Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
30 de Maio de 2017 VV.AA.

Brexit e eleicións xerais no Reino Unido

Teresa Barro achega a súa visión
Fonte: Xinhua

Tudo semellaba indicar que a grande vencedora nas eleicións xerais convocadas no Reino Unido para o oito de xuño sería Theresa May, grazas á maneira en que se amosou decidida a defender o Brexit logo do referendo no que gañaron os partidarios de deixar a Unión Europeia.

Poucas veces terase visto unha reación tan antidemocrática e altaneira como a que houbo co referendo do Brexit. As elites británicas, europeias e mundiais, de direita, esquerda e centro, uníronse para insultar á xente ¨ignorante¨ que non fixera caso do que aconsellaban os expertos  e votaran polo Brexit. O que lles dera un susto fora ver a posibilidade de que o neoliberalismo levase un golpe de morte coa desintegración da Unión Europeia, un dos pilares mais fortes do sistema. Laiáronse de que os ¨ignorantes¨ non soubesen aprezar o mundo feliz que as elites criaran para eles. Inventaron que os que votaran o Brexit non se decataran do que facían e portanto tería que haber outro referendo para que puidesen demostrar o arrependidos que estaban.  Os meios de comunicación non pararon de facer propaganda das cousas terríveis que lle sucederían ao Reino Unido se abandonaba a Unión Europeia.  Viuse con claridade o moi afeitas que estaban as elites a amañar ditaduras disfarzadas de democracia sen que ninguén as parase.

No meio de toda a propaganda contra o Brexit viñeron as eleicións municipais do catro de maio.  O resultado foi unha demostración tan clara de que os británicos non estaban arrependidos de teren votado polo Brexit que non houbo maneira de seguir negando a vontade e o sentir da xente.  As perdas do Partido Laborista foron imensas; o Partido Liberal-Demócrata, que pensaba que os ¨arrependidos¨ o votarían para demostrar europeísmo, levou un chasco e quedou cuase sen nada; o de que non se votase ao UKIP, o partido que loitara polo Brexit, demostrou que fora un movimento ad hoc para conseguilo e que xa non facía falta, ainda que podería rexurdir mais adiante.  E o Partido Independentista Escocés, que non é verdadeiramente independista porque o que quer é arredarse do Reino Unido para entregarlle a soberanía á Unión Europeia, viu con temor o rexurdimento dos conservadores unionistas, que foran os favoritos de sempre na Escócia até os tempos de Margaret Thatcher.

Mas logo publicáronse os manifestos dos partidos e de imediato mudaron os resultados das enquisas de opinion.  Do programa do partido laborista moqueáronse os conservadores dicindo que era unha volta á esquerda dos anos setenta e pura saudade daqueles tempos. Os laboristas dixeron que o dos conservadores era cruel e desumano, e semella que a xente pensou iso tamén porque de golpe os conservadores foron para abaixo e os laboristas para arriba. O notável é que, por primeira vez en moitos anos, os laboristas apresentaron un programa moi de esquerda, sen se deixaren levar polo medo a que non agradase.  Os  conservadores, tan seguros se sentían de que a esquerda afundira para sempre, que apresentaron un programa de direita asoballante que protexe os moi ricos e deixa os demais sen nada. O Brexit estará moi no fondo destas eleicións.  Se gañan os conservadores será en grandísima parte por culpa da atitude da esquerda en xeral de estar en favor da Unión Europeia e en contra da independenza do país. Pero tamén contará, e moito, o de se os votantes queren unha sociedade con benestar para todos ou só para os moi ricos. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais