Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 20 de Novembro de 2015 VV.AA.

Bretaña, razón celta e xacobinismo galo

Unha análise de Daniel Arias (estudante en prácticas da USC)

Bretaña é un territorio dotado dunha gran singularidade no interior das fronteiras francesas. Dous idiomas, unha cultura e un territorio propios ademais dunha ampla traxectoria como pobo ao longo da historia dótana de tódolos elementos teóricos constituíntes dunha nación. Aínda que sen Estado propio que lle proporcione un sustento como entidade política independente, Bretaña séguese a considerar unha das nacións mais antigas de Europa, unida ás demais nacións celtas coas que conserva lazos culturais de gran valor.

Hoxe en día, Bretaña é unha rexión administrativa pertencente á República francesa que á súa vez está dividida nos departamentos de Finistère, Côtes-d'Armor, Morbihan e Ille-et-Vilaine. A súa capital actual sitúase na cidade de Rennes aínda que isto non foi sempre así; historicamente, a capital do país bretón foi Nantes, situada hoxe no departamento do Loira Atlántico na rexión veciña dos Países do Loira.

Esta separación realizouse en 1955, ano da creación de tódalas rexións administrativas do país galo. Isto leva consigo unha importante mensaxe negativa por parte do Estado de cara ao pobo bretón e a súa dignidade. A dinámica estatal de corte xacobina pola cal se defende unha visión centralista do Estado, conleva tan só o recoñecemento da nación, lingua e cultura únicas: a francesa. Na Constitución de tódolos franceses non se recoñece, en tanto pobos, a todos eles –cidadáns-, senón a unha maioría, polo que as minorías quedan excluídas do texto.

No ano 2016, as rexións administrativas de Francia veranse alteradas de novo debido a unha das reformas de F. Hollande, dirixidas a reducir o gasto público. Reduciranse de 22 a 13 o número de rexións. Bretaña non será unha delas.

En canto ao autogoberno da Bretaña, podemos dicir que non é distinto de calquera das outras rexións administrativas francesas. Estas posúen unhas competencias de autogoberno bastante reducidas en comparanza con outros estados da Unión Europea como Alemaña ou Reino Unido. As rexións non posúen autonomía lexislativa aínda que si posúen capacidade regulamentaria, financeira e orzamentos propios. As competencias redúcense a infraestruturas e ordenación do territorio, desenvolvemento económico, educación (unicamente administrativa) e transportes.

Todo isto provoca unha grave desprotección por parte do Estado. Non é que non existan instrumentos para paliar esta situación senón que a maioría das veces é o propio Estado quen dificulta a súa creación. Mostra recente disto é a resolución do Senado francés que decidiu a paralización da ratificación da Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais que fora firmada en 1999.

En varias ocasións, ao longo da historia leváronse a cabo diversos debates sobre a necesidade ou non de dotar ás rexións dunha autonomía lexislativa limitada. Estes debates case sempre adoitan quedar en papel mollado xa que a maioría dos partidos estatais argumentan que isto danaría a unidade do Estado.

Por outra banda, a defensa dos intereses particulares do país bretón vese dificultada pola pouca forza que posúen os partidos políticos autóctonos da Bretaña. Na actualidade, o partido político bretón mais importante é a Union Démocratique Bretonne (UDB), que posúe na actualidade 4 conselleiros nunha cámara rexional bretoa de 83 membros. Este partido identificase como socialdemócrata e autonomista bretón. Posúe un deputado na Assamblée Nationale, compartido con outros partidos doutras rexións mediante a alianza Regions et Peuples Solidaires (RPS). Ademais, no ámbito europeo é membro da Alianza Libre Europea (EFA) aínda que sen representación parlamentaria.

O resto de partidos non obteñen apenas representación en ningún dos niveis de goberno, polo que a única presión a nivel político que pule por unha maior autonomía do territorio bretón ven da UDB. Isto pode resultar altamente insuficiente para unha defensa efectiva dos intereses bretóns.

Ademais dos partidos políticos bretóns, tamén é de vital importancia a existencia de organizacións e movementos sociais que pulen pola defensa dos idiomas e culturas autóctonas amplamente arraigadas. Unha mostra disto foron as recentes mobilizacións convocadas no chamado 24-O pola defensa dos diferentes idiomas sen recoñecemento institucional, entre eles o bretón e o galó, os idiomas nativos da Bretaña.

Por que non existe unha gran representación e empuxe das formacións políticas nacionalistas bretoas como ocorre en Cataluña ou Flandres?

Probablemente unha das respostas mais claras sexa a non existencia dunha economía rica e forte que sustente o discurso nacionalista como precisamente ocorre nos territorios mencionados. O argumento da perda de recursos económicos que se produce nos territorios ricos dun país, como Flandres, que son utilizados para o sustento doutras rexións menos ricas, como Valonia, son utilizados por algúns partidos políticos como parte das súas aspiracións políticas. Este é o caso de Corvergència Democràtica de Catalunya (CDC) en Cataluña ou do Nieuw-Vlaamse Alliantie (N-VA) en Bélxica, ambos partidos nacionalistas e liberais.

Pero este argumento non explica toda esta situación ao cen por cen. Temos outros exemplos de territorios cun amplo apoio político nacionalista e cunha economía inferior ao resto do país ao que pertencen, como é o caso de Escocia e o Scottish National Party (SNP).

Existen un conxunto de circunstancias que provocan que a situación na Bretaña sexa tan diferente en relación a doutros territorios con similares características. Unha delas é a propia clase política bretoa que prescinde de recuperar o espírito da nación bretoa. A única esperanza neste ámbito reside na UDB que ten nas súas mans o futuro da cultura e idiomas da rexión. Outro motivo é a inferioridade económica co resto do país, o cal resta autoestima e forza ao movemento. Por último, débense citar os obstáculos aos que somete a Asemblea Nacional e o Senado ao pobo bretón, do que se despreocupa ao non dotalo de instrumentos para defender e recuperar a súa cultura e idiomas autóctonos, cada vez en maior retroceso.

Coas eleccións rexionais francesas do próximo decembro, Bretaña achegaranos unha nova radiografía política da situación.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais