Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 13 de Novembro de 2012 Oki

Brota un terceiro polo na política xaponesa?

Xapón xa non ten o brillo doutros tempos. A denominada “década perdida”, que empezou en 1991, non finalizou ao cumprírense os 10 anos e aínda vaga polas tebras sen atopar a saída. Segundo unha investigación do Instituto Internacional para o Desenvolvemento da Xestión, Xapón ocupa o 27º lugar no ranking da competitividade global en 2012, aínda que estaba en primeiro lugar en 1991. Segundo datos do Fondo Monetario Internacional publicados en outubro de 2012, Xapón figura na 174º posición a nivel mundial no ranking da taxa de crecemento económico de 2011.

A economía xaponesa está estancada. De feito, a participación dos produtos xaponeses no mercado internacional está diminuíndo, aínda que controlaba unha elevada porcentaxe en varios sectores. Por exemplo, Sony figuraba en primeiro lugar mundial no sector da televisión ata 2005, pero en 2011 Samsung (Corea do Sur) quedou en primeiro lugar, LG (Corea do Sur) quedou en segundo lugar, Sony en terceiro lugar, Panasonic en cuarto lugar e Sharp en quinto lugar. Cando por razóns de traballo debín realizar viaxes ao estranxeiro, decateime de que os instrumentos eléctricos nos hoteis, como a televisión e o mini-bar ou os coches na rúa, xa non foran producidos en Xapón, un aspecto que certifica porqué sinto ben próxima a caída económica do país.

Xapón perdeu non só o ritmo de crecemento económico senón tamén a súa presenza na política internacional. O presidente estadounidense Barack Obama, que recentemente foi reelixido no seu país, chamou por teléfono aos xefes de Estado de varias nacións, pero aínda non falou co de Xapón. É difícil para un primeiro ministro xaponés construír unha boa relación persoal co presidente de EUA debido a que os xefes de goberno de Xapón cambian todos os anos. Na actualidade, en Xapón non existen moitos políticos que poidan manexar o temón e dirixir o país.

No que vai de século XXI tivemos oito primeiros ministros. Nos últimos 6 anos tivemos seis primeiros ministros. A pesar de que o mandato gobernamental é de catro anos (con posibilidade de reelección), os últimos 6 primeiros ministros non puideron completar o seu mandato. Xa que logo, e tendo en conta esta falta de continuidade, é difícil crer nas palabras dun primeiro ministro dun goberno que cambia cada ano. Por esta razón, é certo que Xapón perdeu presenza na política internacional nos últimos anos.

O declive do “Sistema 1955”

Desde o ano 1955, o Partido Liberal Democrático (PLD) gobernou Xapón mantendo un alto crecemento da economía. Con todo, este sistema, coñecido como o “Sistema 1955”, terminou cando o PLD perdeu a súa supremacía para pasar a ser o partido da oposición en 1993, en gran parte pola perda de puxanza da economía e a desconfianza política, aínda que quedaba entón aínda como o primeiro partido na Cámara Baixa. En 1994 volveu ser elixido como o partido no poder, encargándose xa que logo da política xaponesa. No entanto, houbo un gran cambio político en 2009. O PLD perdeu nas eleccións xerais, pasando a ser o partido da oposición (quedando igualmente como segundo partido da Cámara Baixa por primeira vez desde 1955), e así xurdiu o goberno do Partido Democrático de Xapón (PDX).

O obxectivo fundamental do PDX era a destrución dos hábitos políticos e a liña de conduta adoptaba polo PLD desde tempo atrás. Estableceu a Conferencia de Revitalización Gobernamental para revisar o orzamento estatal e buscar recursos financeiros. Reduciu as obras públicas co slogan “Non para o formigón, senón para a xente”. O PDX dicía que se podían aforrar 16,8 billóns de yens refacendo o orzamento. Con todo, resulta que os gastos do Estado aumentaron (90,3 billóns de yens en 2012) e ampliouse o déficit público considerablemente a partir de 2009.

Nos últimos catro anos, a emisión de bonos públicos superan aos ingresos por impostos: nas rendas do Estado de 2012, os ingresos por impostos ascenden a 42,3 billóns de yens, os bonos a 44,2 billóns de yens e os outros ingresos cífranse en 3,8 billóns de yens. Agora restan 709 billóns de yens en bonos públicos (equivale aos ingresos dos impostos de 17 anos), sendo este o saldo máximo da historia de Xapón. Ademais decidiuse un aumento de impostos en agosto de 2012. O IVE subirá a partir de abril de 2014. O 12 de novembro de 2012, o primeiro ministro Yoshihiko Noda presentou escusas ante as perspectivas de que os aforros financeiros de 16,8 billóns de yens que argumentaba o PDX era demasiado optimista.

Igualmente, cambiaron as relacións internacionais desde o goberno do PDX. A confusión sobre a base de EUA en Futenma arrefriou as relacións entre Tokio e Washington. Ao mesmo tempo, o goberno xaponés enfrontouse con China en torno ao problema territorial sobre as illas Senkaku, con Corea do Sur sobre a illa de Takeshima e con Rusia en torno ao Territorio do Norte. Xa que logo, os países veciños aproveitábanse da debilidade do goberno do PDX. A importancia outorgada aos países asiáticos por parte da diplomacia impulsada polo ex primeiro ministro Yukio Hatoyama, provocou o empeoramento da alianza nipo-norteamericana, pero o PDX fracasou ata na consolidación das súas relacións cos países asiáticos.

Estes fracasos, tanto na economía como na política exterior, provocaron a desconfianza dentro da sociedade xaponesa. A taxa de apoio ao PDX era do 29,4% en outubro de 2009, pero segundo as últimas enquisas realizadas pola axencia Jiji Press, a taxa de apoio é do 7,3%. O problema é que a desconfianza ao PDX esténdese non só dentro da sociedade xaponesa senón tamén dentro do propio PDX. Os escanos que tiña nas eleccións xerais de 2009 sumaban 308, pero agora ten só 242 escanos na Cámara Baixa. O número total de escanos na Cámara Baixa é de 480, é dicir, está a piques de perder a maioría (o PDX mantén unha coalición cos partidos pequenos, así que o partido no poder ten 248 escanos na Cámara Baixa). Trala vitoria en 2009, o PDX perdeu aos seus compañeiros de alianza. Os parlamentarios que se separaron do PDX formaron outros partidos políticos. Por exemplo, Ichiro Ozawa, ex líder de PDX, formou o partido político “Primeiro a vida das persoas” (PVP). Ten 38 escanos e é o terceiro partido máis grande na Cámara Baixa.

Na miña opinión, sen dúbida, o PDX perderá un apoio considerable nas próximas eleccións xerais. A expiración do mandato dos deputados debe producirse en agosto de 2013, pero é máis que probable a convocatoria de eleccións xerais antes da finalización do mandato. Será en decembro próximo ou un pouco máis tarde. Xa que logo, que partido gañará? Segundo as enquisas de Jiji Press, o PLD obtería 16,8% e o Partido Novo Komeito (PNK) un 4,4%, mentres o PDX sumaría un 7,3%. Polo tanto, o PLD gañaría en certo grao e volvería ao poder eventualmente formando unha coalición co PNK. Con todo, a razón fundamental da vitoria (prevista) do PLD será a desconfianza cara ao PDX. É un escenario que se asemella á vitoria do PDX en 2009. Como o PLD é un partido “atrapaotodo”, non poderá manter o apoio do electorado.

Cara a un terceiro polo?

O que os xaponeses desexan é un fortalecemento da política e a economía. Necesitan unha alternativa politicamente consolidada e forte. Por esta razón, agora está impulsándose unha tendencia destinada a formar o terceiro polo na política xaponesa. Fundamentalmente, a liña de conduta deste movemento é diferente da do PDX e o PLD.

O partido máis grande e que máis chama a atención dentro deste movemento é o Partido Restauración de Xapón (PRX) formado en setembro de 2012. Ese partido político naceu do partido rexional Asociación Restauración de Osaka. O líder de PRX é Toru Hashimoto, un avogado actualmente alcalde de Osaka famoso polas súas múltiples actuacións en programas de televisión. En 2008 foi elixido como gobernador da provincia de Osaka. Dimitiu en 2011 e foi entón elixido como alcalde da cidade de Osaka. É un bo orador e o seu estilo parécese ao de Junichiro Koizumi, ex primeiro ministro de Xapón. Segundo a estratexia do PRX, a súa política é radical nalgúns ámbitos. Por exemplo, propón a elección do primeiro ministro por votación popular, a abolición da Cámara Alta, a redución do número fixo na Cámara Baixa, a modificación da Constitución, etcétera. Pero existe a posibilidade de que os xaponeses, ao aceptar estas reformas radicais, estean buscando unha alternativa política forte. En outubro de 2012, a taxa de apoio ao PRX era do 1,2%, quedando en cuarto lugar en canto á popularidade.

Shintaro Ishihara, actual gobernador de Tokio, tamén rivalizará por tomar as rendas do Estado. O 25 de outubro de 2012 mostrou de súpeto a súa intención de dimitir do posto de gobernador anunciando que ía formar un novo partido político para presentarse como candidato para as próximas eleccións xerais. Ishihara foi tamén parlamentario entre 1968 e 1995, para posteriormente pasar a gobernar a alcaldía de Tokio desde 1999 ata agora. En diversos medios de comunicación estranxeiros aseguran que Ishihara é un político de extrema dereita. O certo é que as súas palabras son radicais, pero tamén é certo que é moi popular en Tokio. Acaba de anunciar que o seu partido chamarase “Partido do Sol”. É probable que reúna non poucas simpatías.

Serán estes dous partidos o terceiro polo da política xaponesa? É pronto para sabelo. Aínda que gañen uns escanos nas próximas eleccións xerais, creo que non poderán demoler o muro do bipartidismo da política xaponesa. Con todo, cando o próximo goberno perda forza, faccións do PLD e do PDX poderían unirse ao grupo de Hashimoto e Ishihara e formar o terceiro polo na política xaponesa. Poida que este sexa o verdadeiro fin do “Sistema 1955” e o comezo dunha nova etapa da política xaponesa.
 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais