Distribuir

Distribuir contido
The Huffington Post 11 de Agosto de 2016 Ríos

China e o enredo de Hong Kong

Zhang Dejiang con asesores de Hong Kong. Fonte: Xinhua.

A Rexión Administrativa Especial (RAE) chinesa de Hong Kong celebrará comicios o próximo 4 de setembro. Tralo “movemento dos paraugas” en 2014 e o fracaso da reforma electoral en 2015, a xornada podería revelar unha nova radiografía do momento político do antigo enclave británico. Para China representa unha oportunidade de reconducir a maltreita estabilidade da rexión nun contexto de incremento da resistencia cívica fronte ao que algúns sectores consideran unha erosión significativa e sistemática do autogoberno por parte das autoridades centrais. 

Unha primeira novidade destacada é a desautorización dos candidatos a favor da independencia que pretendían concorrer ás eleccións. Segundo a comisión electoral, avogar pola independencia supón unha violación da Lei Fundamental da RAE. 

Unha universidade hongkonesa detallou o resultado dunha enquisa levada a cabo o pasado 24 de xullo segundo a cal un 17 por cento da poboación apoiaría a independencia do territorio logo de 2047 (50 anos despois da recuperación da soberanía chinesa) mentres un 57 por cento oporíase a ela. Só o 4 por cento considerábaa “posible”. Cando Zhao Ziyang e Margaret Tatcher asinaron en 1984 a declaración básica que daba pé á retrocesión, China expresou o compromiso de respectar, polo menos durante 50 anos, o estilo de vida e os sistemas legal, xudicial, financeiro, etc., vixentes na rexión. Agora, algúns suscitan o rechamante regreso ao dominio británico como primeiro paso para acceder á independencia...

O recente episodio dos cinco libreiros desaparecidos viu engadir máis leña ao lume do malestar reinante en Hong Kong. A sucesión de escándalos, torpezas e fracasos complican a xestión de Beijing na RAE e afean ao goberno central e ao PCCh, quen parecen estar á defensiva. 

A creación de partidos de signo “independentista”, probablemente de escaso percorrido electoral, é un síntoma desa reacción ante a convicción de que o control político do enclave aumentou nos últimos tempos restando valor á autonomía local. Beijing tería interiorizado a idea de que as liberdades políticas de que gozan en Hong Kong e expresión do principio “un país, dous sistemas” representan unha ameaza para a súa propia estabilidade no continente. 

Unha segunda fronte é a seguridade. A inxerencia nos asuntos de Hong Kong, tamén neste ámbito, xera preocupación. A detención ilegal de persoas ou o forzalas a un trasnoitado arrepentimento público son prácticas que desmentirían a sinceridade dos esforzos para avanzar cara a un Estado de dereito. Non é de estrañar que neste contexto persistan as mobilizacións cívicas en protesta por tal forma de actuar. As reaccións do goberno central apuntando a unha “mellor comunicación policial” son insuficientes. 

Recentemente, Macau e Hong Kong pre-pecharon un acordo de cooperación que se suma ao subscrito co continente a fin de ampliar a colaboración económica, o investimento e o comercio. O goberno central abriga o propósito de propiciar unha maior integración de Hong Kong co resto do país. 

Zhang Dejiang, o número tres chinés, visitou Hong Kong o pasado maio para reclamar calma e confianza, expresando certo recoñecemento das bondades dunha pluralidade que, segundo dixo, non estaría en perigo. A súa foi a primeira xira dun alto dirixente chinés desde a realizada por Hu Jintao en 2012 e transmitiu a preocupación do goberno central polo eco das críticas entre a mocidade hongkonesa, onde avanza unha identidade pretendidamente diferenciada do resto da comunidade chinesa. 

As eleccións deben ofrecer un saldo político aceptable que evite o ensanche do foso manifestado co fracaso da reforma electoral. A recuperación daquel discurso esixe contar con maiorías suficientes -dous terzos- no Consello Lexislativo. De non logralo poida que non corra perigo o control institucional pero si a estabilidade social. O propio futuro do autogoberno en Hong Kong e do principio de “un país, dous sistemas” está en cuestión. China necesita abrir unha nova vía que mitigue a polarización e reconduza o enredo actual. Fácil non o ten. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais