Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 13 de Setembro de 2018 VV.AA.

As esquerdas en México: desafíos e oportunidades

Miguel Ángel Martínez Pellitero é especialista en Economía Internacional e Desenvolvemento e colaborador do IGADI
López Obrador saúda tras ser confirmado como presidente electo o pasado 8 de agosto. Foto: Xinhua News

Historicamente, a esquerda ten xogado un papel residual na escena política mexicana. Durante mais de 70 anos (entre 1929 e o 2000) o partido oficial (o que agora coñecemos como “Partido Revolucionario Institucional” ou PRI)(1) gobernou ininterrompidamente o país, sendo relevado polo “Partido de Acción Nacional” (PAN)(2) entre os anos 2000 e 2012 –dúas lexislaturas-, devolvendo o relevo ao PRI nos últimos seis anos. Sen embargo, que non acadase gobernar ou nin tan sequera cristalizar en proxectos políticos consolidados non significa que en México non exista unha base popular con conciencia social e de reivindicación ante as inxustizas e os poderes establecidos.

Especialmente nos últimos anos emerxeron numerosos movementos sociais(3) que aínda que careceron dunha articulación ou organización que conseguise acomodar esas reivindicacións dentro de algún tipo de movemento político único, teñen demostrado o mobilizada que está a sociedade mexicana e a vontade transformadora do país por parte das clases populares. A esquerda, ou mellor dito as esquerdas, levan anos presentes na realidade nacional, e tras os diferentes fracasos dos partidos tradicionais de reconducir a situación dun país á deriva, parece que chegou a súa quenda.

Dende o ano 1989 o encargado de tentar articular eses diferentes movementos de esquerdas foi o Partido de la Revolución Democrática (PRD), sen moito éxito aparente. Movementos coma o “zapatismo” (organizado no Exército Zapatista de Liberación Nacional, EZLN) e as organizacións indíxenas en xeral, os movementos estudantís ou o recoñecido “Yosoy132” (un dos movementos sociais de protesta con maior relevancia nos últimos anos, loitando por unha democratización e despolitización dos medios de comunicación) nunca sentiron este proxecto do PRD como propio.

A pesares diso, desa carencia dunha articulación transversal necesaria para construír un proxecto hexemónico que levase ás esquerdas á vitoria, estas estiveron a piques de acadar o goberno en dúas ocasións: primeiro no ano 1988 con Cuauthémoc Cárdenas e o “Frente Democrático Nacional” e unha segunda moito mais recente e có actual presidente Andrés Manuel López Obrador (AMLO) no 2006, xa liderando ao PRD.

Tanto primeiro o histórico Cárdenas coma logo o dirixente tabasqueño(4) sufriron supostos fraudes electorais que os privaron de presidir os Estados Unidos Mexicanos por ínfimas diferencias de votos cos vencedores. A partir de esa última derrota, todo se complicou para o PRD, aflorando todas as contradicións existentes có resto de grupos esquerdistas e movementos sociais e os diferentes problemas internos que desenvorcaron nunha segunda derrota electoral nas eleccións federais do ano 2012 e a subseguinte descomposición ata quedar relegado ao ostracismo nas últimas eleccións de xuño.

Foi precisamente nese 2012 cando se produciu unha moi significativa escisión de parte dos seus dirixentes e o PRD entrou no momento máis crítico dende a súa fundación. A partir desa división xurdiu o “Movimiento Regeneración Nacional” (Morena), liderada polo popular AMLO, quen acadou nas pasadas eleccións federais do mes de xullo a presidencia do país nunha coalición electoral (“Juntos Haremos Historia”) na que a Morena se uniu a outros dous partidos (o “Partido del Trabajo” [PT], de esquerdas; e o “Partido Encuentro Social” [PES], considerado como de centro-dereita), suscitando unha considerable polémica arredor desta unión na que se integraron tamén diferentes ex dirixentes do PRI e do PAN que, no seu momento, foron rivais de AMLO.

Esta coalición coa que AMLO gañou as últimas elección federais fixo unha campaña poñendo o foco en dous grandes frontes: as desigualdades sociais e a corrupción, é dicir, un programa construído arredor da idea de acadar unha maior xustiza social por medio de programas sociais e de redistribución e unha loita contra os privilexios tanto de políticos coma das elites que viven nunha inmunidade permanente.

Tras este difícil percorrido e con esta carta de presentación, por primeira vez na historia recente do país un partido maioritariamente aceptado como “de esquerdas” acadou o poder. Sen embargo, que tipo de partido de esquerdas é a Morena e que tipo de líder político é AMLO? Xa que este sempre se definiu, tanto si mesmo coma o seu movemento, coma un produto intrinsecamente mexicano, rexeitando as comparacións con outros movementos de esquerdas de América Latina do século XXI e marcando o seu propio camiño.

Como parece evidente con tanta cita ao personaxe en cuestión, esta vitoria da esquerda foi fortemente construída sobre a figura do candidato López Obrador, convertendo este proxecto en claramente personalista. Algo que se ben pode ter moito sentido –e eficacia política- nun contexto de grande desafección e descrédito da poboación cos partidos políticos e a forte aceptación de AMLO, implica unha serie de riscos para o proxecto no largo prazo.

AMLO xurdiu politicamente do seo do gran partido do país (o PRI) na etapa na que este gobernaba o practicamente sen oposición. Pero rapidamente o abandonou cando, a finais da década de 1980, unha escisión pola esquerda do PRI conformou o xa comentado PRD, polo que López Obrador uniuse a este novo movemento. Tras varios anos de traxectoria política e de loita social -e algunha derrota electoral- na súa terra natal que lle outorgaron un considerable recoñecemento e credibilidade, López Obrador foi o encargado de presentarse (e gañar) ás eleccións no Distrito Federal (D.F) para o PRD no ano 2000. O resto da historia é coñecida: trala escisión do PRD, AMLO liderou a Morena ata a vitoria nas últimas eleccións federais, converténdose no presidente electo de país, e asumirá formalmente o cargo o vindeiro 1º de decembro de 2018.

Atendendo a traxectoria de AMLO e a súa experiencia de goberno no D.F., podemos considerar a AMLO coma un dirixente certamente conservador dentro da esquerda reformista, cunha actuación prudente e pragmática no político e no económico, sen grandes apostas por transformacións estruturais, mentres que aposta por aplicar diferentes programas sociais que revertan –ou polo menos palíen- os principais problemas das maiorías desfavorecidas. Outra das características que adoita a acompañar ao nome de AMLO é a honestidade, e é precisamente esa procura do pais dun dirixente honrado que non se deixe corromper e loite contra os privilexios da clase política un dos seus principais avais para chegar á presidencia.

E aínda que AMLO sempre apela ao pobo cando fala da súa base, poñendo o seu mandato a disposicións das demandas do “pueblo raso” que lle apoiou para lograr esta vitoria, esa cualificación de dirixente de esquerdas “conservador” ven dada pola actitude tan morna coa que AMLO e a súa plataforma trataron nos últimos tempos os temas que mais debate (moral) teñan podido suscitar como a legalización dos matrimonios homosexuais, a despenalización do aborto–aquí podemos ver de maneira nítida a contradición existente entre a Morena e o PES que tamén integraba a candidatura-, ou incluso en debates mais de fondo comoá reforma enerxética levada a cabo no 2013 ou a cuestión dos pobos orixinarios. López Obrador evitou alzar esas bandeiras nos últimos meses, facendo unicamente referencias a futuras consultas á poboación sobre estes temas antes de definir a súa políticas ou de non abordar de momento estes polémicos asuntos(5).

Por isto, unha vez acadado o goberno, se o afán transformador é real, parece necesario que AMLO integre e de visibilidade durante o próximo sexenio ás diferentes realidades e sensibilidades de minorías que se ben quedaron fora desta candidatura “de esquerdas”, son absolutamente necesarias para enriquecer e dotar dunha capacidade real para mudar o país con este proxecto,coma os dereitos dos pobos indíxenas, as reivindicacións das mulleres e do movemento feminista ou os dereitos do movemento LGTBI, entre outros.

Mais deixando atrás calquera análise razoada do que representa este proxecto no eixo esquerda-dereita ou sobre o reformismo, o que parece claro é que Andrés Manuel López Obrador e a Morena teñen ante si unha oportunidade histórica. Con todas as limitacións comentadas, a esquerda enfróntase ao gran reto de non decepcionar na súa chegada ao poder. E se ben é certo que esixir uns resultados a curto prazo que non acadaron ningún dos partidos anteriores pode resultar inxusto, si será necesaria unha transformación da realidade mexicana (inseguridade, violencia, corrupción, desigualdades ou pobreza principalmente) para non decepcionar a un pobo que leva décadas agardando esta oportunidade.

E non falamos só a nivel nacional, e é que se a vitoria de AMLO o pasado mes de xullo fora sucedida por unha vitoria da esquerda en Brasil no próximo mes de outubro (a expensas da situación do ex presidente brasileiro Lula da Silva(6), estaríamos asistindo, sen ningún tipo de dúbida, a un freo desa volta das dereitas da que tanto se fala en América Latina. Se as dúas nacións mais grandes e con maior peso a nivel internacional (e que consecuentemente marcan a tendencia rexional) voltasen a contar con gobernos de marcado carácter progresista, poderíamos comezar a falar dun novo cambio de ciclo.

 

 

(1) O PRI ten unha tradición política moi particular, e tras gobernar durante mais de 70 anos consecutivos parece moi complicado enmarcalos nunha única liña política. Pero remitíndonos ao actual goberno (2012-2018) con Enrique Peña Nieto á fronte, leváronse a cabo claras políticas de corte neoliberal, tan relevantes como a privatización parcial da estatal petroleira PEMEX.

(2) De tradición ligada a democracia cristiá e ás dereitas liberais, no seu último mandato con Felipe Calderón (2006-2012) encabezaron unha “guerra contra o narcotráfico” que destrozou ao país e conta por decenas de miles os mortos nos últimos 12 anos.

(3) Tales como o Movemento Zapatista, o movemento popular de Oaxaca, os poboadores de Atenco, movementos por todo o país en defensa do ecoloxismo ou de resistencia ante “mega-proxectos” mineiros, movementos pola defensa dos dereitos humanos ou en solidariedade dos falecidos e desaparecidos pola guerra contra o narcotráfico. Tamén movementos de apoio ás mulleres, á mocidade e aos pobos indíxenas. Así mesmo, movementos de protección do patrimonio histórico das cidades e dos pobos, movementos xuvenís e estudantís en reclamo dunha educación pública de calidade, asociacións de traballadores precarios (como bicicleteiros nas grandes cidades) e mesmo grupos que tenderon ao anarquismo. (Fonte: OLVERA, Alberto (2016). “La crisis política, los movimientos sociales y el futuro de la democracia en México”, Revista Mexicana de Ciencias Políticas y Sociales, UNAM. pp.290)

(4) Andrés Manuel López Obrador é nado no estado mexicano de Tabasco, localizado na rexión sueste.

(5) “AMLO: “Si ya está en la legalidad, si ya está aprobado, se mantiene (...) Dada la gravedad del país, la profundidad de la crisis, vamos haciendo una especie de tregua, un amparo, que las cosas se queden como están, una suspensión provisional.” Fonte: http://www.milenio.com/politica/amlo-mantendra-leyes-aprobadas-aborto-matrimonio-gay

(6) Lula renunciou oficialmente o pasado 11 de setembro a súa candidatura presidencial polo Partido dos Traballadores (PT), a favor do candidato Fernando Haddad, ex alcalde de São Paulo.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais