Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
18 de Xullo de 2017 VV.AA.

Cambio de rumbo? Novas políticas de seguridade en Guatemala e Honduras

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC
Protesta en Guatemala. Fonte: Axencia Xinhua

Prometedoras iniciativas parecen desenvolverse en Guatemala e Honduras, afastadas das lóxicas militaristas tradicionais e baixo enfoques máis transversais, e que pretenden reconducir a estratexia de seguridade cara as bases da problemática imperante en ambos Estados. Nesta estratexia, na cal xoga un papel relevante a colaboración internacional, estanse a configurar instrumentos xurídicos e sociais de gran relevancia na loita contra a endémica corrupción institucional, a inxerencia do crime organizado e o conseguinte  empuxe migratorio.

Resultan certamente interesantes figuras como a Comisión Internacional Contra a Impunidade en Guatemala (CICIG) – implantada dende 2007 pero con gran relevancia actual- e a recentemente creada Misión de Apoio Contra a Corrupción e a Impunidade en Honduras (MACCIH), coma esforzo significativo para aplacar unha das bases fundamentais da inseguridade e conflitividade social: a corrupción institucional e a conivencia política co crime organizado e as actividades criminais.

Do mesmo xeito, o impulso de iniciativas de carácter civil tamén produciu significativos éxitos a hora da dirimir tensións locais e de reforzar a cohesión social das comunidades, algo esencial para evitar a consolidación de estruturas paralelas ao Estado.

No plano internacional, a coordinación con organismos supranacionais parece reportar substanciais éxitos, evitando o posible lastre que podería xurdir dende ámbitos contaminados do Estado. Tamén cabe destacar o progresivo acercamento e colaboración co ámbito europeo, colaborando no deseño de políticas rexionais conxuntas de seguridade e promoción social.

Cara estratexias máis integrais: avance e cooperación internacional

Os plans trazados en coordinación con organismos internacionais e rexionais configuran unha alternativa que contrasta cos postulados tradicionais promulgados dende Washington, enquistados na securitización e vixilancia fronteiriza. Coma experiencia pioneira, cabe destacar o papel da CICIG en Guatemala, motor da loita contra a corrupción institucional e espertar da mobilización cidadá.

Configurada e monitorizada dende as Nacións Unidas, actúa con atribucións similares as dunha fiscalía internacional, pero operando dentro das fronteiras e do marco lexislativo de Guatemala. Céntrase na loita contra “corpos e redes clandestinas políticas e de seguridade(1) que actúan no seo das institucións estatais, realizando actividades ilegais e bloqueando accións xudiciais e, en definitiva, contaminando o aparato do Estado e afectando gravemente o correcto desenvolvemento das súas atribucións.

Implantada dende o 2007, colectou notorios éxitos – tanto nas investigacións propias como nas derivadas da formación de fiscais e xuíces guatemaltecos- sendo o máis destacado a dimisión e posterior procesamento do ex presidente Otto Molina (2015) por unha trama de corrupción aduaneira e o conseguinte fraude fiscal, así coma o procesamento da vicepresidenta Roxana Baldetti, actualmente extraditada aos EUA.

Pero se hai algo certamente esperanzador e salientable das investigacións impulsadas polo CICIG, foi o “espertar cívico” e a indignación social que encheu as rúas e “mobilizou a cidadáns furiosos pola corrupción dende facía moito tempo, pero aletargados e impotentes ante ela(2). A súa volta a “arena política” e o reclamo público e notorio contra a corrupción, configura a mellor oportunidade para fortalecer o Estado de Dereito e a purga das figuras políticas que lastran o desenvolvemento socioeconómico do país, pois resulta manifesto que o motor social tende a arrastrar ao espectro político, por razóns obvias.

No escenario hondureño -cunha configuración que mostra similitudes co CICIG- e regulada pola Organización de Estados Americanos (OEA), atopamos a MACCIH. Neste caso resulta novamente notorio o impulso social, pois a iniciativa derivaría do clamor social derivado do escándalo de corrupción que asolou o Instituto Hondureño da Seguridade Social (IHSS), en 2015.

Pese a que a súa andadura móstrase máis limitada, debido a súa breve existencia (mediados de 2016),e aínda que as súas actuacións poidan atoparse máis condicionadas ao depender directamente do goberno, supón un esforzo pírrico e innovador no canto de fortalecer as estruturas públicas do país e o reforzo do ámbito xudicial e de seguridade. Proba deste esforzo resulta a recente condena por corrupción contra Mario Zelaya (15 anos), ex director do IHSS, ou a investigación sobre a corrupción política vinculada ao asasinato da recoñecida activista Berta Cáceres.

A continuidade, reforzo e consolidación do MACCIH en Honduras configúrase como a mellor ferramenta para afrontar o cambio nas dinámicas criminais do país, onde saltan as alarmas polo seu posible cambio de rol na ruta da cocaína, mudando de simple área de paso a zona produtora. Neste posible escenario, a capacidade de loita contra a penetración de organizacións criminais nas estruturas institucionais - eixo fundamental da súa consolidación- representa a mellor baza para o Estado.

No referente as asociacións civís, destacan enormemente as iniciativas impulsadas no escenario hondureño. A creación da figura dos “mediadores de áreas rurais” -financiados mediante a cooperación internacional- encárganse da pacificación destas áreas, dirimindo disputas veciñais menores e fomentando a cohesión comunitaria. De igual modo, “a construción de centros asistenciais nas áreas urbanas máis afectadas pola violencia deu coma resultado unha diminución significativa dos homicidios en zonas de San Pedro Sula(3).

De igual modo, cabe sinalar as foron interesantes reformas das políticas carcerarias ou o dos plans de seguridade fronteiriza. No primeiro caso, mediante a creación de novos centros de alta seguridade e incomunicados para líderes criminais, logrouse desconxestionar as superpoboadas cárceres hondureñas, que actuaban de feito como centros de operacións do crime organizado e como zonas de recrutamento masivo.

No segundo caso, o denominado “Plan Fortaleza” –que abarca todo o Triángulo Norte Centroamericano- busca erradicar a presenza das grandes e pequenas organizacións criminais nas divisorias da rexión e o seu papel nas rutas do narcotráfico, minimizando tamén a súa inxerencia e acceso ao colectivo migrante.

Continuar a senda, retos pendentes

Os innovadores e recentes plans estratéxicos supoñen un halo de aire fresco ante as tradicionais e monolíticas políticas de seguridade, ensimesmadas na  securitización e militarización do ámbito civil, e que conduciron a repetitivos e tanxibles fracasos. Sen embargo, e necesario ser consciente de que o camiño aberto debe manterse a medio-longo prazo, sen desistir ante os continuos vaivéns sociopolíticos da rexión -se realmente se pretende un cambio notorio nas dinámicas existentes- pois a penetración da corrupción e das estruturas criminais nas institucións, así como a conivencia coa cultura criminal,resulta demasiado consolidada e arraigada.

Tamén existen numerosos espazos de mellora e que deben ser afrontados de forma dilixente. Prosegue a focalización das estratexias de seguridade nos eslavóns máis baixos da cadea, obviando as grandes estruturas criminais. A continua aposta por medidas altamente restritivas e violentas –chegando á formación de grupos parapoliciais- constitúe un funesto bucle, quizais só explicado polo rédito electoral que supoñen ditas medidas ante un notable cansazo social.

Na mesma dinámica, a atención cara políticas de promoción social e xuvenil continúa sendo unha materia pendente. Esta situación agrávase coa promulgación de reformas lexislativas(4) que deforman a verdadeira identidade do problema e tenden a victimizar a colectivos xa de por si vulnerables. Esta situación da coma resultado un empuxe migratorio devastador que, a día de hoxe, só Honduras recoñece coma desprazamento forzoso.

Non resulta claro dilucidar se a tímida viraxe cara enfoques máis transversais trátase dun experimento puntual ou da pauta a seguir nas próximas décadas, afianzando os organismos existentes e impulsado novos plans que orienten o seu enfoque cara as bases da problemática compartida por ambos Estados. A experiencia obtida nos usuais vaivéns políticos da zona no invita demasiado ao optimismo, máis a palpable e paulatina aquiescencia cara enfoques alternativos, así como a crecente proactividade social, podería cimentar un transcendental cambio de rumbo.

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

Citas bibliográficas:

(1) Acuerdo entre la Organización de las Nacións Unidas y el Goberno de Guatemala relativo al establecimiento de una Comisión Internacional Contra la impunidad en Guatemala (CICIG)” Nova York (12/2006) pp. 2 [En liña] http://www.cicig.org/uploads/documents/mandato/cicig_acuerdo.pdf

(2)“¿De bastón a catalizador?: La comisión internacional contra la impunidad en Guatemala”, International Crisis Group, Informe Sobre América Latina nº 59, Nova York, Bogotá, Cidade de Guatemala (1/2016) pp.10

(3) BRISCOE,  Iván; MARTÍNEZ, Sofía; “El deja-vu de las políticas de seguridad en Honduras”, International Crisis Group, Nova York (6/2017) [En liña] https://www.crisisgroup.org/latin-america-caribbean/central-america/honduras/el-deja-vu-de-las-politicas-de-seguridad-en-honduras

(4)As leis “anti-maras” e de “man dura” aplicadas no Triángulo Norte Centroamericano levaron consigo a masificación das penitenciarías, recluíndo a individuos por mera pertenza ou sospeita de pertencer as pandillas, sen delito consumado. De igual xeito, a determinación das maras coma “organizacións terroristas” (O Salvador) alimentou os discursos anti-estatais, favorecendo a captación, e mesmo derivou en certos incidentes no experimentados previamente (vehículos bomba). Recentemente, Honduras aprobaría unha reforma do Código Penal (marzo de 2017) emulando os postulados salvadoreños.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais