Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 20 de Outubro de 2016 VV.AA.

“A política exterior comeza na casa”. Unha aproximación á política exterior rusa baixo Vladimir Putin

Unha análise de José R. Corrochano, estudante en prácticas (USC)
Fonte: RT

Unha análise preliminar sobre as bases constitutivas da política exterior rusa permítenos descifrar algúns elementos moi presentes tanto na intelligentsia como na opinión pública da sociedade rusa, principalmente establecidos na perspectiva da defensa nacional. Neste sentido, podemos apreciar catro factores preponderantes que, contextualizados nos diferentes elementos xeográficos, históricos e culturais, atópanse fortemente enraizados na mentalidade dos seus cidadáns.

Por tanto, compre identificar e definir os devanditos catro elementos que exercen unha notable influencia na configuración de perspectivas e estratexias en materia de política exterior e de defensa da Federación rusa:

a)      O persistente temor da invasión exterior: desde a súa primeira constitución estatal a través das tribos eslavas que crearon a Rus de Kiev (século XIX), e ao longo da su historia, Rusia foi constantemente atacada e invadida en diversas épocas, ben sexa pola orde xermana dos Cabaleiros Teutónicos (século XII), e posteriormente mongol e tártara (1237-1240), os reinos polacos e lituanos (a principios do s. XVII), o exército francés napoleónico (1812) ou o exército nazi alemán durante a II Guerra Mundial (1941). Esta sucesión de ocupacións e asaltos creou un constante poso de preocupación na mentalidade rusa, incrementada polo feito de nunca posuír fronteiras xeográficas naturais que lles permitiran defenderse dos seus inimigos.

 

b)      A seguridade nacional:  factor que complementa o elemento anterior. Coa desintegración da URSS, a Rusia post-soviética observou a progresiva desintegración e separación das súas ex repúblicas euroasiáticas dominadas principalmente desde o imperio zarista ata o Estado soviético. Neste sentido, Moscova procedeu á recreación de “novas fronteiras” e espazos transfronteirizos, destacando así as denominadas “zonas buffer” (“neutrais” ou controladas polo Kremlin) establecidas entre Rusia e aqueles países, ben con minorías étnica e lingüísticas rusas ou ben concibidas por Moscova como ampliación da súa órbita de influencia, nas que incluso pode identificarse eventuais “inimigos potenciais”, determinados estes non só por razóns de rivalidades históricas ou políticas senón tamén polos pulsos xeopolíticos establecidos pola implicación occidental (OTAN, UE, OSCE).

 

É dicir, inclúense aquí principalmente algunhas ex repúblicas soviéticas (Xeorxia, Ucraína) nas que Moscova establece estas “zonas buffer” (Osetia do Sur, Abxasia, Donbass) como evidentes espazos de seguridade. Así, o Kremlin garante (e potencialmente aumenta) a seguridade do país canto maior sexa o tamaño das zonas “buffer”. No idioma ruso non existe a palabra “seguridade”, polo que utilízase a denominación “bezopasnot” (sen perigo), que é o obxectivo que se persegue coas devanditas zonas neutrais.

 

c)      A idea da “Gran Madre Rusia”: (“Rossiya-Matushka”)  este concepto reside no poder que ten, na mentalidade rusa, a loita por recuperar o esplendor do que gozaba  o seu país en tempos pasados. Para Putin, este pensamento é un elemento indispensable de unión e identificación nun “corpus” común moi específico e facilmente diferenciable. Foi unha estratexia empregada na II Gran Guerra Patria, denominación rusa da II Guerra Mundial, en particular ante a pretensión da Alemaña nazi por exterminar e colonizar o denominado “lebensraum”, o seu concepto xeopolítico do “espazo vital” no Leste europeo, precisamente onde habitan os pobos eslavos.

 

d)     O factor relixioso-cultural: dun xeito colateral e contextual, Putin incorporou a súa estratexia de política exterior un resgo definitorio moi presente dentro da idiosincrasia rusa: a defensa da relixión cristiá – ortodoxa, en particular como elemento de defensa e de loita contra a “decadencia occidental” e a ameaza do Islam no Cáucaso ruso e ex soviético. No fondo, o que se revela é unha férrea oposición á expansión do xihadismo salafista, principalmente do proveniente da versión wahabbita predominante en Arabia Saudita, que ansía estenderse polo Cáucaso e Asia Central, ameazando claramente os imperativos xeopolíticos rusos. Neste sentido, é pertinente considerar a cada vez maior afiliación de mozos rusos (principalmente de orixe caucásico) dentro das milicias e organizacións xihadistas como o Estado Islámico entre Siria e Iraq, co potencial perigo que supón o seu posterior retorno á Federación rusa, principalmente como posibles móbiles de expansión da ideoloxía salafista.

 

Estes elementos configuran unha idiosincrasia dentro da intelligentsia e do establishment no poder en Rusia que pretende configurar un sistema de defensa da integridade nacional e estatal, antes que necesariamente preocuparse polo que sucede no exterior. Con todo, nos derradeiros anos, Rusia veuse envolta en conflitos establecidos dentro da súa periferia euroasiática (Xeorxia en 2008, Ucraína desde 2014) así como no seu hinterland cara Oriente Medio (Siria desde 2015) que permitiron a Putin establecer unha doutrina de política exterior e de defensa nacional con bases firmes de actuación na política internacional, ben sexa en materia diplomática, económica ou militar.

 

Esta estratexia de Putin de focalizar á política exterior como un bastión imprescindible da súa política de Estado parece que goza da simpatía e complicidade dos cidadáns rusos, ratificada incluso a través dunha maioría absoluta nas recentes eleccións lexislativas á Duma (Parlamento ruso) celebradas o pasado 18 de setembro. Nestes comicios, Rusia Unida, o partido de Putin, obtivo 343 escanos dos 450 totais, máis dun 54% dos votos, incrementando nun 5% estes apoios co respecto á anterior convocatoria electoral parlamentaria (2011).

 

Con todo, compre non caer na habitual perspectiva emanada por parte de grandes mass media a nivel global, que establecen que presuntamente a Federación rusa tenta recuperar o seu pasado imperial a través do control sobre os seus países satélites veciños. Putin ten un proxecto moito máis amplo, multisectorial e multinivel, para recuperar o tradicional prestixio como potencia do que gozaba Rusia. Recoñeceu que a súa posición política é conservadora (poida que eventualmente configurada durante os seus tempos de director do KGB e da súa dura infancia durante ó réxime comunista soviético), pero se escudriñamos as súas verbas obtemos unha visión política moito máis complexa: “o importante do conservadurismo non é que impida o avance e o ascenso, senón que impida o retroceso e caída cara a escuridade caótica e o retorno a un estado primitivo”(1).

 

Outro aspecto vital da política exterior rusa actual é a existencia dun plan estratéxico e de carácter visionario, tal e como o propio Putin estableceu publicamente o 28 de febreiro de 2012, a través dun documento, “Rusia e o Mundo en Transformación(2), no que plasmaba as grandes liñas de actuación para o seu país en materia exterior.

 

Dentro desta estratexia, as liñas mestres da acción exterior rusa son:

 

-          A política exterior debe ter por obxectivo mellorar o benestar de cidadáns de Rusia;

 

-          Actuará segundo os seus intereses (e obxectivos), e non en base a decisións alleas;

 

-          Só se poderá aplicar isto cando sexa forte e respectada;

 

-          A seguridade do mundo só estará garantida se: a) actúase conxuntamente con Rusia; e b) non deixala de lado e non debilitar as súas posicións xeoestratéxicas, así como danar a súa capacidade de defensa.

 

 

Todo isto se divide en dúas visións que engloban e resumen estas “ideas-forza” anteriores:

 

-          Garantir unha mínima seguridade económica a súa poboación, particularmente tralas tribulacións socioeconómicas vividas na Rusia post-soviética durante o mandato presidencial de Boris Ieltsin (1992-1999);

 

-          Recuperar a relevancia internacional de Rusia así como dos seus intereses.

 

Por último, debe igualmente observarse a preponderancia de tres focos de acción da política exterior rusa que, considerados dende un punto de vista analítico, supoñen un notorio cambio de actuación respecto á tradición rusa nesta materia. Neste sentido, estes tres focos engloban unha serie de retos e oportunidades nestes espazos que a Federación rusa debe afrontar, e de cuxo resultado dependerán as relacións internacionais nas próximas décadas.

Estes tres escenarios son:

 

a)      Asia-Pacífico:

 

-          O crecemento económico de China non é unha ameaza senón unha oportunidade de atopar un socio cun potencial case infinito;

 

-          A actuación exterior chinesa non indica que aspire a detentar un rango de potencia hexemónica mundial, polo que Moscova quere colaborar con Beijing na construción dun mundo multipolar non hexemónico a través de todos os foros posibles: ONU, BRICS, G-20...;

 

-          O desenvolvemento dos BRICS, que supoñen un total de 3.000 millóns de persoas e o 25% do PIB mundial.

 

b)      O factor europeo:

 

-          Rusia é unha parte indispensable da “gran Europa” e a súa historia, e os seus cidadáns séntense parte da cultura europea;

 

-          O Kremlin apoia a visión dunha UE forte promovida por Alemaña e Francia, así coma unha zona de libre comercio “de Lisboa a Vladivostok”.

 

-          A relación enerxética é clave. A entrada en funcionamento do gasoduto North Stream proporcionará a Europa un sistema de distribución seguro e eficiente.

 

c)      A influencia de EUA:

 

-          O carácter potencialmente inestable das relacións ruso-estadounidenses, con períodos de certa sintonía e outros de maior fricción e distanciamento, están nalgún sentido determinadas pola pervivencia de certas fobias e estereotipos tradicionais, moitos deles enfocados na mentalidade de “guerra fría” e de confrontación bipolar;

 

-          A influencia negativa determinada polos “intentos sistemáticos” de EUA de realizar “enxeñería política” e de intervir en campañas electorais tanto en Rusia como en países da periferia euroasiática rusa como Xeorxia (2003-2004), Ucraína (2004), Belarús, Kirguizistán, etc.

 

A idiosincrasia rusa posúe unhas características articulares e ben definidas ó longo da súa historia recente. Vladimir Putin comprende perfectamente esta mentalidade, en particular a súa particular forma de comprender qué e cómo é a súa nación, o que esperan do Estado e o papel protagonista que lle outorgan ó Presidente da Federación. Por iso a reafirma e ensalza como método de unión e diferenciación da poboación rusa, en particular de cara ao exterior, demostrando así que a súa idea de acción exterior, focalizada en resolver os retos que se lle plantexan nos distintos focos de actuación máis alá das súas fronteiras, en particular as relacións con Europa e a OTAN, o avance da influencia de China cara Asia Central e o intento de aumentar a influencia e poder nesa zona, gozan dun amplo respaldo e popularidade no seu país.

 

 

José R. Corrochano (Facultade de Ciencias Políticas, USC)

é estudante en prácticas no IGADI

 


(1)            Palabras do presidente Putin (citando ao filósofo ruso Nikolai Berdyaev) nun discurso sobre o estado da nación, recollidas no artigo “La situación de Rusia y su influencia en el mundo” de Francisco J. Ruiz González para o IEEE. Consultar en: http://www.ieee.es/Galerias/fichero/docs_marco/2014/DIEEEM02-2014_RusiaInfluenciaMundo_FJRG.pdf

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais