Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 3 de Xuño de 2013 Ríos

A Arte da Guerra

A Arte da Guerra de Sun Zi é unha obra que non podía faltar na nosa lingua. Cóntanse por centos as súas edicións, pero serán contadas as que poidan competir cunha presentación como a elixida por Teófilo edicións, sempre con especial mimo no seu traballo e cun equipo de colaboradores que se distinguen polo seu afán creativo –Aida Pérez, neste caso- para agasallar ao lector avezado e achegar un valor engadido a unha obra que é tan universal como intemporal. O feito, a maiores, de ser bilingüe, pouco usual no entorno iberoamericano, introduce un factor de prestixio e versatilidade do que poderán gabarse todos aqueles galegos e galegas que outeen terras chinesas e precisen agradar aos seus anfitrións.

Tanto o autor como a súa obra gozan dun recoñecemento universal. Pese á súa brevidade, a capacidade de síntese que amosa e a certeza das súas máximas e reflexións non deixan indiferente a ninguén. Non é este un libro para ler unha vez, senón mil veces; nin tampouco é imprescindible lelo dunha asentada, que ben se pode facer, senón remexendo en cada un dos seus capítulos aos que pracerá volver xuntos ou por separado.

Cando agora China faise presente en todos e cada un dos recunchos do planeta cunha actividade fóra do común e cada vez menos acomplexada, imponse un coñecemento mínimo da súa cultura, un legado inseparable que precisamos comprender nos seus trazos mínimos. Como Confucio, ou Lao Tsé, Sun Wu, que viviu na época previa a eles, non fai nesta obra apoloxía da forza para resolver os conflitos senón todo o contrario, convida ao uso de métodos non violentos para superar as diferenzas e, no seu caso, acadar a vitoria. Por iso moitos recoñecen o valor da súa aplicación non só na estratexia militar como tamén no eido civil en todas as súas dimensións, falemos do mundo da política ou dos negocios. O maior poder é o sedutor, aquel que cautiva co recoñecemento por parte dos demais da súa excelencia e superioridade. Isto explica que na cultura estratéxica chinesa, aínda hoxe, sen menosprezar a importancia da forza material, se conceda unha gran importancia á cultura ou á moral como sólidas vigas que todo o poden sustentar.

Obra de cabeceira, tralas alusións á topografía, o uso das tecnoloxías, as decisións tácticas ou o valor da espionaxe, subxace o cálculo esencial dun estratego que recoñece tanto a irrenunciabilidade da organización, a autoridade e a disciplina como engraxadores dos exércitos como tamén a transcendencia da contextualización. Velaí a importancia de saber esperar o momento, de construír alianzas, de exercer liderados baseados no propio exemplo, de aquilatar unha conduta política que afaste o dobre risco da decadencia e da dependencia.

Coidada ata no mais pequeno detalle, esta edición de Arte da Guerra de Sun Zi é motivo de orgullo para todos. Ben merece non pasar desapercibida.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais