Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 26 de Xullo de 2018 Ríos

A actualización constitucional cubana

constitucion.jpg

Despois do longo proceso de actualización do modelo económico, semella chegar agora a hora da actualización política en Cuba coa proposta dunha reforma constitucional. O anteproxecto aprobado hai escasos días pola Asemblea Nacional incorpora novidades, moi especialmente unha posta ao día que recollerá as principais transformacións experimentadas na illa nos últimos tempos ao abeiro daquela actualización. Será esta a terceira modificación da Constitución de 1976, tralas efectuadas en 1992 e 2002.

As reformas introducidas por Raúl Castro a partires de 2008 a modo de experimentación carecen aínda de soporte constitucional, o que suxire contradicións institucionais de relativa importancia. Que a reforma agora apunte a expresar un recoñecemento ao mais alto nivel da propiedade privada, do traballo por conta propia, as cooperativas, a  desministerialización das empresas estatais, ou o papel do mercado e do investimento estranxeiro, sinalan unha importante vertente económica da reforma; non obstante, os asuntos relativos á dobre cidadanía ou as cuestións de igualdade de xénero, matrimonio e familia, cun destacado papel neste sentido de Mariela Castro, apuntan a unha transcendencia de alcance noutros ámbitos, tamén no eido gobernamental con axustes orgánicos importantes.

As modificacións constitucionais regularizarán unha realidade que xa forma parte do día a día de Cuba cos seus impulsos e límites. A economía cubana medrou un 1,1 por cento do PIB no primeiro semestre. Os factores adversos son unha constante na narrativa de resistencia. Dende os furacáns, a seca ou as chuvias ao incumprimento dos ingresos previstos en sectores esenciais como as exportacións, o turismo ou a produción azucreira. Ao igual que as restricións que traban as expectativas dos sectores máis dinámicos que agora observan con esperanza unha aposta que semella mais decidida polo sector privado pero que irá acompañada de requisitos tributarios e fiscais que a bo seguro daralles serias dores de cabeza.

Sen salvar de todo as vellas reticencias, o recoñecemento virá a completar e culminar unha admisión recollida xa en documentos aprobados con anterioridade polo propio PCC e o parlamento cubano nos que se alenta, por exemplo, o traballo autónomo e o papel das pemes como complementos da economía nacional.

Tanto Díaz Canel como Esteban Lazo apelaron no Parlamento a unha nova xesta histórica. Non hai cambios nos valores que inspiran a reforma. Pero mais alá das cuestións semánticas, a Constitución que resulte aprobada trala consulta popular abrirá outro tempo político en Cuba. Non haberá concesións en materias relativas á soberanía nacional nin tampouco se cederá ápice ningún ao papel do PCC, pero sentará as bases dunha transformación mais profunda do modelo económico e político que claramente apunta a influencias chinesas, tanto a respecto da evolución cara unha economía mixta e mais eficiente como cando se formula o proxecto de construción dun estado socialista de dereito. Coa discreción que sempre o caracterizou, Raúl conseguiu levar a auga ao rego.  

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais