as riquezas nacionais que mais orgullo xeran na poboación, por enriba de aspectos característicos como democracia, paz ou liberdade.

Este compromiso reflicte enormemente a hora de esixir responsabilidades ou de reclamar ao espectro político unha protección efectiva do medio ambiente, traducíndose en iniciativas e mobilizacións contra posibles emprazamentos mineiros ou ante a vulnerabilidade de espazos protexidos. Proba disto, o XXII Informe do Estado da Nación(2) mostraba que o número de protestas relacionadas con temas ambientais alcanzara o seu nivel histórico, pese a que os datos globais se reduciran notablemente.

Do mesmo xeito, actúa coma un elemento de arrastre para os diversos programas políticos do abano partidista. É dicir, a esixencia social inflúe enormemente no desenvolvemento de políticas e no deseño de programas electorais nos diferentes partidos, a fin de obter o conseguinte rédito nos comicios electorais. Non resulta casual a gran relevancia outorgada ás medidas a desenvolver neste ámbito, tanto para a creación de novos instrumentos como para a reformulación dos existentes, así como para a renovacións dos compromisos nacionais e internacionais.

Os programas, políticas e iniciativas institucionais –aínda que limitadas- experimentaron un especial impulso dende mediados da pasada década, revertendo a tendencia de relativo abandono imperante ata os anos 1990, constatando, ademais, a adopción destes postulados pola meirande parte do espectro político, sen mostrarse ligado a baremos ideolóxicos.

Por exemplo, baixo os mandatos presidenciais de Óscar Arias Sánchez (2006-2010)e Laura Chinchilla Miranda (2010-2014), ambos pertencentes ao Partido Liberación Nacional (PNL), foron promovidos plans estratéxicos enmarcados dentro dos obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas. Destaca a Estratexia Nacional de Cambio Climático (ENCC) e a creación da Dirección de Cambio Climático (2011), así coma o Plan de Acción para o Fortalecemento da Produción e Comercio Responsable da Piña, de suma importancia para mitigar o impacto ambiental dun sector vital para as exportacións do país, orientándoo cara modelos de crecemento sostible.

Baixo a dirección actual de Guillermo Solís Rivera (Partido Acción Ciudadana- PAC) actualizaríanse plans estratéxicos coma o ENCC, no 2015, e deseñáronse accións concretas para a especificidade do país, das que destacan o Plan de Acción de Gandería Baixa en Carbono ou o novo Plan Nacional de Xestión do Risco. Especialmente relevante resulta a Lei de Xestión Integrada dos Recursos Hídricos 17742, tamén respaldado pola Frente Amplio (FA), que declara a auga costarricense como ben estratéxico do país, regulando o seu uso e acceso, asegurando a dispoñibilidade para a poboación e garantindo a súa seguridade baixo regulacións específicas que manteñan o equilibrio entre uso humano e ecosistema. Do mesmo xeito, establécense responsabilidades penais e civís ante danos ambientais que afecten a ditos recursos, con especial atencióne control á industria agroalimentaria e á minería. 

Especial mención merece o progresivo uso de fontes limpas e renovables para obtención da enerxía do país. Neste primeiro trimestre de 2017, segundo datos do Centro Nacional de Control de Enerxía (CENCE), o 99,06% da electricidade consumida procedía deste ámbito, cunha especial importancia do sector hidroeléctrico, eólico e xeotérmico. Aínda que a construción excesiva de presas non se mostre carente de certa controversia polo seu impacto ao entorno.

Proxección internacional e dinamismo rexional

 O compromiso expreso na protección ambiental e na promoción de estratexias enmarcadas no desenvolvemento sostible móstrase relativamente carente de sesgos ideolóxicos e resulta compartido –en maior ou menor medida- polo conxunto do espectro político. Se ben e certo que estas dinámicas serían incomprensibles sen o empurre que supón a concienciación social ao respecto (a citada lei 17742 veu impulsada pola acción cidadá)(5), o certo é que o resultado desta conivencia entre actores sociopolíticos, así como o importante impulso das iniciativas civís e privadas, resulta certamente loable e permite continuar e afondar na preservación do patrimonio natural costarricense.

Co citado patrimonio natural convertido en eixo do motor socioeconómico do país, Costa Rica conseguiu situarse e destacar no marco rexional, explotando sectores practicamente ausentes nos demais países da contorna. Así, o modelo de “turismo verde” eríxese coma “imaxe país” e logra atraer e focalizar a un público específico, sen apenas atopar modelos de competencia, e manténdose equilibrado con outros sectores estratéxicos coma os relacionados coa agricultura.

De igual xeito, a prevención e loita contra os efectos do cambio climático, así coma o cumprimento dos compromisos de desenvolvemento sostible establecidos no marco das Nacións Unidas (PNUD), valéronlle un importante recoñecemento por parte da comunidade internacional, obtendo asíos correspondentes réditos en termos de promoción do país e deobtención dunha posición preeminente ante o contexto rexional.

Alexandre Rey Parrado,

Licenciado en Historia (USC) e estudante no Máster “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

Citas bibliográficas:

(1) PROGRAMA DE LAS NACIONES UNIDAS PARA EL DESARROLLO (PNUD) “Informe Nacional sobre Desarrollo Humano 2013. Aprendiendo a vivir juntos: convivencia y desarrollo humano en Cosa Rica” PNUD, 1º Edición, San José (Costa Rica) pp.117 http://hdr.undp.org/sites/default/files/costa_rica_nhdr_2013.pdf

(2) PROGRAMA ESTADO DE LA NACIÓN (2016) “XXII Informe Estado de la Nación en Desarrollo Humano Sostenible”PEN-CONARE- 22º Edición, San José (Costa Rica) pp. 217 http://www.estadonacion.or.cr/files/biblioteca_virtual/022/PEN-22-2016-BOOK-BAJA.pdf

(3) Diversas mobilizacións e protestas cidadás esixían unha renovación da vixente lei sobre recursos hídricos, que databa de 1942. Organizacións sociais e ecoloxistas lograron presentar unha iniciativa popular amparada por máis de 170.000 firmas.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais