Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
22 de Xaneiro de 2019 Alejo

A perspectiva da securitización nas políticas europeas para a inmigración

Estas reflexións son a primeira achega dunha serie de artigos para Praza Pública sobre o fenómeno global das migracións, froito dunha investigación sobre persoas refuxiadas en Galicia financiada polo programa de bolsas de investigación da Deputación da Coruña 2017-2018.

En termos de política global contemporánea é -por dicir o menos- provinciano ou irresponsable asumir que se pode ter unha Europa rica e integrada sen considerar os impactos multidimensionais que implica nun ambiente que transcende as fronteiras europeas. Son catro piares os que sustentan as políticas para o asilo e a inmigración en Europa e a súa consolidación aínda está en proceso: 1.- Un enfoque global para cooperar cos países de orixe e tránsito, 2.- Contar cun sistema europeo común de asilo, 3.- Garantir un trato xusto aos nacionais de terceiros países residentes na UE, e 4.-Unha xestión eficaz dos fluxos migratorios. De acordo a estudosas do tema, como Gemma Pinyol-Jiménez, a gobernanza dos fluxos migratorios entre estados europeos e de extracomunitarios cara Europa, poñen enriba da mesa importantes desafíos para os fundamentos do sentido de existencia histórico da Unión Europea. No entanto, para Samir Nair e Javier de Lucas, a política migratoria europea definiuse basicamente sempre por medio de dúas posicións diante dos posibles novos habitantes: o curtopracismo e o instrumentalismo.

Así as cousas en Europa hai un recoñecemento xeral sobre a inadecuada xestión do tema migratorio. Segundo o Pew Research Centre, nunha enquisa da primavera do 2018, o 71% de persoas en España desaprobaron como Europa manexou o tema da "crise dos refuxiados". Gemma Pinyol-Jiménez afirma que "o único punto en que os Estados membros chegan a un acordo é destinando recursos ao control das fronteiras". Tanto académicos como ONG dan conta de que a nivel europeo as condicións institucionais que se promoven son desfavorables para a correcta recepción e acollida das persoas que buscan refuxio. Neste sentido, afirma que as políticas de control de fronteiras e de inmigración están sustentadas baixo unha lóxica de securitización. Ante isto, Valeria Bello, sinala que esta perspectiva promove un ambiente de hostilidade multidimensional contra as persoas que pretenden ou xa chegaron a Europa a partir da chamada "crise dos refuxiados", o que levou ás persoas que buscan refuxio, de acordo a Javier de Lucas, a unha situación de "estado de excepción permanente" onde a atención ás persoas en busca de refuxio depende, en boa medida, do voluntarismo e non do recoñecemento dos dereitos das persoas en movemento.

Os desafíos que as migracións contemporáneas representan para Europa están aquí e agora. É competencia dos Estados definir os criterios para definir quen entra, sae e permanece no seu territorio. Con todo, faise preciso reflexionar se esa ollada alimenta e lexitima, dalgunha maneira, a expansión e profundización de manifestacións xenófobas e racistas que se expresan de varias maneiras, en diferentes contextos e no día a día con diferentes intensidades e matices. O activismo xuvenil nativista esta activo. Amósano así as organizacións xuvenís como Xeración Identitaria, Hogar Social Madrid ou Schild & Vrienden quen, co seu slogan "Fronteiras seguras, barrios seguros", apelan un peche de fronteiras en nome da seguridade xa que "a xente europea está a morrer porque somos tolerantes cara aqueles que non respectan a nosa identidade". Diante disto, que opcións están a desenvolver os pensamentos progresistas para atender os procesos políticos contemporáneos do século XXI?

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais