Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 11 de Xuño de 2014 Ríos

Camiños e atallos: de Chihiro a Feijóo

Trala súa xira por Xapón, o Presidente da Xunta de Galicia amosouse convencido do acerto de acercarse á terceira economía do mundo. Pero, cal é o balance desta viaxe que cubriu “ao cen por cen” as expectativas? Xulguemos polo anunciado: próxima visita a Galicia dunha delegación da distribuidora AEON, probable visita dos grandes almacéns ISETAN, probable visita a Galicia dun responsable da asociación de fabricantes de automóbiles, visita de representantes do Laboratorio de Pesca da Universidade de Kinki, posibilidades con Nissan, posibilidades con NTT Data, posibilidades para o CTAG,… Feijóo mantivo unha axenda xenerosa, celebrou reunións con institutos e asociacións, visitou grandes almacéns…. En resumo, unhas vinte horas de voo, máis de 10.000 km de distancia, cinco días de encontros, pero unha viaxe que ante todo foi exploratoria resultando en ningún acordo reseñable. Para quen sempre gosta de presumir de eficiencia e calidade na xestión, o balance demostra que a viaxe careceu dunha misión preparatoria elemental que lle permitira ao Presidente algo tan simple e esencial como pechar acordos. A fin de contas, a iso van fóra os presidentes, non só a repartir convites e tarxetas de visita.

Os respectivos camiños (de Santiago e Kumano) estiveron moi presentes no periplo, enfatizando o valor cultural e turístico de ambas as dúas iniciativas, certamente con un gran potencial. O presidente Feijóo gabou o valor do intercambio entre as dúas culturas pero paradoxalmente descartou a posta en marcha de calquera proxecto cultural nesa liña. Sorprende escoitar a súa defensa dunha modernidade como a xaponesa, non desnaturalizadora, non mera imitación de modernidades estranxeiras, cando aquí nos aplicamos tan teimudamente ao contrario. Sorprende igualmente o nulo espazo concedido na visita a recoñecer o labor dos amigos nipóns da nosa cultura, con recoñecida traxectoria a prol da nosa lingua, papel no que destacan en toda Asia. Sobra dicir que a cultura (comic, incluido) é unha industria con unha tradución económica e laboral capaz de competir coas súas singularidades con outros sectores produtivos do noso país. O seu esquecemento unha vez mais revela a escasa autoestima das nosas autoridades respecto deste sector estratéxico e a  incomprensión teimuda do seu valor para a internacionalización, cousa que poderían aprender de Xapón.

Feijóo quedou impresionado polo contacto coa realeza do Afastado Oriente, cautivado polo cariño mostrado polo príncipe Naruhito, destacando que se entrevistou con el “por segunda vez en menos dun ano”.....

Fraga visitou Xapón en 1996. Feijóo volveu 18 anos despois. Temos estratexia exterior? Se tomamos como referencia a visita que o embaixador de Xapón en España realizou a Santiago en xuño de 2012 e os pasos acontecidos desde entón por iniciativa nipona debemos constatar que do lado oriental si existe unha política definida. No caso galego, non. Falamos de Xapón, a terceira economía do mundo, pero podiamos falar da quinta, Brasil, con máis proximidades históricas e culturais, e onde a día de hoxe non contamos con unha política precisa e sostida. Tralas visitas do presidente da Xunta en 2012 a Brasil, que impactos sólidos podemos acreditar?

Non é só un problema do goberno, éo tamén da oposición, a todas luces incapaz de facer un seguemento serio das actividades da Xunta neste eido, trascendendo as habituais e pobres críticas (canto gastou, foise de vacacións, fuxiu dos problemas de aquí.....) en vez de avanzar propostas de acción que contribúan a definir unha política exterior simplemente pensada e non resultado de vagas anécdotas, impresións e cariños, tanteos ou experimentos.

Na mítica viaxe de Chihiro, Miyazaki alerta dos perigos dos atallos. En certas cousas, como esta, non hai atallos, hai que poñer un a un os paralelepipedos na orde axeitada, cubrindo os ocos, con rumbo certo, e persistindo. De non facelo así, son moitas as probabilidades de que nada volvamos saber do asunto ata dentro doutros 18 anos....

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais