Distribuir contido

Oriente Medio

Distribuir

Distribuir contido

Boa parte do traballo do IGADI plásmase en numerosos artigos e colaboracións en prensa e revistas especializadas.

Para unha mellor clasificación e localización dos actuais 1895 artigos que integran a sección de Análise e Opinión, temos dividido estes nos seguintes apartados temático/xeográficos:

18/05/2017
18/05/2017
Praza Pública (Galicia-España)

Cómpre observar a escasa atención informativa de cara aos comicios presidenciais iranianos deste 19 de maio. A relevancia estratéxica e xeopolítica de Irán merece unha aproximación mais acadada cara o seu acontecer político, vital para entender a política rexional. Toda vez, Teherán constitúe un epicentro ineludible na configuración dos novos equilibrios que están progresivamente erixíndose tanto en Oriente Próximo como no espazo euroasiático. 

05/05/2017
05/05/2017
IGADI

O inesperado e histórico anuncio de Hamas de recoñecer as fronteiras palestinas de 1967, xunto coa súbita manifestación de choques de unidades militares do PKK e da PDK no Kurdistán iraquí, da conta dos efectos colaterais derivados da inédita recomposición de forzas e de equilibrios estratéxicos que está acontecendo en Oriente Próximo. Esta realpolitik vese determinada por unha inédita conxuntura na que entran en xogo diversas variables. Entre elas destacan a próxima visita de Donald Trump a Israel e Arabia Saudita, o fait accompli entre Rusia, EUA e Turquía para dividir Siria en zonas de seguridade, a consolidación do autoritarismo de Erdoĝan tralo referendo turco e as expectativas en torno aos comicios presidenciais iranianos do próximo 19 de maio.

16/02/2017
16/02/2017
Praza Pública (Galicia)

Diversos acontecementos previstos para este 2017 colocan a Irán no epicentro da atención estratéxica. Co foco nos comicios presidenciais a celebrarse no país persa o próximo 19 de maio, nos que o actual presidente Hassan Rouhaní busca a súa reelección, o contexto xeopolítico para Teherán afronta múltiples escenarios. Destacan aquí o peso político iraniano na recomposición xeopolítica do Oriente Próximo da posguerra siria, contemporizada pola simultánea e agresiva presión que comeza a exercer a administración de Donald Trump para sepultar, vía Israel, a incipiente apertura cara Teherán herdeira da era Obama. Para contrarrestar as ameazas que dende o exterior afectan a súa seguridade nacional, Irán propulsa a disuasión militar preventiva, vía probas misilísticas. Con todo, esta disuasión vese interpretada en clave electoral, o cal pode presaxiar unha maior radicalización en Teherán propiciada pola política “anti-iraniana” de Trump.

24/01/2017
27/01/2017
Revista ZETA (Venezuela)

Auspiciadas por Rusia, Turquía e Irán, as conversas de paz para Siria que se levan actualmente a cabo en Kazajstán supoñen a pedra angular que o presidente ruso Vladimir Putin agarda deseñar no novo contexto global. Así, Moscova busca ampliar a súa influencia a través do eixe euroasiático nun contexto de confusas expectativas para Occidente, en particular trala asunción presidencial de Donald Trump na Casa Branca, do Brexit en fase de definición e do inquietante calendario electoral europeo para 2017.

30/12/2016
30/12/2016
Tempos Novos (Galicia). Xaneiro de 2017

Se o contexto mundial para 2017 estará determinado pola imprevisión, a guerra que vive Siria desde 2011 podería ironicamente alcanzar un punto de inflexión decisivo, en gran medida posibilitado pola determinación do eixe conformado por Rusia, Turquía e Irán de exercer a súa influencia á hora de prover algún tipo de solución de feito do conflito. Con todo, a inevitable fragmentación territorial de Siria encarna un dos mais graves dramas humanitarios da “posguerra fría”, cunha xeración de sirios atomizados pola guerra e o éxodo refuxiado ante a impasible inacción da comunidade internacional. 

24/11/2016
24/11/2016
Palavra Comum (Galicia)

Son cada vez maiores as especulacións enfocadas nunha presunta invasión militar turca a Siria, a través da denominada “Operación Escudo do Éufrates”. De eventualmente certificarse, asistiríamos á primeira invasión militar en Siria por parte dun país membro da OTAN que, ironicamente, ten reorientado nos derradeiros meses un xiro xeopolítico de cariz “euroasiático”, especialmente manifestado coa súa entente con Rusia. Alén das pretensións xeopolíticas establecidas polo cada vez mais autocrático presidente turco Recep Tayyip Erdoĝan, cuxa masificación da represión interna consolídase ante a opaca reacción occidental, este súbito xiro dos acontecementos por parte de Erdoĝan en Siria supón un cambio de ecuación de carácter disuasivo e preventivo, a fin de asegurar os intereses turcos ante a próxima asunción presidencial de Donald Trump e para neutralizar as inquietudes atlantistas sobre a definición xeopolítica de Ankara. 

08/11/2016
08/11/2016
Praza Pública (Galicia)

Cun ritmo case frenético, colateralmente contextualizado de cara aos resultados dos comicios presidenciais estadounidenses previstos para este 8 de novembro, estanse desenvolvendo na actualidade diversos acontecementos en Oriente Próximo particularmente definidos polos intereses estratéxicos de contención ao Estado Islámico. Neste sentido, Moscova e Washington trazan as súas respectivas liñas de actuación e de definición das súas áreas de influencia en torno ás ofensivas militares contra o grupo xihadista nun corredor identificado entre Alepo e Raqqa (Siria) e Mosul (Iraq), un pulso do que non escapa a propia opinión pública. Co símil no centenario acordo de Sykes-Picot (1916) que definiu as fronteiras actuais de Oriente Próximo, o que actualmente acontece en torno ao eixe Alepo-Raqqa-Mosul intúe o pulso decisivo pola reconfiguración estratéxica do status quo rexional, en gran medida enfocados en quen ocupará a presidencia da Casa Branca a partir de xaneiro de 2017.

19/10/2016
21/10/2016
Revista ZETA (Venezuela)

O comezo da ofensiva iraquí para recuperar a estratéxica cidade de Mosul, ao norte do país árabe e en mans do Estado Islámico desde 2014, permite non só observar a maior operación militar na zona desde a invasión anglo-estadounidense de Iraq en 2003 senón na perspectiva de acelerar o control de esferas de influencia dentro dos presumibles cambios xeopolíticos que lle esperan a Oriente Próximo. Estratéxica pola súa condición de paso de oleodutos e proxectos hidráulicos, a recuperación de Mosul, así como a liberación da cidade siria de Alepo, permitirá crear un escudo de contención ao grupo xihadista islámico que se intúe imprescindible para Washington, especialmente coa mente posta nas próximas eleccións presidenciais estadounidenses.

17/10/2016
17/10/2016
IGADI

Nun artigo anterior (“Repensar o Kurdistán”, http://www.igadi.org/web/analiseopinion/repensar-o-kurdistan) explicábase o histórico momento no que se atopa o Kurdistán de cara á eventual reconstitución xeopolítica que se presume para Oriente Próximo por mor dos intereses estratéxicos que se moven dentro do conflito sirio. A este escenario debe engadirse o efecto, directo e colateral, do contexto post-golpe en Turquía, particularmente trala decidida viraxe autocrática do presidente Recep Tayyip Erdogan. Por tanto, coincidindo coa recente visita a Galicia de Eyyup Doru, representante en Bruxelas do pro-kurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP), a cuestión kurda merece ser revisada á luz destes recentes acontecementos. 

16/09/2016
16/09/2016
Revista ZETA (Venezuela)

O acordo entre Moscova e Washington de condicionar desde o pasado 12 de setembro un alto ao fogo en Siria, así como as expectativas de activar operacións militares conxuntas para combater posicións do Estado Islámico e da Fronte Al Nusra, determina a viraxe mais decisiva destinada a progresivamente neutralizar un conflito entrampado desde fai máis de cinco anos. No entanto, este súbito acordo fortalece os obxectivos xeopolíticos do Kremlin esgrimidos tanto en Oriente Próximo como dentro do espazo euroasiático, definidos pola activación dun eixe de cooperación con Turquía e Irán na perspectiva de manter en pe ao réxime de Bashar al Asad e condicionar unha eventual repartición de esferas de influencia no anunciado crebacabezas do post-conflito sirio.

01/09/2016
01/09/2016
IGADI

Unha análise de Mara Ríos, estudante de Dereito en prácticas no IGADI (UAM)

O pasado 21 de agosto o ministro de Asuntos Exteriores de Irán, Mohamad Yavad Zarif, deu comezo a unha xira por América Latina visitando Cuba, Nicaragua, Ecuador, Chile e Bolivia. Trátase da visita de maior calado dende a finalización, a comezos de 2016, das sancións occidentais vixentes durante unha década contra Irán. Pero, qué significa realmente esta xira latinoamericana de Zarif?

23/08/2016
23/08/2016
IGADI

Mara Ríos é estudante de Dereito en prácticas no IGADI (UAM)

O Goberno da República Islámica de Irán e os musulmáns deben tratar aos non musulmáns coa boa, equitativa e xusta moral islámica e salvagardar os seus dereitos humanos.” A pesar de estar así estipulado no artigo 14 da Constitución da República Islámica de Irán de 1979, a realidade no relativo ao tratamento das minorías étnicas e relixiosas en Irán é moi distinta.

16/08/2016
16/08/2016
IGADI

Mara Ríos é estudante de Dereito en prácticas no IGADI (UAM)

A imaxe exterior dun Irán homoxéneo e unido vese paulatinamente contrarrestada nas últimas décadas, en particular polas reivindicacións das distintas comunidades étnicas que configuran este país. A pesares de que esa diversidade é a súa maior riqueza, o goberno iraniano e o seu afán “persianizador” póñenas contra as cordas, obrigándoas en moitos casos a levar as súas demandas e loitas ao límite. Un dos pobos máis activos que atopamos no territorio iraniano é o baluchi. Reprimido e ameazado, atópase cun marco legal e constitucional que permite a discriminación da que é vítima.

06/08/2016
06/08/2016
IGADI

Mara Ríos é estudante de Dereito en prácticas no IGADI (UAM)

A República Islámica de Irán segue a ser, coma na antiga Persia, un crisol de etnias. Os seus 80 millóns de habitantes responden a diferentes identidades que, a pesar da relativa liberdade prometida trala caída do Sha Reza Pahleví e a chegada da Revolución en 1979 da man do aiatolá Ruhollah Jomeini, seguen a vivir baixo a discriminación e a desigualdade. Cómpre por tanto ter en conta os conflitos de carácter étnico e relixioso no marco legal e constitucional iraniano.

18/07/2016
18/07/2016
Praza Pública (Galicia)

Non deixa de ser inquietante a confusión e as inevitables especulacións, non menos intrigantes, sobre o que realmente sucedeu en Turquía co inesperado intento de golpe militar do pasado 15 de xullo. Como tampouco é unha boa noticia para a súa democracia e sistema político que o goberno de Recep Tayyip Erdogan alimente as especulacións detrás do golpe, acusando prematuramente ao movemento Gülen e a unha trama exterior presuntamente enraizada en EUA, toda vez lanza unha represiva purga a todos os niveis que supera os 6.000 detidos. Sendo evidente a importancia estratéxica de Turquía, non deixa de ser inevitablemente preocupante observar cómo a súa deriva implica visualizar síntomas de inestabilidade e confusión tanto en Oriente Próximo como no inquietante espazo euroasiático.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais