Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 16 de Setembro de 2014 Mansilla Blanco

A “campaña” de Petrobras

A súbita reaparición do ex presidente brasileiro Lula da Silva defendendo á estatal petroleira Petrobras das recentes denuncias de presunta corrupción no seu entorno, as cales igualmente salpican á Central Única dos Traballadores (CUT), e que constantemente son foco de ataque por parte da candidata presidencial opositora, a ecoloxista e ex ministra Marina Silva (Partido Socialista Brasiliero e Partido Verde), denota en qué medida a presidenta Dilma Rousseff precisa urxentemente da man do seu tutor político para poder afianzar as súas complexas opcións de reelección para os comicios presidenciais pautados para o próximo 5 de outubro.

Tanto como Petrobras ven experimentando fortes presións dende diversos sectores para a súa potencial privatización, a estatal petroleira converteuse subitamente no foco de atención da campaña electoral brasileira. Lula, Dilma e o gobernante Partido dos Traballadores (PT) defenden a ultranza a súa condición de empresa estatal estratéxica. Incluso, adiantan plans de expansión de Petrobras a fin de alcanzar para 2020 unha produción de cru estimada en mais de 4 millóns de barrís diarios, un aspecto que convertería a Brasil nun exportador enerxético neto.
 
Con especial atención no primeiro debate electoral realizado a comezos de setembro, Silva, unha ex ministra de Lula que rompeu en 2006 co Partido dos Traballadores (PT) para crear o ecoloxista Partido Verde, focaliza as súas denuncias de corrupción en Petrobras como unha estratexia electoral claramente orientada a persuadir ao electorado de que a corrupción e o nepotismo constitúen unha especie de exemplo sintomático do que é o goberno de Rousseff, cuxas taxas de popularidade ven experimentando preocupantes caídas desde as protestas de mediados de 2013, complicando seriamente a súa capacidade de reelección e, por tanto de continuidade do PT no poder.
 
A polarización electoral entre Rousseff e Silva, que suxire igualmente unha inédita condición de xénero na política latinoamericana xa que por vez primeira dúas mulleres disputarán a presidencia brasileira, alcanza visos de intensificarse aínda máis nos días previos á elección. Mentres Rousseff tenta vertebrar as súas opcións co retorno de Lula ao centro a súa campaña, Silva abandeira a candidatura do Partido Socialista Brasileiro (PSB) tralo súbito pasamento do seu candidato Eduardo Campos en agosto pasado tras un accidente aéreo.
 
Neste sentido, Silva precisaba dun apoio político do calibre do PSB a nivel nacional, toda vez a súa candidatura ven atraendo o apoio e simpatías por parte de diversos sectores económicos e financeiros receosos coas políticas de Rousseff, a pesar do seu visible pragmatismo macroeconómico. Este aspecto, o de Silva recibindo apoios de sectores privados e financeiros, claramente contradín, dilúe e ralentiza a súa imaxe de alternativa ao PT máis encorada á esquerda, un perfil que a propia Silva viña cultivando nos derradeiros anos como disidente do PT, precisamente polas súas críticas ao entorno de corrupción presuntamente existentes durante os mandatos de Lula (2003-2011).
 
Con isto, os comicios presidenciais brasileiros implican igualmente observar un pulso entre as elites e tecnocracias preponderantes durante a etapa gobernamental do PT, que comeza coa presidencia de Lula en 2003 e continúa coa elección do seu “delfín” Rousseff en 2010. Elites tecnócratas que igualmente inseríronse dentro de Petrobras para converter á estatal petroleira nun emporio estratéxico hexemónico para o PT. As críticas de Silva igualmente suxiren observar as presións emanadas dende outras elites tecnócratas que ansían alcanzar e incluso recuperar determinadas cotas de poder.
 
Por moito en que se afane en constituírse como un cambio de paradigma político, en particular a través das políticas ambientalistas, Silva pretende alterar o que a todas luces semella constituír a construción dunha eventual hexemonía política en Brasil, neste caso en mans dun PT que pretende ampliar as súas posibilidades de mandato ata o 2018.
 
Neste sentido, o horizonte de produción enerxética 2020 defendido por Lula e Dilma que busca converter a Petrobras e a Brasil nun exportador neto de cru suxire ao mesmo tempo, e dun xeito sutil, a paulatina concreción e confirmación de estruturas de poder que garanten o horizonte político dun PT hexemónico. Neste sentido, Rousseff promete a continuidade dos programas sociais en educación e saúde coa captación de recursos do presal brasileiro na plataforma marítima petroleira, coto estratéxico de explotación de Petrobras.
 
A eventual configuración dunha estrutura de poder hexemónica PT-Petrobras pode constituír un aspecto que retrotrae outros exemplos a nivel latinoamericano, en particular co prisma histórico establecido en México desde a nacionalización enerxética de 1937 establecida polo Partido Revolucionario Institucional (PRI), ou incluso do mesmo exemplo acaecido na Venezuela “saudita” da década de 1970, de procrear estruturas de poder a nivel estatal que enfocan precisamente a súa hexemonía a través da potencialidade da industria enerxética.
 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais