Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
2 de Novembro de 2018 González Francisco

A política exterior de Uzbekistán dende Karimov a Mirziyoyev

Fonte: Axencia Xinhua China

“Máis alá do Oxus”, na rexión que antigos gregos denominaron como a Transoxiana, esténdese o Estado máis poboado da rexión centroasiática. Uzbekistán é unha meseta que se sitúa entre os ríos Sir Daria e Amur Daria e está atravesado polas areas vermellas do deserto do Kizil Kum. O seu subsolo alberga gran cantidade de recursos minerais e enerxéticos; e é unha peza clave da xeopolítica rexional, podendo converterse no eixe das vías comerciais que se establezan neste territorio denominado como o Heartland  euroasiático polo xeopolítico inglés Halford Mackinder.

Aínda que é un país cunha larga historia, sendo o conquistador mongol Tamerlán un dos seus heroes nacionais, trátase dunha xoven república independente dende setembro do ano 1991, cando Islam Karimov era o primeiro Secretario do Partido Comunista de Uzbekistán. Posteriormente, Karimov gañou todas  as eleccións presidenciais e foi o líder indiscutible do país ata a súa morte no ano 2016.

O mandato de Islam Karimov estivo marcado polo forte personalismo na toma de decisións, a falta de respecto polos dereitos humanos, as torturas, a nula independencia do poder xudicial e a inexistente liberdade de expresión. 

Karimov baseaba o seu poder no control total da sociedade coa colaboración do Servizo Nacional de Seguridade (SBN), que terminou sendo a organización máis poderosa do Estado. De feito, a función principal desta institución era a de garantir a estabilidade interna e “chegou a controlar todos os aspectos políticos, sociais e económicos da vida país”(1). As aspiracións de liberalización que xurdiron nas sociedades de Asia Central tras a caída da URSS foron rapidamente silenciadas  e o continuísmo co modelo de planificación central implantado durante o período soviético foi a tónica xeral na Administración Estatal. 

Os procesos políticos que se desencadearon nos países cos que comparte fronteira como Taxikistán e a súa guerra civil, e Kirguistán, o Estado mais democrático da rexión, provocaron un discurso na elite política uzbeka no que se vinculaban os intentos de liberalización có caos e os conflitos armados. Desta maneira, implantouse un modelo illacionista no que houbo frecuentes períodos de desencontros cos Estados do entorno e incluso certas controversias.

Karimov non dubidaba  e exacerbar os conflitos interétnicos que se sucedían en puntos chave coma  o Val de Ferganá, e empregou os seus recursos enerxéticos como medida de presión contra os veciños, dos que precisaba recursos hídricos para o abastecemento dun dos sectores produtivos máis importantes do país como o téxtil e a produción de algodón. Pero o antigo presidente tamén entendía que era necesaria unha colaboración estreita co resto de países, debido a que toda a rexión se enfrontaba a problemáticas comúns, tanto no campo da seguridade como no económico e medioambiental. 

Por outra banda, déronse tamén momentos nos que se xeraron acordos para o establecemento da colaboración rexional sobre todo na parte económica e comercial. Un exemplo foi  a firma do “Protocolo dos Cinco Estados de Asia Central sobre un mercado común” no ano 1993. Tamén celebrouse o Cume de Taskent, o 10 de xaneiro de 1994, para promover a libre circulación de mercadorías e a simplificación dos trámites para conseguir unha mellora comercial que beneficiase a ambos Estados . 

Concretouse así unha traxectoria na política exterior uzbeka que demostraba un interese por non perder certas conexións a nivel rexional e internacional que fosen útiles para a mellora aqueles sectores produtivos que eran de maior envergadura no Estado. A  forma de acordos bilaterais foi a máis empregada polo antigo presidente uzbeko, o cal se mostraba moi reacio a calquera tipo de integración. 

No terreo extrarrexional, Karimov decantouse por seguir unha política exterior multivectorial. Tratou de manter o balance entre Rusia, a República Popular de China, Estados Unidos e a Unión Europea e tamén con Turquía coa que mantén certos vínculos étnicos e lingüísticos. Pero a estabilidade tampouco foi a característica neste outro ámbito da proxección internacional de Uzbekistán. 

En función das apreciacións de Karimov sobre o comportamento dos seus socios, o presidente uzbeko cambiaba o posicionamento estratéxico de Uzbekistán dunha maneira rápida, sostendo así unha relación moitas veces antagónica con seus aliados. Un exemplo desta práctica foi a retirada da base militar estadounidense en territorio uzbeko (Karshi-Hanabad), empregada na  ofensiva militar estadounidense en Afganistán, despois de que Washington criticase ao goberno uzbeko tras os sucesos de Andijan(2) en maio de 2005.  

Este realismo político de Karimov estaba vinculado a un modelo “imaxe-situación” na execución da súa política exterior, debido a que el era o máximo responsable na toma de decisións do país e o interese nacional de Uzbekistán obedecía as súas apreciacións sobre cal debía ser este. Loxicamente, Karimov tamén era o que determinaba se existía algún nivel de inxerencia por parte  dos diversos actores internacionais.

Os principais fundamentos sobre os que se asentou o papel internacional de Uzbekistán inclúen: “a busca da igualdade de estatus a través das relacións bilaterais, o mantemento da estabilidade a través da orientación autoritaria (…) a práctica da autosuficiencia e a non dependencia”(3). Tashkent abrazou a idea de que a ideoloxía e a creación dunha identidade nacional sostida sobre a idea de que Uzbekistán é unha gran nación, foi chave para desenvolver esta concepción de “auto-importancia”.

 

Mirziyoyev: unha nova liña na política exterior uzbeka?

Shavkat Mirziyoyev foi o primeiro ministro uzbeko durante os últimos anos de presidencia de Karimov e, dende 2016, é o actual  presidente de Uzbekistán. Mirziyoyev está levando a cabo unha serie de medidas destinadas a mellorar a situación dos dereitos civís e políticos da sociedade, tratando tamén de favorecer unha paulatina liberalización do sector económico.

O actual xefe do executivo uzbeko está tentando establecer un programa de goberno no período  2017-2021 no que pretende que se implante un verdadeiro Estado de Dereito mediante a reforma do sistema xudicial, a diminución do control estatal da economía, a creación de  condicións para a  boa convivencia entre as diversas etnias, unha maior tolerancia nas cuestións relixiosas e a creación dunha política exterior construtiva e beneficiosa para todos os participantes, con especial prioridade na mellora das súas relacións rexionais.  

Este paquete de reformas céntrase en 5 áreas principais: sector turístico (mediante a ampliación de visados a un maior número de países e o aumento da actividade diplomática e o soft power); o sector farmacéutico;  o sector téxtil; o industrial; e o agrícola. Ademais, pretende atraer as inversións internacionais e a volta do capital uzbeko do estranxeiro. Sen dúbida, unha mellora nas condicións socioeconómicas pode asegurarlle o respaldo da cidadanía e consolidar así o seu poder.

No escaso tempo que Mirziyoyev leva no poder, houbo cambios significativos que materializaron a súa aposta pola reforma interna do Estado.  Un exemplo foi a posta en liberdade de presos políticos como o  xornalista Yusuf Ruzimuradov, ex carcerado tras pasar 19 anos de prisión por manter una posición crítica co anterior executivo. Tamén introduciu os indultos persoais e remodelou completamente o Ministerio do Interior  e o de Finanzas onde se situaban os seus principais rivais.

Igualmente, Mirziyoyev, depuxo ao xeneral Rustam Inoyatov, director do SBN, e fixo que Zakir Almatov, militar apartado do terreo político por Karimov, retornase á primeira liña, sendo o principal conselleiro do Ministerio do Interior.  Tamén no Ministerio de Asuntos Exteriores houbo significativas mudanzas xa que, en moitas das embaixadas, operaban efectivos do SBN articulando operacións de contra intelixencia

Loxicamente, todas estas medidas estaban destinas a acabar coa influencia do SBN nas institucións do país, e déronse conflitos na elite política e militar polo que o actual presidente levou a cabo un proceso de substitución de cargos públicos por persoal da súa confianza, cun modelo de toma de decisións personalista ao estilo de Karimov.

Na mesma liña reformista, Mirziyoyev tamén deu mostras dun cambio de actitude na execución da política exterior uzbeka, aínda que a política exterior dun Estado non debería ser entendida nin identificada como a política exterior do seu goberno, ou presentala dentro dun marco teórico desvinculado da política interna. A doutrina da política exterior dun país non pode ser renovada cada vez que teñan lugar cambios na situación interna por moi radicais que estes foran. Así, “o que pode parecer unha nova liña non é en realidade  una variación máis da política exterior tradicional, que se presenta baixo unha vestimenta mellor adaptada ao espírito da época”(4). 

O Uzbekistán de Mirziyoyev é un exemplo disto. A autosuficiencia defendida por Karimov continúa a ser o piar fundamental dentro do xogo da hexemonía negociada que estase xestando na rexión centroasiática. Aínda que o cambio de actitude é evidente mediante a  normalización das relacións con Taxikistán e Kirguistán a través dun acordo para a delimitación de fronteiras, a eliminación da restrición de visas, restablecemento das conexións aéreas restrinxidas dende 1992, entre Taskent e Dushanbé. Para  o líder uzbeko a rexión é un “organismo único que durante décadas tivo unha xeografía e un espazo cultural e económico común” (5).

A orientación da política rexional de Mirziyoyev segue unha liña parecida a de Karimov, mediante o sostemento de acordos bilaterais coas contrapartes centroasiáticas para a mellora da desgastada economía uzbeka e tamén se percibe colaboración nos asuntos de seguridade. 

Uzbekistán está a mostrar un papel proactivo na rexión na cuestión da securitización de seu veciño afgán, debido a que neste país existe unha importante diáspora uzbeka, e tamén debido a que pode ser o lugar de retorno de cidadáns uzbekos vinculados a organización Katibat al-Imam al-Bukhari (Batallón do Imam al-Bukhari, KIB). O “KIB chegou a identificarse nas redes sociais dixitais como ‘Emirato Islámico de Afganistán- Katibat Imam al Bukhari’, en alusión á designación ‘oficial’ empregada polos Talibán. En Afganistán tamén se vincula con grupos como a Unión da Xihad Islámica (vinculado a Al Qaeda) e o Emirato Islámico de Uzbekistán  (aliñado con Daesh dende o 2014)(6). 

Nesta orde celebrouse, por iniciativa uzbeka, unha Conferencia en Taskent sobre o futuro de Afganistán como parte tamén desta iniciativa rexional e sen deixar de incluír a Kabul como posible socio para a apertura dun novo mercado económico para Uzbekistán .  

Esta aposta de Mirziyoyev polas relacións entre as repúblicas de Asia Central xerou“ 11 encontros dos presidentes rexionais, dúas visitas de traballo e 15 chamadas entre os líderes de Asia Central durante os dez primeiros meses como xefe de Estado”

Por outra banda é moi salientable a boa sintonía entre Mirziyoyev e o presidente kazaxo, Nursultan Nazarbayev, a pesares de ser candidatos a rivalizar polo liderado na rexión. Tras o encontro celebrando en Kazaxistán o pasado mes de marzo de  2018, no que catro dos cinco líderes rexionais, a excepción de Gurbanguly Berdimuhamedov de Turkmenistán, acordaron aumentar a cooperación para a solución da problemática común da zona (separatismos, cambio climático, seguridade...) 

Nesta reunión Nazarbayev suxeriu a necesidade de crear organismos rexionais independentes para o financiamento como unha medida para frear a influencia de  actores extrarrexionais, particularmente a República Popular de China co seu Banco Asiático en Investimentos e Infraestruturas. 

 

Miriziyoyev no escenario internacional

A Federación de Rusia segue sendo un actor principal para Uzbekistán. Mirziyoyev  tentou conseguir a neutralidade do Kremlin para a súa chegada ao poder mediante a  posta en valor do pasado común compartido con Rusia e a herdanza soviética. 

Do mesmo xeito, facilitou o camiño para a volta do capital uzbeko localizado na Federación. Asináronse acordos para que os soldados de Uzbekistán poidan estudar e asistir a cursos militares en academias rusas por primeira vez en dez anos e tamén se  acordou a celebración de contratos con inversores rusos para a construción de plantas nucleares nos país.

Rusia segue sendo o principal socio comercial de Uzbekistán e aínda que pola parte rusa hai sinais dunha esperada integración de Taskent na Unión Económica Euroasiática e na Organización do Tratado de Seguridade Colectiva, Mirziyoyev mantense na liña tradicional da política uzbeka e non deu mostras de que esta integración se vaia efectuar a corto prazo.  Aínda así, aproveita cada visita a Rusia para conseguir acordos beneficiosos naqueles sectores nos que Rusia pode contribuír máis ca outros países. Será interesante estar atentos ao desenvolvemento destas relación ruso-uzbeka para determinar a capacidade de influencia rusa na rexión, considerada para Moscova como o seu “estranxeiro próximo”.

Esta é a liña seguida tamén coa Repúblicas Popular de China (RPCh). Para Beijing é importante a estabilidade de Uzbekistán debido a que o gas que provén de Turkmenistán cara China debe pasar polo territorio uzbeko. A seguridade e estabilidade de Afganistán é outro punto en común. 

A RPCh é un socio nada desprezable para Uzbekistán debido a súa gran capacidade de investimento e os razoables prezos da súa tecnoloxía que, a pesar de non ser a mais avanzada, é suficiente para dinamizar ó seu sector produtivo. Establecéronse gran cantidade de acordos en materia económica entre ambos Estados provocando un aumento da influencia comercial chinesa. 

Taskent forma parte tamén do proxecto chinés da Nova Ruta da Seda (OBOR) e dende algunhas academias suxeriuse que Taskent podía ser o punto no que se dese a competencia entre China e Rusia, aínda que Mirziyoyev asegurou que os acordos que o seu executivo está a formalizar con ambos Estados non son excluíntes.

Estados Unidos tamén é un actor presente na rexión. Mantendo unha especial relación con Uzbekistán debido a súa situación fronteiriza con Afganistán, Washington  está elaborando a súa propia versión da Ruta da Seda a través da “Northern Distribution Network”, unha senda que comezou como vía loxística para facer chegar os subministros necesarios ás tropas americanas despregadas en Afganistán. O pasado mes de maio de 2018, Mirziyoyev visitou a Casa Branca  e sinalou que se abría unha nova era de cooperación estratéxica entre ambos Estados. Tamén Xapón e Corea do Sur teñen interesantes relacións con Uzbekistán e son actores salientables.

A nova actitude política na presidencia de Uzbekistán segue as liñas xerais da tradicional orientación da proxección internacional da República, pero cunha actitude moito máis fiable e probablemente beneficiosa. Todos os acordos e a intensa actividade diplomática do novo executivo mostran a tendencia de seguir sendo independentes fronte aos grandes poderes ea aspiración de continuar exercendo unha política multivectorial, aproveitando así a súa posición para mellorar e fortalecer todos aqueles sectores económicos que lle permitan seguir unha senda sen inxerencias no seu itinerario dentro da sociedade internacional, cara a que se mostra máis aperturista que nunca.

De igual xeito, o actual presidente Mirziyoyev debe asegurar ben a súa propia estabilidade mediante un balance adecuado da política exterior do país entre os seus socios, sobre todo China e Rusia, ambos con gran capacidade de influencia pero tamén de desestabilización.

Pola traxectoria, escasamente de dous anos, que está a seguir o actual presidente de Uzbekistán, podería ser un exemplo de cómo un “pequeno país” pode empregar a súas vantaxes xeopolíticas para controlar a influencia estranxeira e poder ser independente dentro da política internacional.

 
Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais