Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 12 de Setembro de 2018 Mansilla Blanco

América Latina: tendencias (e tensións) dun novo ciclo electoral

O candidato presidencial brasileiro Jair Bolsonaro, durante un acto electoral a semana pasada. Fonte: Axencia Xinhua

No marco do actual ciclo electoral en América Latina, estamos a observar un irreversible cambio político? Existe un revival da dereita, liberal e conservadora, por riba dunha esquerda fragmentada tras unha década de hexemonía política e electoral? E a arquitectura rexional, muda tamén con estas tendencias? É Trump un síntoma destes cambios ou un “efecto pasaxeiro”? Ao calor da dinámica electoral e política na que actualmente está inmersa a rexión, obsérvase unha recomposición do seu campo da representación política, nalgúns casos moito mais atomizado e imprevisible, pero que advirte con prefigurar as tendencias a observarse, cando menos, para o próximo quinquenio.

Como explicación preliminar destes cambios de tendencias políticas manifestadas nos recentes (e moi probablemente nos próximos) procesos electorais, debe observarse como factor decisivo o evidente esgotamento dos liderados e das representacións políticas ata agora predominantes, particularmente no caso dos denominados “populismos de esquerdas”.

Pero estes cambios non son exactamente homoxéneos, aínda que nalgúns casos conflúan en intereses políticos e ideolóxicos. Neste sentido, a adscrición ideolóxica non constitúe unha referencia clara, xa que estes cambios moitas veces superan (mais non exactamente suprimen) o clásico binomio dereita-esquerda.

Un caso sintomático é o “efecto Odebrecht” e dos polémicos “Papeis de Panamá” dentro da política hemisférica. As ramificacións rexionais da multinacional brasileira e as tentacións do paraíso fiscal no itsmo superan calquera afiliación de tipo político ou ideolóxico. Os acusados de presunta implicación con esta rede son variados, e van dende Lula, Maduro e Correa ata Uribe Vélez, Macri e Kuczynski, este último a “vítima” presidencial que pagou este ano con ese custe político. Odebrecht tense así constituído como un pesado “poder na sombra” para moitos líderes políticos e empresariais latinoamericanos.

Colombia e México

Dentro do actual ciclo electoral, fixemos a atención nos recentes comicios presidenciais en Colombia e México. A vitoria de Iván Duque sinala claramente un retorno do “uribismo” que gravitará cara dous escenarios inmediatos: o seu rexeite aos acordos de paz coas FARC e o seu papel como catalizador da presión internacional cara Venezuela, a crise hemisférica mais agravante.

En ambos escenarios, Duque ten as cartas marcadas e, no caso venezolano, en clara sintonía con Washington. Pero é unha incógnita se o novo presidente colombiano buscará unha vía propia, non menos personalista e incluso populista, ou se seguirá fagocitado polo “mantra” que supón o peso do seu mentor político, o ex presidente Álvaro Uribe Vélez.

O caso de Andrés Manuel López Obrador (AMLO) en México é diametralmente oposto. O seu si que supón unha histórica vitoria electoral contra o establishment, a “mafia do poder” incrustada nas estruturas estatais. Así, López Obrador fixo historia ao romper o binomio político PRI-PAN que ven gobernando México nos derradeiros anos.

Está por ver a consistencia que terá a súa presidencia, a asumir en decembro próximo, cunha plataforma política plural e multiforme (MORENA), observada incluso como posible faro dun “novo progresismo” a nivel hemisférico, particularmente ante a arremetida electoral da dereita e o declive das denominadas esquerdas “populistas”.

A corrupción endémica e a violencia institucionalizada da “mafia de poder” (AMLO dixit) así como as duras relacións que se prevén cos EUA de Trump e as súas restritivas políticas migratorias, serán os desafíos mais estratéxicos dun López Obrador que no 2018 tivo o seu lexítimo desquite político e electoral.

O “Trump” carioca

Este ciclo electoral lévanos ao escenario mais inmediato: Brasil. Con eleccións presidenciais á volta da esquina (7 de outubro), obsérvase unha reprodución dun “modelo Trump” á carioca en mans do polémico candidato da ultradereita, Jair Bolsonaro, quen ven liderando as enquisas. Toda vez Lula xa anunciou a retirada da súa candidatura, o confuso atentado contra Bolsonaro (6 de setembro) pode constituírse nun “turning point” preelectoral que o catapulte ao Palacio do Planalto.

Non é casual, aínda que non menos enigmático e preocupante, o “efecto Bolsonaro”. Brasil observa un calculado e deliberado proceso de “post-lulismo”, amparado xudicialmente e expresado política e institucionalmente nas altas esferas do poder. Este factor deixa tanto ao Partido dos Traballadores (PT) e á esquerda en xeral nunha difícil situación política e electoral, e ao próximo goberno ante unha situación de precaria estabilidade.

Á espera de observar se a contenda electoral decidirase nunha segunda volta, as esquerdas brasileiras, fragmentadas polo proceso de derrube do “lulismo”, amósanse desunidas e aparentemente incapaces de conter o impulso dun líder agresivo e intolerante como Bolsonaro, inesperado representante dun “populismo de dereitas” estilo Trump. En perspectiva, pode que as eleccións brasileiras de outubro constitúan mais ben un difícil test para unha democracia que amosa síntomas de precariedade, en particular ante os cambios políticos acaecidos desde 2016 tralo impeachment contra a ex presidenta Dilma Rousseff.

Crónicas do “macrismo”

Se o Brasil “post-lulista” semella cobrar forma, a Arxentina de Mauricio Macri manifesta síntomas levemente similares. É evidente unha “des-kirchnerización” da política arxentina, manifestada polas sucesivas vitorias electorais de Macri (presidenciais 2015, lexislativas 2017). Abandeirado dunha nova dereita non menos personalista, o “macrismo” fai cábalas de cara as súas expectativas de reelección presidencial en 2019.

Non obstante, a actual crise financeira e económica arxentina ilustra pantasmas do pasado. Con Macri, Arxentina volve á órbita do FMI e das súas receitas macroeconómicas. E tamén da posibilidade dun aumento da conflitividade social. Rémoras todas elas da década de 1990 que posibilitaron o “corralito” de 2001 e a aparición dun “kirchnerismo” hoxe buscando recompoñerse.

A vaga conservadora a nivel hemisférico confirmouse co retorno de Sebastián Piñera á presidencia chilena. Émulo do “post-lulismo” e do “post-kirchnerismo” é o Ecuador de Lenín Moreno, en pleno proceso de “des-correización”. A Bolivia de Evo Morales balancéase nas difíciles augas dun pragmatismo condicionado: en perspectiva está asegurar unha nova reelección presidencial en 2019, non menos polémica en materia constitucional.

Venezuela e Nicaragua

Este prisma de ciclos electorais e presumibles cambios de tendencias políticas deixa abertos os dous escenarios mais conflitivos dos recentes tempos: Venezuela e Nicaragua. Cun éxodo de mais de tres millóns de persoas fuxindo da peor crise económica da súa historia recente, a Venezuela de Nicolás Maduro abórdase como o asunto mais espiñento e imprevisible a nivel hemisférico.

A troika “post-chavista” instalada no poder en Caracas, visiblemente liderada por Maduro, Diosdado Cabello e os irmáns Rodríguez, navega polas turbulentas augas dunha crise económica sen visos de recuperación. Unha crise manifestada polas erráticas políticas instaladas polo “chavismo” durante a última década, aumentada polo progresivo declive da súa industria petroleira. Disto dan conta a hiper-inflación e o aumento da pobreza (calcúlase xa nun 87% da poboación), que socavan as expectativas de recuperación.

A crise venezolana asúmese cada vez mais hemisférica, tomando en conta a riada de venezolanos que foxen polas súas fronteiras cara Colombia, Brasil, Ecuador e Perú, e cos recentes brotes xenófobos presentados contra esta emigración. Toda vez a presión hemisférica aumenta contra Maduro para unha saída “democrática e constitucional”, non se descartan medidas mais punitivas  (posible intervención internacional, rebelión militar, “golpes palaciegos”).

A oposición venezolana, incluíndo sectores organizándose dende o exilio vía EUA e Colombia, busca fomentar unha incerta “transición post-Maduro”. Non obstante, vese politicamente desfigurada e polarizada, aspecto que reforzaría no poder á actual estrutura “madurista post-chavista”. Dentro das incógnitas e expectativas por abrirse, non é exactamente probable un inmediato cambio de poder en Caracas. Pero as presións contra Maduro, correlacionadas a nivel interno e externo, son significativas.

No 2018, Nicaragua entrou inmerso nunha dimensión tanxencialmente similar á venezolana. No poder desde 2006, a presidencia de Daniel Ortega, con rémoras autoritarias cada vez mais somocistas, afronta un descontento social que ata os momentos deixou mais de 300 mortos.

As explicacións sobre esta crise conflúen en diversos factores e direccións, pero un feito semella evidente: o poder “orteguista” vese desacreditado e caduco, incapaz de medir un cambio social inevitable, manifestado na aparición dunha nova xeración de mozos e estudantes, combativa e pluralista, proveniente de sectores populares, que demanda cambios democráticos, participación e combate ao nepotismo e á corrupción. Vese en Nicaragua os síntomas dun “post-sandinismo” revisionista, e unhas loitas populares que lembran as levadas a cabo contra o somocismo en 1979.  

Os cambios políticos pola vía electoral tamén inflúen na pléiade de organismos que fomentaron unha nova arquitectura de integración rexional durante a última década, particularmente amparada pola hexemonía das esquerdas no poder e o aumento dos prezos internacionais das materias primas, principalmente o petróleo venezolano.

As recentes saídas colombiana da UNASUR (rémora dos tempos do “chavismo” e do “kirchnerismo”) e ecuatoriana da ALBA son sintomáticos deste “fin de época” na integración rexional. Curiosamente, a progresiva desarticulación da ALBA afonda a precariedade estratéxica e o illamento dos seus fundadores orixinarios, Venezuela, Cuba, Nicaragua e Bolivia.

A isto engádese a paralización da CELAC (outra iniciativa do “chavismo”) e do MERCOSUR, que ilustran unha integración fragmentada e inconclusa. Aquí si obsérvase, invariablemente, un final de ciclo pero sen certezas absolutas sobre qué acontecerá a partir de agora.

En tempos de Trump

Quedan Cuba e os EUA de Trump, especie de rémora da “guerra fría” nun contexto de “pos-postguerra fría”. Con Miguel Díaz-Canel na presidencia desde abril pasado, Cuba transita nun pragmático “post-castrismo” dentro das particularidades do seu modelo socialista. Entra así inmerso no proceso de “repensar o modelo”.

A pretendida consulta popular prevista para 2019, enmarcada na discusión dunha nova reforma constitucional, abre un curso político estratéxico para Cuba. O  mesmo estará inevitablemente enfocado en tres escenarios: as súas tensas relacións con Washington na “era Trump”, e cos veciños hemisféricos ante a actual vaga política conservadora; a crise venezolana, que implica directamente á Habana polos acordos estratéxicos con Caracas; e a expectante reprodución na illa dunha especie de “modelo chinés”, orientado a transformar a súa estrutura socioeconómica.

Probablemente, esta exposición de cambios de tendencias políticas a nivel hemisférico, cada vez mais conservadoras de dun populismo “de dereitas”, non tería a súa manifestación mais visible se Trump non chegara á Casa Branca en 2017. O controvertido “trumpismo” non ten en América Latina un escenario prioritario. Mais ben, afronta o mesmo como a súa trastenda, reprodución pintoresca daquel “patio traseiro” que hoxe non observa necesariamente a Washington como o factor decisivo, ou seu aliado irrestrito.

Alén dos escándalos persoais que desacreditan a súa presidencia, de cara ao escenario latinoamericano, a Trump só semella interesarlle o muro anti-inmigración con México; unha solución definitiva da crise venezolana que implique un mínimo esforzo para Washington e maior implicación dos veciños hemisféricos; e manexar o “Dossier Cuba”, con especial interese en calcular o estratéxico voto hispano. Con Trump na presidencia, asistimos claramente a unha “des-omabaización” da política estadounidense, aínda que con expectativas imprevisibles.

Precisamente, o voto do peso hispano pode resultar decisivo para Trump de cara ás lexislativas de novembro próximo e das súas incertas expectativas de reelección 2020. Alén desas expectativas, un nome propio comeza a cobrar forma nos predios políticos da Casa Branca: o senador republicano de orixe cubano, Marco Rubio, marcadamente “antichavista” e “anticastrista”.

Está por ver se Rubio é un exemplo sintomático do ascenso hispano na política estadounidense. En todo caso, o seu crecente peso tamén evidencia que os cambios políticos e de tendencias observados en América Latina nos dous derradeiros anos tamén semellan progresivamente chegar á Casa Branca.

 

 

 

 

 

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais