Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza/Sermos 25 de Agosto de 2018 Ríos

Casa da Lusofonía

lusofonia.jpg

Casa de América (Madrid), Casa Asia (Barcelona e Madrid), Casa África (Las Palmas), Casa Árabe (Madrid e Córdoba), Casa Mediterráneo (Alicante), Centro Sefarad-Israel (Madrid)…. Non falta algo? O Ministerio de Asuntos Exteriores y Cooperación leva anos promovendo esta figura das casas para estimular as relacións de España con determinados ámbitos, como unha ponte con diversos mundos de especial interese. Nada dese esquema pendura en Galicia. Anos atrás, houbo a posibilidade de dotármonos dunha delegación da Casa Asia, asentada en Barcelona, pero quedou nunha de tantas promesas incumpridas, unha actitude facilitada polo noso propio desleixo. En tempos, tamén tentamos dende o IGADI que a Casa de América habilitara Baiona como sede complementaria para algunhas actividades, habida conta do papel da vila erizana na “xesta colombina”. Recordo que para as nosas autoridades locais era como falar vegliota (aquela fermosa invención de Reimundo Patiño) …

Que nós temos un papel niso que podemos chamar lusofonía é evidente. Que este é hoxe un ámbito xeopolítico de crecente importancia, pola relevancia de Brasil (integrante esencial desa ponla da multipolaridade que son os BRICS) e da propia África que fala portugués (Angola, Mozambique, etc.), é indiscutible. Como o é tamén que Madrid non mira para Santiago tempo hai (hai alguén aí?...), nin en Santiago semella haber ninguén que pense con folgura e ambición na xeración de complicidades para promover os intereses exteriores do noso país.

Se un entra na web oficial da CPLP (Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa) pode comprobar con relativa sorpresa que entre os observadores asociados non figura España. Está, que sei eu, Xapón, Xeorxia, Hungría, Arxentina, Italia, Francia… Iso a pesar dos vínculos existentes entre a lingua portuguesa e Galicia, un territorio que hoxe é parte de España, unha das súas nacionalidades históricas. Isto tráeme á lembranza como a China, de 1999 en diante, converteu a Macau, colonia portuguesa desde 1557 e derradeira colonia europea no xigante oriental, na punta de lanza da súa estratexia cos países da CPLP a través dun foro que se reúne periodicamente, dotándoo de recursos e políticas. Claro que China teno mais fácil ca nós, dirán algúns, seguramente, poñamos por caso, porque o mandarín e o portugués son moi semellantes…

Ninguén sabe dicir que foi da Iniciativa Paz-Andrade. O que estaba destinado a ser o comezo de algo prometedor semella que derivou nunha morte súbita, cando menos nos poleiros oficiais. Os actores que en Galicia están interesados na potenciación dunha acción exterior con acento na lingua temos agora, no librexogo que se abre no novo marco político estatal, a oportunidade de instar un compromiso do goberno central para facer xustiza e resarcir a Galicia deste esquecemento. E, de paso, enriquecer a súa política exterior nun ámbito incomprensiblemente desatendido.

Galicia é o marco natural para contar cunha Casa Lusófona. Os representantes galegos no Congreso e no Senado, as institucións galegas (comezando polo propio parlamento e a Xunta de Galicia, que igual se dan por aludidos), ese cuarto poder que representa o Consello da Cultura e a fragmentada pero rica sociedade civil da nosa comunidade, entre outros, faríamos ben en mobilizármonos a todos os niveis para conseguir este obxectivo.

E ollo, que se non, de chegar, moito me temo que acabará en Estremadura.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais