Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 14 de Marzo de 2019 Alvarado Roales

A trampa de Alxer

Rúas na capital Alxer tralo anuncio do presidente Buteflika. Fonte: Axencia Xinhua

 A renuncia a un quinto mandato do presidente Abdelaziz Buteflika e o inicio dun suposto proceso de transición suscita importantes dúbidas, poñendo en tea de xuízo as auténticas intencións do réxime. A oposición, que evoca unha “manobra dilatoria”, chama á prudencia e, sobre todo, a manter a presión contestataria para avanzar de xeito efectivo na senda democrática e de cambio.

Os centos de miles de alxerinos que durante as últimas semanas saíron ás rúas para manifestarse contra o réxime interpretaron coma unha vitoria o anuncio do pasado 11 de marzo por parte do presidente Abdelaziz Buteflika, no poder desde 1999, de non presentar a súa candidatura para un quinto mandato presidencial consecutivo.

De non ser por esta onda de contestación sen parangón, pola presión cidadá cargada de determinación e constancia, o réxime tería imposto unha vez máis ao octoxenario e gravemente enfermo xefe de Estado aínda en exercicio. O sistema tería feito o de sempre, impermeable ás reivindicacións do pobo. Tralo accidente cardiovascular grave do que foi vítima e que limitou de xeito ostensible as súas capacidades físicas, cun Buteflika cada vez máis ausente e ostensiblemente recen do seu círculo máis inmediato de colaboradores, instalouse no país unha profunda crise política con impacto directo sobre a economía e sociedade.

Diante estas circunstancias, cun “presidente pantasma”, como xa se lle coñece en Alxeria pola súa absoluta falta de visibilidade, a intención de repetir a mesma fórmula durante outro lustro e nun contexto socioeconómico cada vez máis desfavorable, rematou por esgotar a paciencia dos alxerinos. E de aquí precisamente o elevado valor da renuncia presidencial, conscientes os contestatarios da concesión feita polas autoridades, algo inimaxinable até o de agora.

Unha vitoria parcial, iso si, moi mitigada polas condicións que acompañan á pretendida “rendición” de Buteflika. A batalla polo cambio ven de comezar e, sen dúbida, o máis difícil comeza agora porque o sistema segue en liza e a folla de ruta anunciada non se antoxa ideal. A senda proposta, presentada baixo forma de carta de Buteflika aos alxerinos e difundida pola Algeria Presse Service (APS), a axencia oficial, estipula que non haberá quinto mandato e o aprazamento sine die das eleccións presidenciais previstas inicialmente para o vindeiro 18 de abril, ademais da apertura dun proceso de transición que debe culminar coa aprobación dunha nova Constitución.

Buteflika non ten abdicado, e segue á fronte do país, sen data de final de mandato. O que se plantexa é a aceleración do plano xa presentado ao alxerinos o pasado 3 de marzo, que foi amplamente rexeitado, como denotan as mobilizacións ulteriores, coa única salvedade de que agora o presidente renuncia a presentarse, se ben segue en exercicio. Para “a instalación das bases da Nova República” recupérase a idea do documento do 3 de marzo de organizar unha “conferencia nacional”, entendida coma un debate, que non unhas eleccións e asemblea constituíntes, que debe ter como colofón a redacción dunha nova Carta Magna antes de finais de ano. 

En definitiva, preséntase a folla de ruta do 3 de marzo baixo forma de concesión, aceptando o presidente non presentarse á súa reelección, e reforzando a sensación dos alxerinos de que o réxime non alberga vontade de cambio algunha. No que se pretende facer ver outra concesión, dimite o primeiro ministro, Ahmed Uyahia, se ben é substituido por Nuredín Beduí, quen estará acompañado por Ramtán Lamara en calidade de vice primeiro ministro, posto este de nova creación a través dun expeditivo decreto presidencial. Nestas dúas personaxes, coñecidos homes do réxime, do aparato profundo do ex partido único, a Fronte de Liberación Nacional (FLN) e reputados pola súa proximidade a Buteflika, recae a responsabilidade de xestionar a “transición”, non facendo senón acrecentar os receos da poboación sobre as auténticas intencións do poder.

Así as cousas, a oposición ten sido unánime, tildando de “manobra dilatoria” o plano proposto, coma un instrumento para ganar tempo e tratar de baixar a tensión contestataria sen que nada cambie. Invocando o risco de afundimento do Estado, do país, e a subseguinte inestabilidade, o que fai o réxime é terxiversar as demandas da rúa, presentando supostas concesións e prometendo cambios cosméticos na arquitectura constitucional. Para algúns medios independentes, sinxelamente, “unha trampa”, tal e como subliñou o xornal El Watan na súa portada o día despois de coñecerse o anuncio da renuncia de Buteflika a unha nova candidatura.

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais