Distribuir

Distribuir contido
IGADI 13 de Marzo de 2017 VV.AA.

Canadá: referente de modelo integrador

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC.
canada.jpg

A acción exterior canadense leva anos proxectando os valores do ideario colectivo do país, baseado nos dereitos humanos, a promoción da democracia e paz, políticas de xénero ou políticas verdes, entre outros, o cal semella resultar nunha estratexia de éxito. A crecente relevancia do país norteamericano na escena global representa a culminación dunha aposta por estratexias de soft power(1), nas que destacan os modelos de cooperación internacional e de acollida e integración cultural de refuxiados e migrantes.

Sen obviar a súa forza económica e o peso do seu ámbito comercial, que sen dúbida sustentan gran parte da súa repercusión na axenda internacional (protagonista no impulso do CETA ou no TPP, membro do G-7 e membro fundador do G-20), a capacidade deste modelo para influenciar a outros actores globais e promover iniciativas baseadas nesas premisas sitúan a Canadá na vangarda internacional. Por tomar un exemplo, acollendo e formando parte activa do programa aprobado polas Nacións Unidas para o recoñecemento da “responsabilidade de protexer”(2).

Esta estratexia contrasta, por exemplo, coa desenvolvida na última década pola Rusia de Vladimir Putin: cunha proxección baseada no esquema militar, de éxito en canto a que lle supuxo o retorno á primeira escena internacional. Sen embargo, mentres esta última derivou no descrédito ante a comunidade internacional e a imposición de numerosas sancións, o camiño percorrido polo Estado norteamericano permitiulle recibir os eloxios da comunidade e obter os réditos derivados dunha imaxe pública e notoria como actor íntegro e garante.

Políticas de inmigración, dereitos humanos e multiculturalidade

A propia concepción da sociedade canadense sobre a súa natureza diversa e multiétnica (comunidades francófonas e anglófonas, poboación indíxena, etc.), quizais sexa a base do triunfo deste modelo de política interior e exterior. En especial, a política de acollida de persoas refuxiadas e o esforzo colectivo pola súa inserción activa representan o mellor exemplo.

Proba desta tradicional concepción atopámola xa en 1971, cando o goberno recoñecía oficialmente a “natureza pluralista da sociedade e definíase como comunidade bilingüe e multicultural”(3). A partires deste punto produciuse un forte avance en materia lexislativa que asentaba esta visión: destaca a Lei migratoria de 1976 (capacidade xurídica dos migrantes, dereito de asilo, reunificación familiar etc.) ou a Lei multicultural de 1988.

O terreo avanzado resultou clave para as iniciativas vinculadas á recente crise de refuxiados. Dende a chegada ao poder do primeiro ministro Justin Trudeau, Canadá acolleu a máis de 30.000 sirios, cunha previsión de ofertar asilo aínda maior, por contra dos 15.000 asumidos polos EUA. Mais a clave non só reside na recepción de solicitantes de asilo, senón de outorgarlles as facilidades necesarias para a integración nunha comunidade que xa conforman preto de 8 millóns de migrantes de todo mundo, segundo datos do Pew Research Center.

En termos de cohesión social, o seu éxito está fortemente ligado co modelo multicultural, que non busca a asimilación(4), senón que defende que os migrantes conserven as “costumes e tradicións, de forma que poidan conciliar as dúas identidades: a nova canadense e a de orixe(5). Alén do acceso aos servizos e dereitos de calquera cidadán, foméntase unha consonancia entre ambos mundos, construíndo unha nova dimensión acorde coa dinámica social do país.

Isto non supón, como se adoita cuestionar, a formación de grupos excluídos ou guetos, nin a permisividade de actividades sen cabida na lóxica colectiva e na lexislación canadense. Neste ámbito, dende as institucións móstrase firmeza ante a posibilidade de establecer sistemas reguladores paralelos, como podería ser a sharía, ou prácticas que vulneren os dereitos humanos, como a ablación ou os matrimonios concertados. Sen embargo, a propia confección do modelo social inclusivo, con respecto ás diversas identidades e culturas, supón a mellor ferramenta para evitar estas fórmulas ou prácticas extremas, pois facilita a aceptación duns valores comúns.

A promoción de programas educativos, destinados ao colectivo migrante e refuxiado, evidencian a combinación entre o modelo social inclusivo e outro dos eixos da política de soft power. Nesta escena, eríxese como baluarte o ámbito universitario, fomentando plans de acollida internacionais con destino a estas institucións (Student Refugee Program-SRP)(6).

Tanto no ámbito educativo como no social, este contexto non resultaría posible sen a implicación da sociedade canadense e das institucións privadas que, combinando esforzos co sector público e ONGs, levan a cabo un labor fundamental. A través de redes de axuda entre estudantes, docentes, funcionarios, particulares e empresas, recadan patrocinios e actúan como elemento de apoio para os recen chegados. Deste xeito, o aliñamento entre goberno e sociedade fomenta, a súa vez, o tecido de tupidas redes cooperativas entre distintas comunidades, levando a unha concepción de valores comúns nun escenario multicultural.

Proxección internacional e novos desafíos

Se ben este sistema goza de certa tradición, a súa continuidade en tempos nos que, sen dúbida, parece proxectarse unha sombra de sospeita e desafección sobre o colectivo migrante e refuxiado, sitúa a Canadá como referente no campo dos dereitos humanos.

Alén de outras políticas características do soft power, como as citadas en liñas anteriores, esta circunstancia foi aproveitada habilmente polo executivo que dirixe Justin Trudeau. Non sen críticas, esta estratexia de “publicidade” serviu como plataforma impulsora do Estado canadense na escena internacional, tanto en organismos multilaterais, como a ONU, rexionais (Unión Europea) ou no marco de relacións bilaterais (con México ou cos EUA).

No escenario derivado do repregue estadounidense, é previsible un aumento do tránsito fronteirizo de indocumentados ou unha hipotética recondución dos fluxos centroamericanos cara Canadá. Polo tanto, poderá ser necesario atopar novas fórmulas que outorguen unha resposta igualmente eficaz a un fenómeno que, ata agora, foi menos experimentado.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado  en Historia (USC) e estudante no Máster “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

Citas:

 

(1) Termo acuñado por Joshep Nye, describe a capacidade dun actor político para incidir nas accións ou intereses doutros actores a través de medios culturais e ideolóxicos, como complemento da diplomacia.

(2) Establece a responsabilidade de cada Estado de protexer a súa poboación de xenocidios ou crimes de guerra e, no caso de vulnerarse este principio, a Comunidade Internacional debe interceder, axudar e a alentar a dito Estado a asumir esa responsabilidade.

(3) RETORTILLO OSUNA, A. ; OVEJERO BERNAL, A. ; CRUZ SOUSA, F. ; LUCAS MANGAS, S. ; ARIAS MARTINEZ, B. “Inmigración y Modelos de Integración: entre la asimilación y el multiculturalismo”, Revista universitaria de ciencias del trabajo. Universidad de Valladolid nº 7, 2006, pp. 134

(4) Proceso polo cal una comunidade etno-cultural adopta e intégrase nos costumes ou características da comunidade dominante ou maioritaria, perdendo total ou parcialmente a súa propia especificidade.

(5) FANJUL, Enrique “Canadá, el multiculturalismo tranquilo”,  Real Instituto Elcano, 7/2016parr. 8. Ver en: http://www.blog.rielcano.org/canada-multiculturalismo-tranquilo/

(6) http://wusc.ca/en/srp

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais