Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
22 de Xullo de 2019 Martínez Pellitero

A Paz como condición necesaria para o desenvolvemento

Fonte: Xinhua

Cando falamos dun proceso de desenvolvemento completo, os economistas adoitamos a dar por sentado un dos piares sobre os que se debe asentar calquera sociedade moderna, a paz. Sen embargo, nos últimos lustros os conflitos armados multiplícanse máis do que se reducen, imposibilitando o progreso en moitos dos países subdesenvolvidos e con peores condicións materiais. Falamos especialmente das disputas no África e no Oriente Medio, mais tamén poderían entrar nesta categoría as escaladas violentas nos últimos anos nalgúns países de América Latina e o Caribe asociadas á pobreza e a exclusión.

Deste xeito, ACNUR rexistrou en 2018 ata 25.9 millóns de persoas con condición de refuxiadas, e Amnistía Internacional cifrou durante 2016 en mais de 100.000 os mortos en conflitos armados e por riba dos 65 millóns os desprazados por todo o mundo a consecuencia da persecución, o conflito, a violencia e as violacións dos dereitos humanos; a cifra mais alta rexistrada nunca e que non ten visos de diminuír a curto prazo. Situacións como a de Yemen na que mais de 21 millóns de persoas precisan de axuda humanitaria (das cales mais de 11 son nenos e nenas) teñen en xaque a axenda de progreso[1].

A Axenda de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, inclúe esta dimensión no ODS número dezaseis, “Paz, Xustiza e Institucións Sólidas”, constando este de 12 metas que abranguen moitos (quizais demasiados) temas relacionados a este título: redución da violencia e da mortalidade, explotación e trata de seres humanos, venta de armas, corrupción e subornos, reforzo das institucións, aumento da calidade democrática, necesidade de garantir personalidade xurídica a todas as persoas e incluso a necesidade de aumentar a cooperación internacional ou lexislar en favor do desenvolvemento sostible.

Nunha primeira análise[2] é doado darse conta da multidimensionalidade de este obxectivo, así como a dilución das responsabilidades ás que levan moitas de estas metas que requiren de cambios estruturais nas relacións internacionais en si mesmas e que xa xeraron grandes conflitos durante a súa deliberación e negociación na conformación da axenda. Metas, ademais, altamente politizadas -como non podía ser de outro xeito-, ao tratarse asuntos que interpelan directamente a conflitos de interese e de poder, dificultando tamén a captura e publicación de moitos indicadores de seguimento dos mesmos por parte duns Estados que son parte implicada da propia problemática a resolver.

Así, asumindo xa que o perseguimento da paz e da seguridade implica un dos maiores retos presentados neste programa para a próxima década, o propio secretario xeral de Nacións Unidas afirmou que este “ODS 16” debe entenderse como un cuarto pilar da axenda xunto aos 3 principais: o económico, o social e o medioambiental, outorgándolle a relevancia que se merece e colocándoo como base sobre o que cimentar calquera tipo de estratexia de desenvolvemento ou progreso a partir da consecución de paz e seguridade para a poboación.

Mais, para poder aspirar a ela e asumir accións que nos axuden a acadala, compre definir o propio concepto de paz, o cal o sociólogo noruego Johan Galtung dividiu hai varias décadas en dúas dimensións diferentes: a paz negativa, entendida como “ausencia de violencia directa ou ameaza de ela” e a paz positiva, identificada coa “existencia de estruturas, políticas e institucións que permitan a satisfacción das necesidades humanas e o desenvolvemento dos seus dereitos e potencial, así como a existencia dunha sociedade integrada e en paz”[3].

Trátase, por tanto, dun concepto tamén amplo e que require solucións integrais. Agora ben, os indicadores existentes establecen relacións causais suficientemente claras que poden axudar a atopar un camiño polo que comezar a traballar: mais desigualdade implica sempre mais violencia. Os países mais desiguais rexistran taxas de homicidios superiores, de xeito que se acada nos países con altas desigualdades (Gini>0,45) unha taxa de homicidios ata nove veces mais alta que a que presentan os países menos desiguais (Gini<0,35)[4], sendo América Latina e Oriente Medio os mellores exemplos desta afirmación.

Para rematar, como ampliación ao texto aquí presentado e para quen sinta o interese de ampliar o seu coñecemento en base á opinión de expertos na materia, compre destacar que a semana pasada foi presentado o libro de libre acceso “LA AGENDA 2030 Y LOS ODS, NUEVA ARQUITECTURA PARA LA SEGURIDAD” promovido polo Departamento de Seguridade Nacional, dependente do Ministerio da Presidencia, coordinado polo almirante Fernando García Sánchez e que recolle as opinións de 11 reputados expertos e expertas entre os que se atopa o catedrático José Antonio Sanahuja.

 


[1] Cifra da Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios en 2017 (OCHA).

[2] O resume moi ben José Antonio Sanhauja (2019) en “La Agenda 2030 y los ODS. Sociedades pacíficas, justas e inclusivas como pilar de la seguridad”, quen identifica dúas grandes cuestión dentro de este ODS: por unha parte un conxunto de metas xenéricas de redución da violencia en todas as súas formas (16.1, 16.2 e 16.a ás que deben engadirse as recollidas no ODS 5 sobre violencia de xénero), e por outra, unha ampla axenda de “bo goberno” (16.3, 16.4, 16.5, 16.6, 16.7, 16.7, 16.8, 16.9, 16.10 e 16.b).

[3] José Antonio Sanhauja (2019): “La Agenda 2030 y los ODS. Sociedades pacíficas, justas e inclusivas como pilar de la seguridad”.

[4] Dato das Nacións Unidas para o ano 2015.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais