Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 8 de Novembro de 2017 VV.AA.

A marca do Daesh: a destrución do patrimonio histórico sirio-iraquí

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, colaborador do IGADI
Ruinas na localidade siria de Palmira. Fonte: Axencia Xinhua (China)

Cando no 2015 comezaron a difundirse, de forma global e mediática, imaxes de militantes do Estado Islámico profanando e destruíndo vestixios arqueolóxicos en Nimrud (Iraq) ou no museo de Mosul, un forte halo de indignación e consternación percorreu o seo da comunidade internacional. A nova mostra de barbarie denotaba unha ambición máis aló do terreal, da conquista militar ou do control sociopolítico, cuxo último fin parecía borrar da historia e do ideario colectivo toda iconografía, mostra artística ou cultural que definise unha alternativa á súa interpretación radical e maniquea do Islam. Ao marxe da súa cabida nunha estratexia propagandística ben medida, asistíamos a unha nova fase no obxectivo de “limpeza cultural”.

Numerosas mostras e emprazamentos arqueolóxicos veríanse afectados dende entón, sendo filmadas e editadas en aras da manipulación ideolóxica inherente á súa visión existencial. Pese aos esforzos realizados dende instancias internacionais como a UNESCO ou o Consello de Seguridade da ONU, a destrución e saqueo sistemático de bens culturais e arqueolóxicos continuou pola mesma senda.

A falta de avaliación e actuación sobre o terreo por parte destes organismos, lóxica ante o vigor dun conflito armado, e a relegación a un segundo plano polos actores en liza – en tempo de guerra a protección dos bens culturais non resulta unha prioridade- agravan unha situación cuxas últimas consecuencias abarcan un abano multipolar.

Destrución e tráfico ilícito

Os bens culturais da rexión gozaban dunha “relativa” situación de protección estatal e internacional, tanto en Siria coma no Iraq de Saddam Hussein, previo á Guerra do Golfo de 1991. A preservación do patrimonio encontrábase ligada a dous factores chave: o nacionalismo secular vinculado ao partido Ba’ath (experimentado en ambos escenarios) e o piar económico fundamental que conformaba o turismo cultural, chegando a supoñer un 12% do PIB.

Existían igualmente marcos lexislativos específicos contra o saqueo e profanación de xacementos e zonas de interese, a nivel estatal, con penas de prisión de ata 15 anos, aínda que a situación non se presentaba idílica ante a corrupción inherente aos sistemas políticos existentes.

No plano internacional, eran recoñecidos pola UNESCO, entre outros, como lugares de “especial significación” cultural ou histórica seis emprazamentos sirios: cidade vella de Damasco (1979), cidade vella de Bosra (1980), Palmira (1980), cidade vella de Alepo (1986), El Crac de los Caballeros y Qal´at Salah Al Din (2006) e as “cidades mortas” do norte do país (2011)(1). Tamén o mundo académico mantiña profundos lazos de colaboración e difusión con institucións públicas e privadas rexionais e internacionais, sendo frecuentes os estudos de campo conxuntos, investigación con delegacións universitarias estranxeiras, etc.

Cos estalidos bélicos e a crecente inestabilidade a situación mudaría drasticamente. Pese ao mantemento das figuras de protección, a súa implementación careceu de aplicación práctica ante falta de institucións efectivas, agravado nas zonas de dominio do Daesh. Aos danos derivados da maquinaria bélica (bombardeos, impactos de artillería ou conversión de espazos protexidos en centros militares) fóiselle sumando paulatinamente o saqueo de xacementos e museos, converténdose en moitos casos nunha actividade de proporcións industriais.

Cabe resaltar que non todo eles teñen sido vilipendiados polo grupo xihadista, moitos danos enmarcáronse na loita fratricida entre rebeldes e forzas gobernamentais, así como loitas internas entre a panoplia de milicias en liza. Do mesmo xeito, a pillaxe ten sido frecuente na obtención de recursos, sen actuar necesariamente ao amparo dunha bandeira determinada.

Sen embargo, trala implantación do califato por parte do Daesh en xuño de 2014, estas actividades acrecentáronse e experimentaron novas modalidades, como a destrución premeditada de grandes construcións ou pezas, no marco da estratexia propagandística e ideolóxica. Recorrente é o caso da voadura do templo de Ba´al (Palmira, s.III a.C), a destrución do León de Atenea (Palmira, s.I a.C) ou a demolición da porta asiria de Al-Raqqa (Raqqa, s. VIII a.C).

No escenario iraquí a situación é, se cabe peor, pois únese ao saqueo previo de museos e xacementos acaecido trala caída do réxime de Saddam Hussein. En canto á destrución deliberada, resultan fatídicos os casos da emblemática cidade de Hatra (s. III a.C), as estatuas e relevos de Nínive (s. XI-X a.C) ou os restos arqueolóxicos de Nimrud (s. XIII a.C), que resultaron dinamitados e posteriormente arrasados por maquinaria de construción , todo convenientemente gravado e difundido.

A selección destes obxectivos non resultou casual, por unha banda o seu valor propagandístico resulta innegable, e proba disto foi como as imaxes (recordemos que gravadas e editadas polo grupo) abriron a cabeceira dos grandes medios de comunicación internacionais, dando unha mostra pública e gratuíta das súas capacidades e firmeza á hora de aplicar a doutrina takfirista a todo vestixio ou mostra considerada herética.

Ao marxe do propio impacto propagandístico, no seo do Califato buscábase a erradicación das especificidades culturais alleas a doutrina instaurada, polo que a destrución de símbolos enmarcábase perfectamente dentro da súa cruzada ideolóxica.

Por outra banda, non pasa desapercibido que a destrución deliberada sempre se orientou cara pezas e construcións de grande magnitude, as cales polo seu tamaño, terían unha difícil saída coma contrabando. En contraste, as pezas máis pequenas e de fácil mobilidade teñen sido extraídas e conservadas para a súa posterior venta pois, pese ao desprezo por calquera expoñente cultural alleo á súa cosmovisión, continúa primando o valor económico.

O tráfico ilícito de antigüidades resulta a outra cara da moeda da estratexia desenvolvida polo Califato. As redes establecidas abarcan liñas de transporte rexional (zonas de paso) e internacional (mercado final). Como destino finais destacan Europa Occidental e EUA, para as pezas clásicas e pre-islámicas; e as monarquías do Golfo Pérsico, para as mostras islámicas. No caso do Estado Islámico, estas redes chegaron a representar a cuarta fonte de ingresos do grupo (englobado no denominado “Diwanal-Rikaz”).

Se ben é certo que ditas redes abarcan unha dimensión maior que a propiciada polos tentáculos do Daesh, involucrando a múltiples actores transnacionais, conformando un enramado realmente complexo que dificulta a recuperación das pezas subtraídas. Os principais puntos de saída atopámolas en zonas fronteirizas do Líbano, Turquía (Atakya) e Xordania (Irbid), a partires destes puntos son transportadas vía aérea ou marítima cara os principais destinos, onde pasan a mans de redes organizadas que, en numerosas ocasións, conseguen introducilas nos canles legais(2). Cabe destacar que moitas destas pezas non chegan a este punto, sendo comerciadas no mercado negro e reservadas por encargo, para coleccionistas privados(3) sendo o seu canle máis o menos directo, con presenza de intermediarios.

En canto aos beneficios obtidos, resulta difícil cuantificalos debido á opacidade da actividade, sen embargo sábese que supón un filón de importante valor para a organización e un elemento chave na súa infraestrutura económica, esencial para o mantemento dos gastos bélicos. O embaixador da Iraq ante a ONU, Mohamed Alial-Hakim, afirma que o grupo obtería ao redor duns US$ 100 millóns anuais, hoxe bastante máis reducido ante a perda masiva de territorio do último ano. Sen embargo, dita cifra é considerada certamente conservadora por diversos académicos, entre os que destacan Fiona Rose-Greenlad(4), directora sobre a venda de arte antigo da Universidade de Chicago.

A protección do patrimonio: escenario complexo pero esencial

Pese a que a vixencia de status de protección segue presente na rexión, destacando a Convención de París de 1972 (UNESCO), o Segundo Protocolo d’ Haia (26/03/1999) ou a recente Resolución 21998 do Consello de Seguridade da ONU, a destrución e roubo sistémico continúa producíndose ante a incapacidade da comunidade internacional e a falta de vontade tácita de tódolos actores presentes na rexión (inclusive as potencias internacionais).

No marco referente ao tráfico ilícito, a INTERPOL colabora activamente coa Organización Mundial de Aduanas (OMA), o Consello Internacional de Museos (ICOM) ou a Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (ONUDD), coordinando esforzos e elaborando listados de pezas e obxectos susceptibles de ter sido extraídos ilegalmente, actualmente dita lista recolle preto de 50.000 pezas.

Sen embargo, debido á opacidade e á relativa conivencia coa actividade e os seus beneficios, así como a débil especialización existente, especialmente no ámbito estatal, das forzas e corpos de seguridade, e a falta de recursos e de vontades dificulta enormemente a labor. 

Quizais poda parecer un tema nimio ante o cruento escenario humano que visualizamos case a diario, certamente non resulta comparable nin quizais prioritario pero, sen embargo, reviste dunha importancia notable no escenario próximo, na reconstrución física das rexións e no restablecemento de lazos entre unha sociedade en moitos casos fracturada e polarizada.

Neste último punto de forma especial pois, estes símbolos e emblemas, serán necesarios para a reconstrución dun proxecto social e identidade común:

La gente volverá a su casa, de algún modo se reconstruirán las vidas destruidas… Preservar el Patrimonio Cultural ayudará a reconstruir las comunidades destruidas, a restablecer su identidad, a conectar su pasado con su presente y con su futuro.”(5)

 

Alexandre Rey Parrado

é licenciado en Historia (USC) e Master en Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais (USC e Centro de Estudos de Seguridade de Galicia).

 

Citas bibliográficas:

(1)         http://whc.unesco.org/es/list%3E

(2)         Mediante a “venda circular” catalóganse as pezas, a través dun tratante privado, como parte dunha colección privada anterior ádécada de 1980 (previo establecemento de regulación sobre documentación). A continuación procédese a vender ditas pezas de forma fraudulenta nunha subasta, comprándoa o mesmo tratante e obtendo así unha documentación acreditativa dunha casa de subastas.

(3)         CEBRIÁN ERBIL, PILAR “Coleccionistas privados de arte “encargan” piezas exclusivas al estado islámico”, El Confidencial (02/11/1014) [En liña] https://www.elconfidencial.com/mundo/2014-11-02/coleccionistas-de-arte-occidentales-encargan-piezas-al-estado-islamico_431891/

(4)         ROSE-GREENLAND, FIONA “How much money has ISIS made selling antiquities? More than enough to fund its attacks” Washington Post 3/2016 [En liña]  https://www.washingtonpost.com/posteverything/wp/2016/06/03/how-much-money-has-isismade-selling-antiquities-more-than-enough-to-fund-its-attacks/?utm_term=.ccab5bb70d5f

(5)         TORRIJA LÓPEZ, ALICIA “El patrimonio cultural: guerra, contrabando y destrucción.” Esglobal. [En liña] (24/11/2015) Madrid, España  https://www.esglobal.org/el-patrimonio-cultural-guerra-contrabando-y-destruccion/

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais