Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos Novos 4 de Novembro de 2016 Ríos

As relacións Galicia-China e a deriva asiática da Xunta

feijoo_reunido_co_embaixador_chines_en_madrid.jpg

O anunciado desembarco de capital chinés no Real Clube Celta de Vigo trouxo de novo á actualidade a presenza do xigante asiático en Galicia. Os investimentos do país oriental veñen medrando nos últimos anos de forma relativamente discreta pero sostida. O interese polo fútbol é unha anécdota. Ou non. Non responde exclusivamente a intereses deportivos ou económicos. Que tamén. Na primavera deste ano, as autoridades chinesas presentaron un plan que ten por obxectivo convertir o país nunha “superpotencia mundial do fútbol” en 2050. En tres lustros, segundo as estimacións do Partido Comunista, China –onde hai varios séculos xa se xogaba a algo similar, o cuju- participará nunha Copa do Mundo, organizará un Mundial e estará en condicións de gañalo. En tres anos, a selección masculina debe ser a mellor de Asia. E en pouco máis haberá uns cen potentes equipos noutras tantas cidades do país. En China hai plans, tamén para isto. En Galicia?

Non todo é fútbol

Galicia figura no grupo de cabeza das comunidades receptoras españolas de investimento chinés. Segundo algunhas informacións, en 2015, acaparou máis da metade dos investimentos totais chineses en España, por riba de Madrid ou Cataluña. A xullo deste ano, as importacións chinesas en Galicia alcanzaron os 384,2 millóns de euros, destacando os sectores téxtil, peixe, electrónica, maquinaria, manufacturas de coiro, conservas de peixe e carne, calzado, caucho e mobles.

No apartado dos investimentos, actualmente está negociándose a compra por parte do holding empresarial chinés Citic Group do 51% do capital que a estatal petroleira mexicana ten na empresa estaleira galega Barreras. Como se sinalou, está a piques de pecharse a eventual compra por parte deste mesmo grupo o Real Club Celta de Vigo, a través dunha sociedade radicada na cidade chinesa de Suzhou. Esta operación está valorada en aproximadamente 120 millóns de euros. Segundo datos de Datainvest, portal do Ministerio de Economía, entre 2013 e 2015, Galicia foi a principal Comunidade Autónoma de destino de investimentos chineses, valorados en 180 millóns de euros.

Con anterioridade (2013), Citic Group adquiriu por 54 millóns de euros a caldereira Gándara Censa (propiedade do presidente do Real Club Celta de Vigo, Carlos Mouriño), localizada no Porriño (Pontevedra), aumentando en 50 millóns os seus investimentos internos nesta compañía. No seu plan industrial, Citic Group prevé a ampliación de Censa a través da construción de bases que soportan as plataformas off-shore xeradoras de enerxía eólica mariña, un plan que prevé igualmente a instalación de soportes de caldereiría pesada ao borde do mar para o transporte vía marítima.

Cabe sinalar tamén que o grupo empresarial Rodman Polyships foi vendido á empresa Sonangol (con sede en Singapur pero baixo control chinés) por 78 millóns de euros. O seu dono, Sam Pa, viuse envolto en casos de corrupción. Pola súa banda, Shanghai Kaichuang comprou a conserveira Hijos de Carlos Albo por 69 millóns de euros.

Igualmente, a concesionaria de servizos públicos URBASER, a maior neste ramo en Galicia, foi vendida á empresa Firion Investments, con sede en Madrid pero con capital 100% chinés a través dunha subsidiaria da empresa Ying Zhan Investment Limited, con sede en Hong Kong. URBASER está presente en varios concellos galegos (A Coruña, Santiago, Lugo, Ferrol, Narón…), en labores como xestión de residuos, auga e xardinería, empregando aproximadamente un milleiro de persoas.

Pola súa banda, segundo datos de ARDAN Exportación Galega, un total de 54 empresas galegas están presentes no mercado chinés, aumentando as exportacións galegas a China un 24% no 2015. Segundo datos do IGAPE, en 2015, un total de 415 firmas galegas exportaron a China, con vendas valoradas en 200 millóns de euros.

Debe destacarse que en setembro de 2016, representantes do consorcio Shanghai Galicia Bussines Center Consulting visitaron Galicia para identificar posibles investimentos nos sectores lácteo e derivados, vitivinícola, peixe, froitos secos e produtos hortofrutícolas, a través de empresas como Feiraco, Martín Códax, Kiwi Atlántico ou Innolact.

Non todo é economía

Galicia conta con activos importantes á hora de relacionarse coa China. Qufu, cidade relevante por ser o berce de Confucio, figura en pleno relanzamento na China posmaoísta, está irmandada con Santiago de Compostela. E a muralla romana de Lugo estao coa gran muralla chinesa. Por desgraza, a falta de ideas e de iniciativa converte estes instrumentos en “lixo administrativo”, goberne quen goberne nas nosas cidades galegas. Pola contra, as nosas universidades ofrecen un maior dinamismo a diario co obxecto de captar matrícula chinesa. Falemos de Santiago ou de Vigo, sobre todo, os acordos e intercambios avanzan e cada vez máis estudantes chineses queren formarse en Galicia onde podemos achegar un valor diferencial cualitativamente importante e do que non sempre somos debidamente conscientes nin o poñemos adecuadamente en valor, un idioma galego que abre as portas do mundo da lusofonía. Ese atractivo é fundamental para significar a oferta galega en relación a outras autonomías españolas. O sector privado tampouco se queda atrás e os pasos da escola de negocios de Abanca vanse consolidando con acordos importantes con universidades chinesas do ramo.

Galicia conta ademais co Igadi, un centro modesto pero recoñecido no seu estudo dos asuntos chineses. O programa Minzu (que significa “nacionalidade minoritaria”) para o intercambio de experiencias en materia de autonomías, en colaboración coa Academia de Ciencias Sociais da China, situou a autonomía galega como obxecto de estudo preferente para a posible elaboración dos estatutos de autonomía na China, onde contan con cinco rexións autónomas. Profesores chineses, becados por Casa Asia, afondaron en Galicia nos seus coñecementos nesta materia e a través da EGAP realizáronse iniciativas formativas destacadas. Co apoio dos gobernos vasco e catalán tamén coñeceron as súas experiencias. O estatuto galego foi traducido ao chinés.

No seu día tamén se promoveron os intercambios parlamentarios. Nese marco, unha delegación galega asinou en Mongolia Interior un acordo de colaboración, o primeiro do seu tipo, entre unha rexión autónoma chinesa e unha comunidade autónoma española.  Realizouse en paralelo un estudo de mercado que permitiu a identificación de segmentos produtivos e empresas cunha axenda que había permitir tecer os vínculos económicos coa rexión entón de maior crecemento económico da China.

Igualmente, houbo interese inicial por parte chinesa para abrir en Beiwai, a universidade de referencia nos estudos de linguas e culturas estranxeiras na China, un centro de estudos galegos. Pero Galicia non estivo á altura.

O turismo agarda tamén a súa oportunidade. Do lado galego, por incrible que pareza, non lles parece de interese, segundo manifestou non hai moito a titular do ramo. Son os chineses asentados en España os que están a explorar as oportunidades e a deseñar accións concretas. Mentres aquí contentámonos con facer un folleto sobre o camiño de Santiago en chinés, eles idean os pasos para controlar o negocio a sabendas das súas posibilidades.

Galicia contaba, por tanto, cun plan embrionario, cunha forte participación da sociedade civil que, ante o desleixo da Administración, trazaba vectores no eido produtivo, institucional, académico, cultural, etc. Pero fallou a Administración galega. Estrepitosamente. Primeiro, por falta de comprensión do alcance da transcendencia da proposta global. Segundo, porque baixou a cerviz cando supostamente foi chamada á orde desde Madrid na espiral da recentralización que viven as autonomías e no marco dunha campaña de descualificación da acción exterior das comunidades autónomas. En consecuencia, a día de hoxe, Galicia non ten plan ningún, é China quen lidera a iniciativa mentres nós desprezamos activos de incalculable valor para o relacionamento coa segunda potencia económica de mundo. E todo iso a pesar de que no plan de acción exterior referendado polo Consello da Xunta, incluíase a China como país prioritario para a acción exterior galega. Mais unha vez, papel mollado.

Xapón, a alternativa?

O disparate asiático da Xunta de Galicia complétase cunha aposta propagandista e sen contido nin ambición substancial –isto parece formar parte da nosa rutina- e que pretende ser alternativa, por Xapón, en liña coas supostas preferencias do ministro Margallo, quen no Ano Dual España-Xapón, formulou a súa peregrina teoría de que Xapón era a porta de Asia para España, provocando o asombro xeral. En Galicia, a Xunta do Sr Feijóo quedou prendada da visita do príncipe herdeiro Naruhito e fixo as maletas para irse a Xapón.

O caso é que a relación de investimentos en Galicia por parte nipona é moito menor que no caso chinés. A empresa nipona máis importante con presenza en Galicia é Denso, do sector da automoción. Outra multinacional nipona con expectativas de investimento en Galicia é NTT Data, a través do grupo Everis. En 2015, un total de 274 empresas galegas exportaron a Xapón, destacando os sectores téxtil e alimentación, segundo datos do IGAPE.

En setembro de 2016, unha delegación da Federación Económica de Shikoku, que reúne a máis de 300 empresas niponas, visitou Galicia coa finalidade de ampliar os investimentos estratéxicos, principalmente no referente ao turismo e o Camiño de Santiago, ampliado aos sectores téxtil, alimenticio, maquinaria, telecomunicacións, transportes e servizos, entre outros.

Segundo o Informe Mensual de Comercio Exterior de Galicia de xullo de 2016, elaborado polo ICEX, Asia representou o 11,97% das importacións galegas no período xaneiro-xullo de 2016, con China en cabeza co 4,12% e Xapón o 1,09%. Indonesia (2,12%) e Vietnam (0,74%) completan esta lista.

Non se trata de confrontar senón de priorizar “con sentidiño”, como alguén dixo na recente campaña electoral. En relación a Asia, o “sentidiño” galego brilla pola súa ausencia.

No que atinxe a China (e a Asia no seu conxunto), Galicia segue a velas vir. Ignoramos os datos obxectivos que nos brindan oportunidades evidentes para tecer unha tupida malla de relacións co xigante chinés. O único que semella importar ás nosas autoridades é non desmarcarse e converter en propaganda determinadas iniciativas que resaltarían o seu hipotético “bo facer”. Todo falso. China lidera. Nós, recreándonos na submisa incompetencia. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais