Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 21 de Marzo de 2016 González Palau

Cabo Verde muda o ciclo

cabo_verde_feb_2005_069.jpg

O domingo sucedéronse no arquipélago africano as eleccións lexislativas (as máis determinantes do sistema político caboverdiano), dando lugar a un cambio de goberno e a un novo primeiro ministro do MPD (Movemento da Democracia), acabando así con 15 anos de gobernos do PAICV (Partido Africano da Independencia de Cabo Verde).

O novo Primeiro Ministro, Ulises Correia e Silva, ex alcalde da Praia (2008-2016), construíu o seu discurso gañador en positivo por medio do seu legado na transformación da capital do país, mais tamén grazas ao cansanzo e desgaste xerado arredor dos últimos anos de goberno do PAICV, acusado de nepotismo estrutural nun marco onde a economía nacional permanece estancada; cunha débeda pública que ameaza con futuras tormentas de estabilidade para o país.

A vitoria electoral, por maioría absoluta esmagadora e con vitoria do MPD nas sete illas do arquipélago produciuse contra a xove Janira Hopffer, que acudiu a batalla electoral coa posibilidade de converterse na primeira muller en ocupar o máis alto cargo dun estado africano. Janira, relegaba dentro do liderado do PAICV ao xa ex primeiro ministro e líder carismático Jose María Neves. Pese á súa vitoria nas primarias do PAICV, Janira non conseguiu manter o partido unido coa intensidade que un proceso electoral desta natureza precisa. Desde a súa nominación, a vella dirixencia do PAICV amosou os seus receos cara a candidata, que pola contra mantiña un forte liderado entre a xuventude e as bases, o que fai que pese a contundente derrota o seu futuro político non estea finiquitado aínda.

Ulises Correia, de 54 anos, é economista, un experimentado xestor e un político con experiencia na máis alta política caboverdiana, onde exerceu coma Ministro de finanzas nos anos 90, durante os primeiros gobernos do MPD. Así as cousas, Ulises conseguiu concentrar arredor da súa figura un forte liderado no seu partido, ademais do recoñecemento xeralizado de poñer Praia a altura das mellores capitais africanas O motor da súa campaña acentuou o seu perfil técnico coa necesidade de redemocratizar Cabo Verde, apelando ás primeiras eleccións democráticas que o MPD gañara en 1991 tralos anos de goberno do PAICV como partido único trala independencia en 1978. O forte liderado de Ulises tamén evitou que terceiros partidos como a UICD de Antonio Monteiro (pese a obter tres deputados e un resultado histórico) gañasen máis espazo neste contexto de desafección cara as institucións e a clase política.

Os desafíos para Ulises serán moitos, comezando pola economía e a loita contra a pobreza, xunto á seguridade cidadá, que nos últimos anos tamén tomou carta de preocupación no país. O desemprego, especialmente frustrante para os sectores máis novos e formados do país, a rexeneración das institucións ou as relacións coa comunidade e a cooperación internacional, tamén serán elementos centrais nas tarefas que o novo primeiro ministro deberá acometer.

Foi este o primeiro round electoral deste 2016 en Cabo Verde, que concentra todos os procesos electorais do seu sistema político. Despois do verán agárdanse as eleccións municipais e antes de final de ano serán as eleccións para a Presidencia da República.

Para Galicia, que ten en Cabo Verde extensas relacións políticas, económicas, culturais ou académicas, que nos posicionan indirectamente en África e na CPLP, os resultados destes procesos electorais estabilizarán o marco de relacións institucionais para o próximo lustro. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais