Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 28 de Marzo de 2014 Mansilla Blanco

Contrastes peruanos

A industria extractiva mineira en Perú é motivo de fortes controversias socioeconómicas

Nos derradeiros anos, Perú tense promovido como a “nova estrela económica” latinoamericana. Entre 2004 e 2011, o crecemento real acumulado do seu PIB foi do 61,44%, a razón de 7,33% anual(1), un índice comparable coas economías emerxentes asiáticas. Dende o exterior téndese a observar esta medición a través dun tamiz favorable á hora de cualificar o nivel de desenvolvemento socioeconómico peruano e, principalmente para as consultoras internacionais, para focalizar a este país como unha especie de “economía emerxente”. Precisamente, en 2012, Perú ingresou na Alianza para o Pacífico, da que forma parte con México, Chile e Colombia.

Con todo, as disparidades peruanas son evidentes en cuanto a modelo económico, a pesar da súa igualmente palpable estabilidade política, institucional e xurídica. Observado como un liderado nacionalista e progresista, a chegada á presidencia de Ollanta Humala (2011) non alterou dun xeito significativo a estrutura de poder imperante, herdada basicamente da etapa “fujimorista” (1990-2000) e da tecnocracia instalada polos gobernos de Alejandro Toledo (2001-2006) e Alan García (2006-2011).

A dependencia da industria extractiva mineira é un feito tan irreversible como preocupante dende a perspectiva da inclusión social e do impacto medioambiental. Para setembro de 2012, un 60% dos conflitos sociais en Perú tiñan o seu orixe nas rexións mineiras (principalmente cara as comunidades indíxenas), sementando un clima de tensión e conflitividade e de disparidades socioeconómicas en materia de ingreso e riqueza (principalmente a favor das rexións urbanas e das elites económicas), que demostran a enorme distancia existente entre o goberno central e as rexións de explotación(2).

As realidades socioeconómicas peruanas e o impacto da industria extractiva mineira implican un panorama diverxente coas favorables perspectivas observadas dende o exterior. O reforzamento dun modelo económico denominado “primario exportador” con énfase na industria mineira, permitiu afianzar novas elites de poder a través do que se ten denominado un “capitalismo de amigotes(3), potenciando un Estado “capturado e patrimonialista” herdeiro da estrutura neoliberal instalada a partir da década de 1990. As disparidades e desigualdades socioeconómicas deste modelo son evidentes: de acordo á CEPAL, o ingreso do 20% máis rico constitúe un índice de 18,5 veces maior que o ingreso do 20% máis pobre(4).

Todo isto repercute abertamente na polarización do debate público no Perú sobre índice real de pobreza. Mentres o Instituto Nacional de Estatística e Informática (INEI)(5) identifica unha espectacular caída da pobreza, medida baixo parámetros monetarios, do 54,7% ao 27,8% entre 2000 e 2011, outros estudos(6) reverten este índice a un 39,9%, ampliando a perspectiva de medición a través do Índice de Pobreza Multidimensional (IPM), en relación ao acceso a educación, saúde e vivenda. Segundo o IPM, en Perú existen aproximadamente 3,6 millóns de pobres “invisibles” para o Estado(7).

No relativo á actualidade política, e a tenor das súas constantes aparicións públicas a nivel nacional, o debate político peruano tende a xirar en torno á presumible designación de Nadine Heredia, esposa do actual presidente Humala, como eventual candidata presidencial para os comicios de 2016, como abandeirada do gobernante Partido Nacionalista (PN). O clima político tende a polarizarse nese sentido, toda vez os índices de popularidade de Humala (20%) amósanse sensiblemente menores que os de Heredia (27%)(8).

Igualmente, o ambiente político peruano vese dalgún xeito polarizado pola crise política venezolana, en particular ante a presenza de líderes opositores venezolanos asilados en Perú e das presuntas simpatías de Humala co modelo “chavista”, fortemente criticado polas forzas opositoras (especialmente Alan García e Keiko Fujimori) e países veciños, especialmente Colombia.

Con todo, compre observar con atención o exemplo peruano, en particular polo énfase no seu modelo extractivo mineiro e as súas implicacións en materia socioeconómica e ambiental(9). Unha perspectiva que igualmente amplía o seu radio de repercusión a través da inclusión peruana na Alianza para o Pacífico, aparente pedra de lanza do controvertido “milagre peruano”.

 

 

(1) VÁZQUEZ, Enrique; “El Perú de los pobres no visibles para el Estado. La inclusión social pendiente a julio de 2012”, Universidad del Pacífico, Centro de Investigación, Documento de Discusión DD 12/04, Lima (Perú), maio de 2012, p. 7. Consultar en: http://srvnetappseg.up.edu.pe/siswebciup/Files/DD1204%20-%20Vasquez.pdf

(2) Particularmente relevante á hora de analizar o impacto socioeconómica da extracción mineira no Perú é o estudo de SANBORN, Cynthia e DAMMERT, Juan Luis; “Perú. Extracción de recursos naturales, desarrollo económico e inclusión social”, Universidad del Pacífico, Centro de Investigación, Documento de Discusión DD 13/14, Lima (Perú), Febreiro de 2013. Consultar en: http://srvnetappseg.up.edu.pe/siswebciup/Files/DD1314_Sanborn.pdf. Desde mediados de marzo, a capital Lima foi escenario de fortes e violentas protestas entre colectivos mineiros, algúns incluso de natureza ilegal, contra o modelo de extracción establecido.

(3) Consultar o artigo de LYNCH, Nicolás; “Perú: la prosperidad falaz”, Revista Nueva Sociedad, Nº 248, novembro-decembro de 2013, pp. 4-10. Ver en: http://www.nuso.org/upload/articulos/3986_1.pdf

(4) COMISIÓN ECONÓMICA PARA AMÉRICA LATINA (CEPAL); Panorama social de América Latina, Santiago de Chile, 2011, p. 50. Consultar en: http://www.eclac.cl/publicaciones/xml/1/45171/PSE2011-Panorama-Social-de-America-Latina.pdf

(5) INSTITUTO NACIONAL DE ESTADÍSTICA Y DE INFORMÁTICA (INEI): La Pobreza en el Perú al 2011, Lima, mayo de 2013. Revisar en: http://www.inei.gob.pe/estadisticas/indice-tematico/sociales/

(6) VÁZQUEZ, Enrique, op.cit, p. 8. Para a CEPAL, este índice en 2009 foi do 34,8%. Ver: CEPAL, op.cit, p. 17.

(7( Ibid, p. 8.

(8) “Nadine Heredia vuelve a escena como presidenta del Partido Nacionalista”, Infolatam, 26 de marzo de 2014. Ver en: http://www.infolatam.com/2014/03/26/la-primera-dama-de-peru-hara-giras-como-presidenta-del-partido-nacionalista/

(9) Un informe da ONG “Rights and Resources Initiative” (abril de 2013) afirma que o modelo de minería extractiva en países como Perú, Guatemala, Colombia e Panamá causan perda de calidade de vida e saúde da poboación, principalmente en comunidades indíxenas e afroamericanas. No caso peruano, este informe denuncia os beneficios que as multinacionais extraen da lexislación oficial vixente cara estas actividades. Para consultar o informe, remitir o enlace:    http://www.rightsandresources.org/documents/files/doc_5916.pdf

 

 



 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais