Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 24 de Novembro de 2016 VV.AA.

Cáucaso Norte: entre as tensións independentistas e o integrismo xihadista

José Corrochano (Facultade de Ciencias Políticas, USC), estudante en prácticas no IGADI.
mapa_ciucaso.jpg

Co epicentro na guerra de independencia chechena (1992-1995) acaecida trala desintegración da URSS, a insurxencia armada rexistrada nas derradeiras dúas décadas no Cáucaso Norte ten acadado múltiples características, principalmente motivadas polas tensións soberanistas e independentistas, a inestabilidade política e unha difícil e complexa situación socioeconómica. O clima de caos e violencia presente na rexión e a presión soberanista por parte de Moscova veuse igualmente completada pola implicación de diversas células e redes provenientes do integrismo xihadista islamita, principalmente nas repúblicas de Chechenia, Daguestán, Osetia do Norte e Kabardino Balkaria existentes dentro da Federación rusa.

O retorno da guerra en Chechenia (1999-2008) afondou aínda mais este clima de violencia e tensión. En marzo de 2005, os corpos de seguridade rusos remataron coa vida do primeiro presidente lexítimo de Chechenia, Aslán Masjádov, elixido en 1996. Trala súa morte, a versión integrista establecida na ideoloxía do salafismo xihadista comezou a rexistrar avances dentro dos rebeldes chechenos. Deste xeito, un movemento de liberación nacional inicialmente laico e que fóra o distintivo orixinal das revoltas tanto en Chechenia como noutras rexións do Cáucaso, progresivamente foi dando paso a unha loita de características mais plenamente xihadistas.

O Emirato do Cáucaso

A proclamación a partir de 2007 do Emirato do Cáucaso (EdC) como principal agrupación xihadista a nivel rexional marca un punto de inflexión decisivo á hora de observar a penetración de movementos integristas islámicos con capacidade de influencia e de activación de marcos de inestabilidade na rexión.

Cunha vocación pancaucásica, o EdC tenta expandirse tanto as repúblicas do Cáucaso Norte pertencentes á Federación rusa como de cara ás outras repúblicas caucásicas, a través da incorporación de simpatizantes provenientes dos diversos grupos étnicos da rexión, en particular chechenos, ingushetios, daguestaníes, kabardinos, azeríes e incluso rusos conversos ó Islam.

O Emirato do Cáucaso mantén unha organización divida en diferentes faccións, que se distribuían en 5 “vilayats” (ou provincias), destacan aquí os seguintes:

·         Vilayat Daguestán; correspondente á República de Daguestán dentro da Federación rusa. Liderado por Rustán Asílderov.

·         V. Nokchicho; con fronteiras similares ás de Chechenia. Dirixido por Aslam Byutukaev

·         V. Galgaiche; formada por Ingushetia, e dende 2009 tamén por Osetia do Norte. Comandado por Beslam Mahauri.

·         V. Kabardia-Balkaria-Karachai. Liderado por Zalim Shebzukhov

·         V. Nogai; correspondente ós “krai” (rexión ou provincia) de Krasnodar e o de Stávropol. Nunca tivo un dirixente coñecido.

Estes territorios, a pesar de ter unha estrutura autónoma, subordinábanse ó Emir central (Aliasjab Kebekov) que tivo algunhas accións que contribuíron a debilitar a organización terrorista. Destacan así a prohibición de atacar civís e que as mulleres puideran inmolarse, así como concentrar a actividade armada na zona de Daguestán (erixíndose como a autoridade máxima por riba de Asílderov), o que provocou o receo dos chechenos que se consideraban o foco histórico dos conflitos.

A aparición do Estado Islámico

En decembro de 2014, o Emir da provincia rusa de Daguestán, Rustán Asilderov, colgou un vídeo na rede no que pronunciaba o xuramento de adhesión (bay´ah) a Abu Bakr al- Baghadadi, líder da agrupación Estado Islámico (EI), o que provocou unha forte tensión entre esta e o Emirato do Cáucaso.

A tensión e eventual confrontación entre o Emirato do Cáucaso e o Estado Islámico á hora de erixirse como movemento hexemónico dentro do integrismo xihadista na rexión implica observar algúns factores estratéxicos. Destacan aquí  o atractivo do Estado Islámico entre os integristas caucásicos, en particular ante a súa penetración en organizacións xa anteriormente consolidadas como é o caso do Emirato do Cáucaso, e igualmente ante a posibilidade (finalmente infrutuosa), de colaboración entre ambas organizacións para “liberar o Cáucaso”.

Na actualidade, practicamente xa non queda ningún Emir da antiga estrutura do Emirato do Cáucaso, a excepción de Zalim Shebzukhov (alias Salim), quen controla as provincias rusas de Kabardino-Balkaria  e Karacháyevo-Cherkesia.

O territorio da filial do Estado Islámico, autodenominada Vilayat Kavkaz, ocupa só dúas das “jamaats” (unidades de combate provinciais) dirixidas por emires, que o Emirato do Cáucaso deixou “baleiras”([1]):

a)      Daguestán: dirixida por Rustam Asilderov, quen tamén lidera a organización como Emir central.

b)      Chechenia: controlada por Aslam Byutukaev, quen ten a mesma posición no organigrama que ostentaba no Emirato do Cáucaso.

 

O papel de Rusia

A fin de manter o seu dominio e a estabilidade dentro das súas repúblicas caucásicas, Rusia basea a súa política rexional en dúas premisas principais:

1º)  Todas as repúblicas autónomas do Cáucaso Norte, altamente subsidiadas dende Moscova, están gobernadas por dirixentes que pertencen a Rusia Unida, o partido do presidente Vladimir Putin. Ningún deles fora elixido por medios democráticos a través do sufraxio universal.

2º)  Represión e “man dura” contra os presuntos terroristas e os seus aliados.

En Chechenia danse varias circunstancias, permitidas dende o Kremlin, que perpetúan o sistema autoritario que dirixía Ajmad Kadirov ata a súa morte tras un atentado en 2003. O seu fillo e sucesor Ramzán erixiuse como un líder mais represivo e autoritario, constituíndose ó mesmo tempo nunha peza chave do poderío ruso en Chechenia.

Neste sentido, en Chechenia non existe oposición política nin tampouco liberdade de prensa libre. As ONGs alí asentadas deben manter una liña de actuación baixa a fin de non incomodar ao réxime de Kadirov. As redes sociais son o último recuncho de disconformidade e liberdade, aínda que tamén están vixiadas polo réxime.([2])

Con todo, Kadírov quere gañar forza e respecto en Moscova e está levando a cabo actuacións que non agradan demasiado ao presidente Putin. Mantén un “exército de voluntarios” que só lle renden contas persoalmente e posúen unhas competencias propias doutros corpos de seguridade rusos (Interior, Defensa, FSB ou GRU) que só serve a Putin e non ó conxunto da cidadanía rusa. Ademais, Kadirov mantén relacións cordiais cos grupos mafiosos que lle axudan a controlar á poboación.

Con esta estratexia, as autoridades rusas tiveron resultados contraditorios. Por unha banda, reduciron a intensidade dos atentados terroristas, xa que limitaron as capacidades económicas e loxísticas tanto do Emirato do Cáucaso como do Estado Islámico, así como diminuíron o número de combatentes que formaban parte das súas filas.

Noutro sentido, estas prácticas aumentaron a corrupción e a brutalidade por parte das autoridades e das forzas de seguridade rusas, aspecto que tamén elevou a adhesión e os apoios aos grupos xihadistas por parte de numerosas comunidades caucásicas. Putin é consciente disto e tolera a Kadírov porque, posiblemente, non teña ningunha alternativa mellor. Por tanto, o Kremlin non semella ter “plan B” para Chechenia.

 

O esvaecido mapa do terrorismo no Cáucaso

A organización que iniciou a loita por establecer un Cáucaso rexido pola “sharia” foi o Emirato do Cáucaso (Imarat Kavkaz) que aínda non se restableceu dos factores que o levaron a piques da desaparición como organización terrorista. O suceso inicial foi o auxe do Estado Islámico, un proxecto moito máis atractivo de islamización([3]), aspecto que provocou que miles de combatentes (ó redor de 2.200) mudasen cara este movemento xihadista.

Coa “traizón” de Asílderov, quen pasou de liderar a vilayat de Daguestán a dirixir a agrupación islámica rival e o seu jamaat, tamén como emir provincial, no mesmo territorio, comezou o verdadeiro declive, que acadou un punto crítico coa morte do seu emir central, Kebekov e o seu sucesor Magomed Suleimanov([4]).

Todo o que queda deste grupo está localizado na república rusa de Kabardino Balkaria, xa que só manteñen a loita armada neste territorio, o único que conserva o seu líder inicial.

A aparición do Vilayat Kavkaz non tivo o impacto esperado([5]). Só contribuíu ó enfrontamento entre ambos bandos terroristas. A súa matriz está concentrada en continuar a loita en Siria e Iraq e manter as súas posicións, máis que estender os seus territorios mais ao norte do Cáucaso. Sen apoios dos líderes do movemento, cunha estrutura debilitada, e sen actividade real, este movemento islamita atópase máis preto de seguir o camiño do Emirato do Cáucaso (e que eventualmente implique a súa desaparición) que a un establecemento definitivo como un actor importante dentro dos grupos terroristas a escala mundial.

Con ese sombrío panorama que comparten ambas organizacións, poderíase pensar que Rusia xa queda aliviada fronte a ameaza que tiña nas súas fronteiras máis meridionais. Sen embargo, o cálculo no Kremlin é distinto, xa que precisamente vese persuadido a continuar coa súa estratexia de represión e perfeccionala naqueles puntos que provocan un “efecto rebote” de eventual maior apoio ao xihadismo.

Con todo, a estabilidade do Cáucaso debe incluír unha perspectiva política global: mecanismos para eliminar a corrupción das institucións públicas; garantir o Estado de Dereito, así como un correcto proceso de detención e axuizamento con todas as garantías legais; e maior tolerancia relixiosa por parte das autoridades e da sociedade civil, que permita neutralizar ou ben evitar calquera variante fundamentalista.

A base de represión como a vivida en Chechenia, a situación no Cáucaso Norte co respecto á ameaza xihadista rexistrou notables melloras nos derradeiros anos, xa que as principais ameazas atópanse en situación terminal debido a multitude de factores, así como principalmente a través da forte presenza de Rusia na rexión. Con todo, a reaparición e eventual consolidación de grupos xihadistas no Cáucaso Norte terá inevitables consecuencias no contexto xeopolítico euroasiático, con capacidade incluso de expansión cara outros territorios.



([1]) Ingushetia e Kabardino Balkaria quedaron sen líderes provinciais unha vez as forzas de seguridade rusas remataron coa su vida dos seus respectivos emires, entre outubro e novembro de 2015.

([2]) Humillacións públicas, persecucións, queima de vivendas, encarceramentos falsos e incluso   desaparicións.

([3]) Hai diversos motivos para o éxodo dos “muyahidín” norcaucásicos do EdC ata Siria e Iraq: a atractiva visión milenaria e “teolóxica”, tanto de Al Qaeda coma do EI; a falta de armamento do EdC; e a relación co EI para recibir nos seus territorios adestramento, financiamento e redes de contactos.

([4])  Faleceu en agosto de 2015, a penas dous meses despois da súa chegada ó poder.

([5]) Ata agora, toda actividade desta organización redúcese á reclamación da autoría dun atentado que posteriormente confirmouse como fraudulento. https://observatorioeurasia.com/2015/09/16/daesh-ha-hecho-poco-en-el-caucaso-norte-a-pesar-de-atraer-a-los-militantes-regionales/

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais