Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 28 de Xullo de 2012 Ríos

A triangulación da cooperación galega

A perda de capacidades orzamentarias no contexto da crise representa unha gran oportunidade para que a cooperación galega poda reinventarse apostando por estratexias ata agora globalmente descoidadas. Estas permitirían a posta en valor de singularidades con potencial suficiente para converterse no seu principal sinal de identidade. 

Tradicionalmente, a dimensión (centro)americana da cooperación galega, seguindo o ronsel da española, ten sido a característica de maior peso na súa orientación xeopolítica. Non obstante, dende hai anos, algúns actores teñen promovido outros destinos significando a importancia da nosa condición de bisagra respecto á África de expresión portuguesa onde Galicia pode desempeñar un papel de primeira magnitude no contexto da cooperación ibérica e ata europea.

Os encontros realizados entre actores da cooperación galega e portuguesa, o desenvolvemento dalgúns proxectos concretos de forma compartida en países como Cabo Verde e ata a participación conxunta da divulgación continental das redes de cooperación local achegan un primeiro percorrido e ilustran un camiño de gran potencial que permitiría anovar e afianzar estratexias con financiamentos diversos (non só comunitarios, tamén de economías emerxentes) a pouco que saibamos recoñecer as nosas propias capacidades e perseveremos no empeño.

Inserirse nas novas redes de cooperación Sur-Sur que están proliferando ao mais alto nivel permitiría recoñecer e sumarse a esas novas formas de vida internacional, a miúdo menos ríxidas por menos consolidadas, que xorden ao abeiro do impulso transformador das institucións que marcando tendencia erosionan día a día o poder formal derivado desa vella orde que tenta prolongarse na posguerra fría.

Recoñecendo as mutuas fraquezas, a coordinación e suma dos inputs das cooperacións galega e portuguesa partindo da optimización de recursos humanos internacionalmente homologables resultaría nunha aprendizaxe común que, primeiro, achegaría coherencia e, segundo, permitiría manter e afortalar un sistema que está ameazado de quebra en virtude das limitacións orzamentarias.

Quedarse de brazos cruzados ou á marxe pensando en que a crise actual remontará volvendo os vellos tempos é unha aposta suicida. O esforzo da cooperación galega sempre foi modesto, entre outras razóns porque dificilmente podía “competir” non só cos seus recursos senón coas orientacións predominantes nas súas estratexias, moi dependentes do resto do Estado. A nosa aposta, pola contra, debe ser cualitativa e suxerir unha complementariedade que afonde naquelo que realmente nos diferenza. É así que se pode enriquecer ese compromiso de corresponsabilidade global do que participamos.

As circunstancias actuais reclaman flexibilidade e imaxinación, pero tamén ambición. Temos ideas e bagaxe para iso e máis.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais