Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
19 de Maio de 2017 VV.AA.

As “autodefensas” asoman no Salvador

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante en prácticas da USC
Fonte: Xinhua

Novos actores irrompen no complexo escenario salvadoreño, os popularmente coñecidos como grupos de “autodefensas” ou “defensas comunais”. Estas asociacións, de ámbito civil, emerxen ante a crecente vulnerabilidade das comunidades rurais, azoutadas pola expansión e continua inxerencia das “pandillas” violentas e a incapacidade manifesta das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Como se adiantou nas conclusións de anteriores análises, o cansazo social pola irrupción e extensión das “maras” e o clima imperante de violencia, abusos e impunidade establecía o caldo de cultivo óptimo para a aparición desta clase de grupos. A pregunta xa no era tanto se existía a posibilidade de formación de grupos civís armados, senón mais ben cando xurdirían.

A resposta non pareceu demorarse demasiado e a finais do pasado mes de abril dous grupos, un conformado por ex guerrilleiros da comunidade rural de San Nicolás Lempa (San Vicente) e outro por campesiños das áreas costeiras de San José de la Montaña (Zacatecoluca, La Paz), que comezaran a organizarse e realizar tarefas de control e vixilancia comunitaria, solicitaron á administración do presidente Gonzalo Sánchez Cerén o seu recoñecemento legal, poder operar de forma aberta, e a colaboración para a obtención de recursos (equipamento táctico e armamento) e fondos públicos.

A eclosión destes movementos tamén estivo precedida e probablemente auspiciada polas frecuentes declaracións públicas, por parte das autoridades, sobre a vontade de implicar á sociedade civil na loita contra as pandillas. Se ben é certo que dita implicación no viña referida explicitamente a confrontación destes actores armados non estatais, actualmente sitúase no centro do debate político. E dito debate semella atoparse bastante avanzado, dada a aparente predisposición política a regularización destes colectivos.

Eugenio Chicas, voceiro presidencial (Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional, FMLN), afirmou estar estudando a posibilidade de formalizar “comités cidadáns de seguridade”, en consonancia o deputado Guillermo Gallegos (Gran Alianza pola Unidade Nacional, GANA), actual presidente da Asemblea Lexislativa, partidario de modificar o marco xurídico para dar cabida a estes grupos. De igual xeito, dende o principal partido da oposición (Alianza Republicana Nacionalista, ARENA) móstranse partidarios desta iniciativa, algo plausible dado que a comezos da década de 1990 promoveron proxectos similares.

As implicacións de outorgar recoñecemento e apoio legal poderían derivar nun agravamento da situación, ao implicar a novos actores armados nun escenario altamente delicado e asolagado por índices de homicidio que superan o nivel de epidemia(1). Débese fiar moi fino a hora de medir os riscos e, chegado o caso, establecer uns férreos sistemas de control e un marco legal que defina claramente o marco de actuación destes grupos e a súa supeditación as forzas e corpos de seguridade.

Un escenario convulso

Recentes acontecementos axudan a explicar o derradeiro impulso para a eclosión dos grupos de autodefensas, especialmente os derivados do cruento bienio de 2015/16, que devolveu ao Salvador o trono de país non en guerra con maior índice de homicidios.

Dunha banda, as loitas internas entre a Mara 18 e a súa escisión, a M18 Revolucionaria, traducíronse en enfrontamentos sen cuartel polo control de “prazas” e novos territorios. En consecuencia, o número de homicidios disparouse, tanto de membros das “pandillas” coma de civís, na contorna destas loitas. De igual xeito, a busca de financiamento para sufragar ditos enfrontamentos levou a unha maior presión sobre a poboación civil, cun incremento das extorsións (comercios, transportes, zonas de paso) e dos cobros a particulares en zonas baixo o seu control, a denominada “renta”.

Situación similar parece comezar na seo da outra gran “pandilla”, a Mara Salvatrucha 13. Coa recente escisión, coñecida como a MS-503 e nacida nos centros penais do pais, augúrase un próximo e cruento conflito nas rúas.

Pola súa parte, os cada vez máis frecuentes abusos por parte dos servizos de seguridade, que inclúen detencións arbitrarias, abusos e execucións extraxudiciais, así como a proliferación de grupos de exterminio (vinculados a membros da Policía Nacional Civil-PCN e das Forzas Armadas) axudaron a conformar a outra cara da moeda no imparable clima de violencia.

Tamén merecen mención os recentes casos, aínda que illados e polo de agora sen conformar unha pauta real de actuación, de accións de carácter terrorista como a colocación de vehículos bomba fronte a edificios gobernamentais. Non está exento de certa ironía que este tipo de actuacións proliferen trala reforma lexislativa que cataloga as “maras” como organizacións terroristas, endurecendo as penas por pertenza ou asociación.

Ante este convulso escenario, produciuse un factor determinante na eclosión dos grupos de defensa civil, o desprazamento das “pandillas” cara a periferia rural. A fragmentación destes grupos e a consecuente loita por uns recursos e territorios de actuación limitados, derivou na progresiva dispersión e pronta expansión cara estas zonas e rexións tradicionalmente menos “explotadas”. 

Nestes espazos, cunha débil ou nula presenza das estruturas do Estado, o asentamento e control tácito destas comunidades produciuse de forma dilixente e sen disputa. As coaccións, extorsións e abusos sucedéronse, proliferando os cobros sistemáticos a familias e comerciantes, os recrutamentos forzosos e as brutais represalias ante os que inicialmente refusaban ditos reclamos.

Deste xeito, o clima coactivo e o cansazo social determinou a iniciativa de diversos líderes comunais para organizar e establecer medidas de control e seguridade civís. Que estes procesos emerxan precisamente neste escenario, en detrimento dos barrios periféricos das cidades, quizais poda explicarse pola existencia dunha maior cohesión social entre a comunidade rural, conformando unha fronte común e dificultando o establecemento de redes “clientelares” ou “colaborativas” como as existentes no ámbito urbano.

Experimentos falidos e riscos.

O recoñecemento e financiamento dos grupos armados civís trouxo, noutras experiencias rexionais, resultados contraproducentes. En México, o grupo de Autodefensas de Michoacán, segundo se producía a súa aceptación legal e consolidaban a súa presenza, terminaron por establecer redes paraestatais e “constituirse en neocaciquismos que alimentan un proceso de fisiones faccionales (dando lugar a procesos de fragmentación del poder local y nuevos ciclos de violencia)”(2).

Nos casos de Colombia e Guatemala, os grupos tenderon a resultar politizados e a actuar baixo directrices partidistas e corporativas, tornando cara lóxicas paramilitaristas e participando en infinidade de masacres contra colectivos civís e indíxenas, activistas políticos ou líderes comunais.

De igual xeito, foron frecuentes as participacións en actividades ilícitas, nalgúns casos baixo un certo amparo gobernamental. No caso das “Autodefensas Unidas de Colombia”, trala súa disolución numerosas faccións conformaron bandas dedicadas ao narcotráfico (Águilas Negras Urabeños), asociándose con capos do extinto “Cartel del Norte del Valle”.

No caso salvadoreño, a priori existen menos riscos de contaminación polas causas anteriormente expostas. Dunha banda, O Salvador no é ruta significativa do narcotráfico ni país produtor, polo que a presenza dos carteis é minoritaria (actúa nas zonas fronteirizas o Cartel de Téxis, de baixo perfil). No ámbito político, nin nos atopamos cun Estado autoritario nin existe un grupo que ameace a orde institucional, polo que a contaminación política sería menor.

Sen embargo, no canto de ofrecer financiamento e un status legal que lexitime estruturas de poder, os riscos continúan sendo amplos. Por unha banda, podería conducir a un paulatino incremento dos homicidios, especialmente de civís ao carecer de aparatos de intelixencia, e duns niveis de violencia xa de por si funestos. Do mesmo xeito, o recoñecemento legal predisporía o terreo para a creación de grupos armados que establezan a súa propia rede clientelar e chegar erixirse coma estamentos alternativos ao poder estatal. Finalmente, o reclamo de fondos públicos resulta atractivo para a intromisión de elementos alleos e con finalidades propias.

Os perigos inherentes á aceptación destes grupos deberían ser medidos con extrema precisión, mentres que o debate político require sosego e ampla meditación. Ningunha destas dúas cousas parece darse na actualidade, a predisposición política resulta maioritaria e só parecen atoparse reticencias nos representantes da PNC. Os erros do pasado agardan a volta da esquina.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado  en Historia (USC) e estudante no Máster “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

Citas bibliográficas:

(1) A Organización Mundial da Saúde (OMS) considera epidemia aqueles casos no que superen os 10 homicidios por cada 100.000 habitantes. No caso salvadoreño o se índice de 2016 foi de 81,7.

(2) GUERRA MANZO, ENRIQUE: “Las autodefensas de Michoacán. Movimiento social, paramilitarismo y neocaciquismos”, Política y Cultura, Nº 44. México, 2015. pp. 10. ISSN 0188-7742.

 

 

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais