Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 17 de Xaneiro de 2018 VV.AA.

A crise dos opiáceos en EUA: repercusións a ambos lados da fronteira

Unha análise de Alexandre Rey Parrado, colaborador do IGADI
Para a DEA, o 63% das mortes por sobredose en EUA en 2015 foron provocadas por produtos opiáceos.

En 2015 comezaron a saltar numerosas alarmas nos organismos gobernamentais estadounidense (FEMA, DEA etc.), a carón da preocupante crise de consumo e adición á sustancias de base opioide que comezaba a emerxer nos EUA. Estas alarmas lembraban escenarios pasados coma os relativos ao boom do crack nos anos 1980 ou o auxe e expansión da heroína na década de 1970. Se ben nos dous últimos casos concentrouse principalmente nas áreas deprimidas das grandes urbes, a peculiaridade actual atópase no sentido de que este consumo está a afectar a un sector significativo da poboación de clase media e de áreas rurais. De igual xeito, o detonante “lícito” ou “legal” agochado trala vaga de adicións consolida un feito sen precedentes e de dimensións certamente preocupantes. 

A adición a medicamentos controlados de base opioide (CPD), é dicir baixo prescrición médica, conformaría as raíces da crecente epidemia. Sen embargo, e debido ao seu alto prezo, a problemática non se limitaría a estas sustancias, e prontamente detonaría un repunte significativo do consumo de heroína e derivados, así coma o tráfico ilícito destes medicamentos ou similares.

As cifras aportadas nos informes estatais son demoledoras, aumentando nun 300% o número de mortes por sobredose nos últimos 4 anos, superando as 52.000 para o ano 2015 e crecendo expoñencialmente. A dimensión da problemática terminaría por levar ás autoridades dos EUA a declarar a situación de emerxencia nacional (Sttafor Act) e mesmo mobilizar recursos reservados para catástrofes naturais.

Pola súa banda, atopamos un forte reflexo no país veciño. O aumento da demanda de produtos derivados da amapola, así coma o tráfico ilícito de CPD e falsificación dos mesmos, supuxo un auxe na produción en zonas coma o estado de Guerrero (México). Consecuentemente, produciuse unha loita frenética polo control deste novo mercado, dando lugar ao ciclo de violencia máis notorio da historia contemporánea do país.

Do sistema sanitario ao mercado negro

A situación vixente non podería entenderse sen prestar atención á agresiva natureza mercantilista do sistema sanitario e farmacéutico estadounidense. A presión e incentivos(1) outorgados polas principais empresas do sector para a venda de determinados produtos, impulsou a prescrición de analxésicos e fármacos de gran potencia e cun alto grao de adicción (especialmente os elaborados a base de opiáceos) de forma xeneralizada, para tratar dores cotiás coma lumbalxias, migrañas, ansiedade etc.

Todo isto derivou en procesos de adición paulatinos entre sectores tradicionalmente afastados desta clase de dinámicas, especialmente no espectro que abarca ás clases obreiras e medias (principalmente poboación branca), con acceso á cobertura médica. Tralo uso sistémico destes analxésicos, durante tratamentos en moitos casos demasiado prolongados (instigados polo ánimo de lucro), prodúcese unha dependencia por parte do paciente que, ben pola finalización do tratamento ou pola falta de capacidade de facer fronte ao seu custo, termina por recorrer ao mercado negro. 

O produto máis sinalado e recoñecido é o denominado Fentanilo, un fármaco 50 veces máis potente que a heroína e inicialmente destinado para tratar dores asociados ao cáncer. O seu selo atópase nun alto porcentaxe das mortes por sobredose nos últimos anos, ben sexa de prescrición médica ou sintético provinte do mercado ilícito e moitas veces mesturado con heroína (unha combinación que pode ser mortal).

Xunto con este, unha ampla amalgama de analxésicos sintéticos adoitan copar os mercados ilícitos, cun prezo inferior e condicións nefastas, orixinarios de laboratorios clandestinos asiáticos (principalmente chineses) e introducidos pola fronteira mexicana. Do mesmo xeito, o crecemento do consumo de heroína atópase altamente ligado a este feito, pois o se baixo custo en comparativa e efectos máis prolongados supuxo un recurso acorde á demanda existente, como así o testemuña o estudo “Dreamland: The True Tale of America´s Opiate Epidemic”, publicado polo reputado xornalista e especialista en narcotráfico Sam Quiñonez.

Como se mencionou con anterioridade, as dimensións acadadas polo fenómeno están a bater tódolos rexistros experimentados. Segundo o Balance Nacional Sobre a Ameaza da Droga 2017, elaborado pola DEA, os rexistros globais de 2015 (último ano con datos xerais oficiais), o 63% das mortes por sobredose acaecidas nos EUA foron provocadas polos produtos anteriormente descritos. Pola súa parte, o Centro para o Control e Prevención de Enfermidades cifra en 64.000 as mortes por sobredose no 2016, cunha porcentaxe similar das relacionadas coa problemática descrita.

Do mesmo xeito, os custos económicos relativos á crise dos opiáceos tamén alcanza un fito sen precedentes. Tendo en conta a estimación actual de en torno a 2.4 millóns de adictos, segundo o informe elaborado polo Consello de Asesores Económicos da Casa Branca, cífrase o gasto entorno a US$ 500.000 millóns anuais, e dicir, un 2,8% do PIB. 

Se ben as alarmas terminaron por detonar a declaración e recoñecemento da realidade actual, en forma de emerxencia nacional sanitaria, a resposta ofrecida dende o executivo para obviar a detonante autóctono de base. En declaracións públicas, o presidente Donald Trump parece orientar a estratexia cara a resposta de securitización da fronteira e a recorrente construción do muro.

México: a outra cara da moeda

Novamente, ámbolos países comparten unha problemática que reviste repercusión diversas dun lado a outro da fronteira. Se no caso estadounidense falamos dunha crise sanitaria, no lado mexicano a crise atopámola enraizada nuns índices récord de violencia e criminalidade.

A demanda provinte dos EUA fixo consolidar o cultivo e produción de goma de opio (da que se elabora a heroína), acadando dimensión nunca experimentadas no país. Segundo datos da UNODC (Oficina das Nacións Unidas contra o Crime e a Droga), México pasou a acadar a terceira posición como maior produtor de amapola do mundo, tan só superado por Afganistán e Myanmar. Coa salvedade de que os grupos criminais mexicanos abastecen practicamente a un só e preto mercado o suficientemente solvente como para acadar un beneficio máximo.

Así, o 90% da heroína que entra e se consume nos EUA provén destas áreas, en especial do estado de Guerrero, así coma no Triángulo Dourado(2). A superficie actual dedicada a estes cultivos supera as 32.000 hectáreas e produce ao redor de 81 toneladas de goma, polo que os grupos criminais pagan ao redor de US$ 800 por quilogramo. Unha vez sintetizado coma heroína, pode acadar os US$ 50.000 no mercado norteamericano, polo que o beneficio obtido impulsa ás numerosas organizacións (derivadas da fragmentación dos grandes carteis da droga) a competir polo control das plantacións.

De igual xeito, estas zonas tamén se configuran coma epicentro do desembarco dos opioides sintéticos (Fentanilo, carfetanil, oxicodona, etc.) producidos en laboratorios clandestinos (principalmente asiáticos), e que posteriormente abastecen a demanda do mercado norteamericano.

A falta de institucións sólidas, o alto índice de corrupción política e policial, así como a falta de oportunidades nestas rexión, está por dotar aos grupos criminais dun control tácito dos territorios de cultivo e os correspondentes corredores para o tráfico. Coma consecuencia, atopamos que México rexistrou o pasado mes de outubro os maiores rexistros de violencia da súa historia contemporánea. Só no estado de Guerrero, epicentro da produción de opio, rexistráronse mais de 2.000 homicidios (2016) relacionados co narcotráfico.

As debilidades inherentes ao estado mexicano derivan nunha falta de resposta efectiva ante a situación imperantes, quedando limitada a estratexias puntuais de securitización pouco efectivas. O propio fiscal xeral de Guerrero, Xavier Olea, declaraba o pasado mes de marzo que o goberno non tiña a capacidade para enfrontar ao crime organizado desenvolvido na rexión.

Pola súa parte, dende o goberno estadounidense continúase sen tomar medidas no relativo ás bases da funesta epidemia. Pouco ou nada se ten feito para limitar a “barra libre” de analxésicos opiáceos por parte do sistema sanitario, ni por acoutar a presión das multinacionais farmacéuticas. A resposta, polo de agora, limítase á acción unilateral de securitización da fronteira e dos corredores que penetran en toda a xeografía norteamericana.

Salvo en contadas excepcións(3), dende os organismos públicos de ámbolos países mantense unha política de reacción marcadamente unilateral, obviando as problemáticas de base e relegando notoriamente as respostas de carácter integral. Ante unha problemática compartida, de carácter transnacional, a colaboración e o deseño de estratexias conxuntas e transversais (dentro da especificidade autóctona) móstrase ineludible. Do contrario experimentarase a consolidación e magnificación das dinámicas desenvolvidas ata o de agora.

Alexandre Rey Parrado

é licenciado en Historia (USC) e Master en Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais (USC e Centro de Estudos de Seguridade de Galicia).

 

Citas:

(1) Segundo o informe do Centro Pola Integridade Pública, o Foro para o Tratamento da Dor (grupo asociado ao lobby farmacéutico) investiu na última década preto de US$ 700 millóns no financiamento de campañas políticas (estatais e federais) para evitar a aprobación de leis que controlen a prescrición destas sustancias.

(2)  Área tradicional de produción de marihuana e heroína, comprendida entre os estados de Durango, Sinaloa e Chihuahua.

(3) Recentemente o secretario de Estado, Rex Tillerson, e o secretario de Seguridade Nacional, John Kelly, recoñeceron que o aumento sistémico da violencia en México atópase ligado ao consumo de sustancias estupefacientes nos EUA.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais