Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Revista Luzes (Galicia) 5 de Novembro de 2018 Mansilla Blanco

A trampa saudita de Pedro Sánchez

Fonte: Tropas sauditas en Iemen. Asia News

España é o cuarto vendedor de armamento á “petromonarquía” do Golfo Pérsico, por detrás de EUA, Gran Bretaña e Francia. Negándose a suspender definitivamente este lucrativo comercio de armamentos, o goberno de Pedro Sánchez cumpre cos compromisos militares con Riad sacrificando a súa reputación en materia de defensa dos dereitos humanos. Isto é mais evidente en escenarios conflitivos como Siria e Iemen, onde Arabia Saudita ten presenza, sen desestimar aqueles grupos terroristas xihadistas aos que o Riad apoia loxística e militarmente desde fai moitos anos.

Non obstante a presión da opinión pública contra este comercio de armas, o último impasse desta relación foi a súbita paralización da venda de 400 bombas de precisión por parte de España ao reino saudita liderado polo monarca Salmán bin Abdulaziz. Este contrato alcanza os 9 millóns de euros. O mesmo data do goberno de Mariano Rajoy, da man de Pedro Morenés e María Dolores de Cospedal cando ambos ocuparon respectivamente a carteira de Defensa. Tomando en conta a presión mediática, a actual ministra de Defensa, Margarita Robles, ordenou recentemente a paralización desta venda a Riad.

Como sinalan varios medios, entre 2015 e 2017, o fisco español ingresou 932 millóns de euros exportando material militar á “petromonarquía” do Golfo Pérsico. O leitmotiv aparente: asegurar o emprego aos estaleiros de Navantia. A mediano prazo está en mente a venda de fragatas F-100 que irán a parar a mans sauditas.

Segundo a plataforma “Armas baixo Control”, España está incumprindo as súas propias leis no relativo ao comercio de armas con Arabia Saudita. Pola súa banda, a Unión Europea tampouco aplica algún tipo de veto ao comercio de armas con Arabia Saudita, aínda que desde 2015 clama por un embargo de armas en Iemen, escenario onde Riad ten establecido desde 2015 unha cruenta intervención militar vía Consello de Cooperación para os Países Árabes do Golfo Pérsico (CCEAG), e que ten causado mais de 100.000 civís mortos. Non obstante, países como Suecia, Canadá, Bélxica, Alemaña, Noruega e Finlandia si suspenderon as súas vendas de armas a Riad.

O escuro “caso Khashoggi”, o asasinato do periodista saudita no Consulado de Istambul ocorrido o pasado 2 de outubro, devolveu á actualidade o estado da relación xeopolítica occidental con Arabia Saudita, que ten no comercio de armas un valor engadido. Por tanto, o contexto actual repercute seriamente na reputación tanto do goberno de Pedro Sánchez como das altas autoridades do Estado, en particular a monarquía. O goberno español vese atado a estes compromisos pero sen a penas manifestar algún tipo sentido autocrítico nin iniciativa para reverter este polémico  negocio, a pesares da recente suspensión da venda das 400 bombas de precisión.

Á espera dunha posición mais firme co respecto a Arabia Saudita, Sánchez semellara facer causa común cos “falcóns” reinantes na administración de Donald Trump e, colateralmente, do seu homólogo israelí Benjamín Netanyahu. Para eles, Arabia Saudita é peza chave no estratéxico e convulso taboleiro de Oriente Próximo, particularmente no cometido de crear unha fronte rexional de contención contra Irán. Todo isto sen falar das constantes violacións dos dereitos humanos existentes no reino saudita, un aspecto no que o eixe Washington-Tel Aviv, os seus aliados occidentais e árabes fan oídos xordos.

Pero non é Arabia Saudita o único caso de venda de armamento español. Países igualmente conflitivos ou con gobernos acusados de autoritarios forman parte desta listaxe de clientes para Madrid. Destacan aquí Colombia, Venezuela, Guinea Ecuatorial, Uzbekistán, Libia (en plena crise migratorio no Mediterráneo, vendeuse a Trípoli armamento español por valor de 800.000 euros entre 2017 e 2018), Malí, Iraq e a polémica e “nuclear” Corea do Norte.

De non ser polo “caso Khashoggi”, habería que ver se o goberno de Sánchez finalmente veríase persuadido a revisar subitamente a súa relación militar con Riad. Por tanto, a decisión da ministra Robles é a penas unha operación cosmética, insuficiente no cometido principal que debe concentrarse en honrar o Dereito Humanitario denunciando e suspendendo os contratos militares españois con Arabia Saudita.

           

 

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais