Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Eixo Atlántico 2 de Febreiro de 2019 Ríos

A acción exterior: unha política pública indispensable

aexg.jpg

A conxunción do fin da guerra fría e do mundo bipolar, a conseguinte aceleración da mundialización económica, o alargamento europeo e a progresiva vertebración do Estado das Autonomías en España, abriron espazos para desenvolver unha acción exterior innovadora, complexa e especialmente atenta á fluidez e cambios que condicionan dende entón a evolución estatal e internacional. O Estado, tradicional depositario de competencias exclusivas a este nivel, veuse na obriga de compartir con outros actores o protagonismo exterior e as entidades subestatais fóronse consolidando como actores internacionais singulares ao abeiro dunha transformación que suxire a paulatina liquidación daquelas fronteiras que establecían valados insalvables entre a política exterior e a interior.

Ante ese novo paradigma, Galicia foi tamén avanzando por ese itinerario aínda contando coas escasas posibilidades que ofrece o vixente Estatuto de Autonomía (1981), produto dun contexto histórico interno e internacional amplamente superado, para desenvolver unha acción exterior acaída; e mesmo cunha sociedade, a galega, que foi ás veces lenta en extremo na interiorización da importancia do feito exterior. Nun primeiro momento, a xa distante STC 165/94 de 26 de Maio, axudou a trazar un marco xeral para o desenvolvemento das actuacións no exterior encarreirando as ambicións, sinalando lindes e limitando a conflitividade e as desconfianzas nun tempo en que as necesidades deberon convivir cos desafíos nun proceso de exploración permanente. A busca dun equilibrio entre a lealdade constitucional e a ambición competencial foi unha característica da acción exterior galega que afianzou a súa vocación construtiva.

As constantes que veñen connotando a experiencia exterior de Galicia aluden maiormente ás xestións e compromisos inherentes á nosa pertenza ao espazo europeo, á promoción da internacionalización da nosa economía, da nosa cultura e universidades, tamén á xestión da política migratoria, a cooperación ao desenvolvemento, ou as sempre evocadas relacións con Portugal. A necesidade de acrecentar a presenza exterior actuou como un aguillón intuitivo para o conxunto da sociedade e as propias institucións que pouco a pouco e de maneira desigual foron tomando conciencia da transcendencia deste factor.

Nese devalar, Galicia afirmouse como un país europeo, e tamén como un país atlántico. Cativa demográfica e territorialmente e periférica, a nosa proxección continental e marítima confírenos unha singularidade xeopolítica que debe inspirar notoriamente o noso modelo de inserción internacional con opcións estratéxicas que deben gozar de certa permanencia aínda adaptándose ás características do momento histórico que estamos vivindo. Esa dupla pertenza non é excluínte senón complementaria e alude a factores estruturais inalterables que deberamos incorporar de xeito equilibrado á nosa lóxica de actuación.

Para a nosa acción exterior, ser atlántico significa dispor dun valor engadido que deberamos potenciar. O triángulo Santiago-Porto-Bruxelas, que serviu de principal eixe articulador da nosa acción exterior durante longo tempo está claramente en crise no político pese a que o dispositivo xeoeconómico segue incólume. Precisamos dunha fonda reconsideración que alente a articulación dun dispositivo multilateral que reflicta as nosas áreas de interese estratéxico e compense o desequilibrio que supón a acentuada continentalización da nosa acción exterior.

Por outra banda, unha das consecuencias das crises financeira, económica, política e social que estamos vivindo a resultas dos axustes implementados en Europa a partires de ben entrado o segundo lustro do presente século, é un rexurdir do Estado-nación en dúas direccións: contra o proxecto de avanzar no afondamento da Unión Europea (UE) e contra a transferencia de competencias ás entidades subestatais. En calquera caso, con independencia dos altibaixos do proxecto comunitario e das dinámicas estatais, a tendencia á descentralización non vai mudar de sentido de maneira radical e duradeira; as entidades subestatais, chámense nacións, rexións ou estados federados, teñen xa unha forza e unha importancia fundamentais na Europa e no mundo, son inseparables dunha gobernanza democrática, están presentes en todos os continentes en boa medida en virtude do exemplo europeo e por moito que a conxuntura presente non sexa positiva, o futuro radica no artellamento desas entidades dentro da UE e na súa proxección internacional alén das propias fronteiras continentais.

 

Do Libro Branco á EGAEX

Nos anos oitenta e noventa do pasado século, Galicia comezou a explorar con certa intensidade a disposición de fórmulas institucionais e conceptuais para desenvolver unha acción exterior propia. Tralo ingreso efectivo de España na Comunidade Económica Europea (1986), a creación da Fundación Galicia-Europa (1988) ou dunha unidade directamente dependente da  presidencia responsable da acción exterior  (1997) marcaron fitos iniciais nese proceso que, pese aos altibaixos, mantívose ata hoxe. Nese contexto tamén xurdira en 1992 o Eixo Atlántico do Noroeste peninsular, que sumou o poder local eurorrexional ás dinámicas de acción exterior.

Trala formulación de diversos programas de orde interna con liñamentos básicos na materia, o Libro Branco da Acción Exterior de Galicia (2004) representou un primeiro intento de definir unha paradiplomacia xenuinamente galega con fundamento nas singularidades e traxectorias socio-históricas da nosa comunidade e na contorna dun mundo en transición que semellaba ofrecer ocos e oportunidades para incorporar esta variable ás propostas de modernización do tecido socio-produtivo de Galicia. Este Libro Branco, o primeiro no seu xénero en España, contou cunha ampla participación da sociedade civil na súa elaboración e trazou unha visión con clara vocación de consenso, integral e coherente no plano das estratexias, das dimensións e das infraestruturas e contemplou instrumentos precisos para desenvolver unha acción exterior ambiciosa sen transgredir o marco vixente.

A chegada á Xunta de Galicia dun novo goberno (2005) alentou unha reflexión adicional sobre a acción exterior. Así, en 2007 xurdiu a “Estratexia de acción exterior de Galicia. 100 reflexións”, que abundaba nos mesmos extremos ca a anterior, quizais co salientable matiz da expresa vontade de acentuar inda máis aquela vocación de se internacionalizar ofrecendo un valioso complemento para acompañar de forma cabal a aceleración destes procesos tanto na península como en Europa e no mundo.

Pero de 2009 en diante, Galicia experimentou un tempo de involución no que respecta á acción exterior, un proceso que se viu reforzado co cambio de goberno en España a partires de 2011. Aínda contando con reflexións asisadas e propostas de acción capaces de alentar un salto cualitativo nas nosas dinámicas de acción exterior, a crise económica proporcionou un argumento equívoco e falaz para cualificar a acción exterior como unha política pública controvertida e prescindible, que non respondía a propósitos reais senón a vontades incongruentes que mesmo revertían negativamente na praxe diplomática do Estado. Con nulo rigor, as incomprensións da propia sociedade galega sobre a acción internacional serían obxecto de estimulación para facilitar o desandamento. En consecuencia, a nosa acción exterior, que ata entón gozara de certa estabilidade ascendente e situábase a un nivel comparativamente avanzado en relación a outras autonomías do Estado, descalcificouse de forma tan deliberada como acelerada e tanto en capacidades e instrumentos como en contidos.

Paradoxalmente, esa nova etapa comezou coa creación dun Consello de Acción Exterior (CAEX), chamado a vehicular a participación e o diálogo entre a sociedade civil e a administración neste eido. Non obstante, o certo é que apenas funcionou derivando nun mecanismo de escaso percorrido ata se volver practicamente inoperante. En 2010 aprobáronse as Prioridades de Actuación no Exterior que aventuraban xa unha filosofía reducionista, acentuando o contraste entre un período (usufrutuado por gobernos de diferente cor política) e outro (da mesma cor) e entre a disposición de mecanismos retórico-formais que querían transmitir a sensación de medida perseveranza e unha realidade que apuntaba á desvalorización.

O novo marco xurídico creado pola lei 2/2014, do 25 de marzo, da Acción Exterior e do Servizo Exterior do Estado, urxido en boa medida pola necesidade de conter a proxección internacional catalá de orientación secesionista, estableceu corsés anteriormente inexistentes en diversos aspectos (en materia de desprazamentos ao exterior ou apertura de oficinas de representación, por exemplo) e tivo na nosa comunidade a súa tradución no Decreto 178/2015, do 26 de novembro, que veu regulamentar a acción exterior de Galicia, un mecanismo desafortunado no fondo e na forma á espera dunha lei que traduza con maior acerto as arelas colectivas.

Como complemento da citada norma, a Xunta de Galicia promoveu (2016) a elaboración da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) como documento guía para os próximos anos neste eido, unha proposta xenerosa en extensión pero que na súa versión final adoece dunha visión continuísta e escasamente innovadora, incapaz de retomar aquel pulso previo.

 

Diagnose

Galicia desandou nos últimos anos en materia de acción exterior, sinalando un punto de inflexión negativo xustamente cando todo semellaba disposto para alentar unha transformación en sentido contrario. Non o fixo en materia normativa, onde houbo algúns avances formais se ben inspirados por unha comuñón de pareceres restritivos e un afán compracente virado para satisfacer as novas ínfulas recentralizadoras coas que a Xunta de Galicia tentou congraciarse dende o primeiro momento. No desenvolvemento práctico, esa mensaxe traduciuse en timoratismo e nunha notable perda de impulso a pesares de que o modelo de acción exterior de Galicia desenvolveuse, historicamente, no estrito marco vixente e sen vocación ningunha de transgredilo. No caso galego, asociar a demanda dunha acción exterior propia cun hipotético afán de confrontación coa acción diplomática estatal é como dicir que a autonomía reivindicouse para acabar co Estado. É todo o contrario.

De 2009 en diante, a Xunta de Galicia promoveu unha re-avaliación á baixa da presenza e impacto institucional do exterior que pasou a ligarse case en exclusiva a obxectivos de carácter económico-empresarial, minguando considerablemente aquela dimensión transversal que tanto atinxía ás diferentes áreas temáticas posibles como ao universo de actores implicados de forma leal e complementaria na condución da acción exterior. A diplomacia empresarial gañou, formalmente, unha considerable importancia na xestión, pero en detrimento de calquera vocación de impacto como comunidade de seu no exterior.

Esta aposta viuse reforzada pola toma en consideración dun discurso de abandeiramento de diferentes doses de recentralización baseadas na interesada identificación da acción exterior das Comunidades Autónomas como un desbalde insostible cando non un exercicio deliberadamente contraditorio coa política exterior do Estado ou mesmo de vocación desestabilizadora e ata secesionista. A suposta busca dunha maior eficiencia e neutralidade deu pábulo a mensaxes e medidas que foron en claro detrimento da procedencia da acción exterior descentralizada. Este contra-esforzo veu acompañado dunha intensa campaña mediática empeñada en resaltar as hipotéticas incongruencias mentres pasaba con pes de lá con respecto ás múltiples mostras de prácticas decimonónicas tan frecuentemente ancoradas na propia diplomacia estatal.

A diferenza dos trazos reivindicativos do pasado, houbo unha deixación da defensa da idoneidade da acción exterior como política pública integral. En vez de reafirmar esa estratexia para desenvolvela con medios propios e de xeito leal e eficaz, foise cedendo á presión recentralizadora que, sen menoscabo dos axustes precisos, renunciaba a liderar esta materia con vontade integradora e visaba acoutar, cando non desmantelar, unha acción exterior autonómica a quen se acusaba de duplicidade ou de afán nacionalista devaluador da política exterior española. Así, a Xunta de Galicia, en lugar de tentar influír no goberno do Estado con argumentos sedutores para facer ver a riqueza de matices nesta cuestión sen prexuízo de acompañar as medidas racionalizadoras oportunas, tratou de conformarse como un alumno avantaxado e se converteu nunha das primeiras en subscribir acordos co goberno central para acomodar as delegacións da Xunta no exterior nas embaixadas do Estado, acordo que apenas tivo aplicación práctica. Nese propósito exemplarizador, a percepción que se transmitiu é que a acción exterior galega estaba sobredimensionada, toda unha falacia á vista da súa cativa expresión estrutural, que, por riba, tendeu á baixa.

Nos sucesivos mandatos do actual período da Xunta de Galicia, ao abeiro da crise económica, implementouse unha visión da xestión pública eminentemente pragmática, de curto prazo e cunha intencionalidade política de costas a toda dimensión identitaria. Paradoxalmente, o fomento do eido económico-empresarial foi en claro detrimento doutras áreas da proxección exterior impedindo a retroalimentación e a facilitación desas sinerxías que son buscadas en todos os campos e latitudes como requisito primordial da eficiencia.

Esa xeral perda de valor acompañouse dun retroceso significativo no ámbito estrutural da administración autonómica, desactivando os anteriores procesos que apuntaban a superar a habitual fragmentación departamental coa dotación dun organigrama de inferior relevancia política e operativa.

Así, a descapitalización dos recursos humanos abrangueu ao propio departamento responsable da área, cun papel crecentemente marxinal e residual na xestión da axenda exterior, mesmo respecto a dimensións clave como a presenza a través de oficinas de representación (as delegacións de Buenos Aires e Montevideo) que foron, en grande medida, desactivadas. No propio eido económico, o modelo transferiu boa parte do dinamismo e responsabilidade a axentes corporativos privados (rede Pexga) reservándose un papel esencialmente tutelar onde antes primaba o liderado público. Acompañado dunha inestabilidade crónica nas estruturas públicas responsables (IGAPE), a cooperación público-privada resultou nunha disposición de fondos públicos que non contribuíu a fortalecer as capacidades tamén públicas en materia de internacionalización e acabou padecendo as consecuencias da inestabilidade nas estruturas corporativas empresariais (CEG). Se o goberno galego quixo presumir de alentar a internacionalización no eido produtivo, cómpre sinalar que esta descansou en gran medida no meritorio dinamismo do propio sector.

No eido da diáspora, nun contexto de perda substancial da significación político-electoral dos residentes ausentes, limitámonos a manter as constantes vitais sen mostrar capacidade algunha para lograr ese impulso que nos permita rendabilizar un capital relacional tan importante nun mundo como o actual de proliferación das migracións e no que se multiplican as experiencias para recrear terceiros espazos con retornos en diversos campos. Seguimos á espera dun cambio de paradigma na visión da emigración que faga valer as súas potencialidades.

A nosa lingua e a nosa industria cultural padeceu igualmente este desleixo. A conservación e promoción da cultura galega no exterior como produto de calidade foi vítima certeira tanto dos axustes como dunha deliberada falta de compromiso. No eido da industria cultural, cun significativo peso económico, laboral e en termos de PIB na nosa comunidade, é manifesta a maior sensibilidade do sector a propósito da importancia da internacionalización. Pero a positiva imaxe da nosa cultura no exterior e a excelencia da nosa materia prima neste eido non derivou na activación das premisas esenciais para acadar un impulso neste aspecto pese a contar con reflexións e propostas para iso (Consello da Cultura Galega, 2011). A falta de liderado público nun entorno atomizado e con plataformas de converxencia con escaso respaldo fixo mela e minguou o dinamismo e as expectativas do sector.  Mais aló de iniciativas tan loables como dispersas, a ausencia dun pool da cultura galega, de alianzas exteriores sólidas, de presenza nas redes internacionais sectoriais, etc., manteñen a proxección internacional da nosa cultura nun limbo por explorar. Mesmo a pesar de que a imaxe de Galicia no exterior é inseparable da nosa singularidade cultural, a priorización case exclusiva do turismo foi en detrimento do fomento da internacionalidade do noso sistema cultural como conxunto, o que derivou no agravamento da precariedade interna do sector e na perda de oportunidades.

A ilusión inicial xerada polo CAEX como instrumento de participación e potenciación da acción exterior mediante a colaboración público-privada amosou no seu funcionamento os límites desta cultura de traballo en Galicia que tantas veces se resume nunha instrumentalización para a galería pero de escaso percorrido práctico. Nin o documento guía elaborado ao pouco da súa constitución serviu de auténtico guieiro nin os seus grupos de traballo foron realmente operativos. O CAEX mestura a abafante presenza administrativa tendente á coordinación, coa presenza externa que responde a claves de asesoría, consulta e participación. A diferenciación do ámbito interdepartamental do asesoramento semella imperativo para ser eficaz nas dúas dimensións.

En suma, reduciuse nestes anos a significación da dimensión político-institucional da acción exterior, da súa visibilidade e idoneidade, o que marca un retroceso con respecto ao consenso logrado dende o inicio do ciclo autonómico actual. A sensu contrario, en coherencia con aquela traxectoria cabe significar as apostas do poder local ou de think tanks que fixeron gala da súa independencia nun contexto, sen embargo, que dificultou enormemente a converxencia requirida e precisa. Esa ruptura do consenso condiciona de principio a fin a diagnose do actual ciclo do tempo exterior de Galicia.

 

Necesidades e posibilidades

Comprender que para as entidades subestatais a acción exterior é unha política pública indispensable no mundo de hoxe é un asunto capital. Ese é o taboleiro de xogo real. Apreciámolo con claridade no exercicio de competencias exclusivas que cómpre engarzar no entorno comunitario. Mais aló, cómpre estarmos no mundo para identificar oportunidades e aproveitalas en beneficio propio e mutuo asumindo de vez as nosas singularidades diferenciadoras. Debemos fincar no que somos para proxectarnos no mundo. É por iso fundamental estar atentos ao que acontece e trazar políticas que maximicen os nosos intereses. Isto pode e debe facerse a partir de principios e valores compartidos e tamén dende unha perspectiva que asegure a plena lealdade a un marco legal que, en paralelo, debe evolucionar cos tempos.

A acción exterior das entidades subestatais non debilita senón que complementa e reforza a política exterior do Estado. Para iso é indispensable que tamén dende o Estado se implemente non só un diálogo construtivo nesta materia senón que se promova unha lectura integradora que tire partido da nosa diversidade. En vez de apostar pola restrición como norma imperativa, debera profundarse na descentralización ordenada, na co-xestión de políticas e na capacitación e formación para que esa experiencia acreditada reforce o rigor e o savoir faire dos recen chegados.

Galicia goza dunha presenza humana universal. A diáspora é un factor diferenciador esencial que require de iniciativas innovadoras e capaces para construír unha nova relación de fidelidade co país. Se a Galicia do século XXI é inimaxinable sen infraestruturas adecuadas, terrestres ou telemáticas e de comunicación, tampouco é posible imaxinar a Galicia como país no mundo sen canles específicos que lle permitan desenvolver as estratexias mais axeitadas para a satisfacción dos seus intereses, optimizando un recurso tan valioso como é o capital intelectual e relacional que supón a diáspora.

Tradicionalmente tense considerado que a emigración, en clara relación coas súas motivacións de orixe, constitúe un drama, unha “sangría” a medio camiño entre a “traizón” e a renuncia a involucrarse nunha dinámica de  transformación do país que só pode vir, xenuinamente, desde dentro. Por fortuna, esa percepción apenada e culpabilizadora foise complementando nos últimos tempos con outras visións menos para-teolóxicas, mais ricas en complexidade e orientadas a reivindicar o valor da nosa diáspora tal cal hoxe é non soamente como “patrimonio” histórico e humano senón mesmamente como capital social que pode contribuír de xeito activo, como factor dinamizador e non unicamente receptor, ao desenvolvemento do país.

Coa mundialización, esa emigración que no seu día significou a consecuencia máis dolorosa do noso subdesenvolvemento, constitúe hoxe, entre outras lecturas, unha ferramenta e factor de progreso que podería chegar a ser tan importante como a innovación tecnolóxica se non a estragamos. O principal lastre que impide ese salto cualitativo na maneira de ollar a diáspora radica na pervivencia en nós desa outra cultura que asocia a Galicia exterior coa renuncia ao noso desenvolvemento e ata o abandono da nosa identidade ou a súa folclorización. Nada máis lonxe, sen embargo.

Os próximos anos serán determinantes e o feito de confluír vellas e novas olas migratorias (formadas agora por profesionais universitarios, en gran medida) podería axudar a transformar os Centros Galegos en lugares non só de acubillo dos galegos senón para Vivir Galicia, abríndose ás sociedades de acollida e renovando a súa proxección.

Esta visión ten consecuencias prácticas e acentúan o rol fundamental que a diáspora galega pode representar nun plan de acción exterior. Non se trata xa de políticas asistenciais para os galegos emigrados. Na nosa diáspora existe hoxe un capital relacional clave na sociedade do coñecemento que pode servir para tender pontes, tecer alianzas e desenvolver políticas activas co exterior. Hai unha parte importantísima da diáspora que non é a integrada nos centros galegos senón a que está incorporada na sociedade de acollida e que cun  talento e unha vitalidade alarmantemente desaproveitada por nós ocupa postos relevantes. Esa outra diáspora, a máis ignorada porque tampouco necesitou pedir “axuda”, é a que deberíamos sumar á acción exterior de Galicia. Non con criterios de asistencialismo, deben ser de bilateralidade e reciprocidade.

Este enfoque debera ter consecuencias orgánicas, poñendo fin para sempre á tradicional segmentación entre a atención á diáspora e a acción exterior, facendo da primeira unha peza clave da nosa estratexia de inserción internacional cun mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles. En paralelo, deberamos explorar fórmulas de participación política, incluída a parlamentaria, que involucren estas comunidades aos nosos debates sobre o futuro de Galicia. Esta é unha cuestión urxente e Galicia pode achegar fórmulas novas.

Nun  mundo tamén de cidades, o poder urbano e local constitúe un dos segmentos do público con maior peso e ascendencia. Galicia debe tomar nota e seguir apostando pola valorización do local e pola participación en redes que nos aseguren unha maior presenza exterior.

Galicia debe implicarse activamente na militancia global a favor da diversidade lingüística e cultural sumándose ás iniciativas e programas internacionais existentes neste sentido. O fomento da internacionalidade debe asentar na calidade da nosa creación cultural, na rede museística e patrimonial, incluíndo o propio contorno natural, e na súa industria cultural. Importa igualmente tecer redes de cooperación e intercambio co propósito de preservar a nosa personalidade colectiva, aspirando ao exercicio dunha universalidade baseada na potenciación do noso propio ser e na utilización daqueles factores que espertan maior interese e simpatía fóra das nosas fronteiras, sen por iso caer nos tópicos. Esta é unha das premisas fundamentais para establecer unha “marca Galicia” aceptada e promocionada por toda a sociedade galega e que sirva dar unha imaxe sólida do país en tódolos ámbitos de actuación.

As nosas universidades, confrontadas a un crucial reto demográfico e á necesidade de acompañar unha competencia crecente no eido do coñecemento, teñen na especialización e na internacionalización unha vía segura para preservar a súa excelencia e garantir unha posta ao día permanente.

A cooperación internacional ao desenvolvemento, se ben minguada nos últimos anos cunha redución significativa de recursos e de actores, vai gañando non obstante en clarificación sobre a súa orientación. A especialización galega neste eido, non só no Estado senón en Europa, cabe asociala ao papel a xogar na cooperación lusófona, especialmente na África de expresión portuguesa. Eis un ámbito de gran valor cualitativo para a propia eurorrexión e a súa proxección exterior. Galicia pode desempeñar un papel de primeiro nivel.

Igualmente, cómpre salientar a importancia de non concibir a acción exterior galega desde unha perspectiva exclusivamente eurocéntrica. Indubidablemente, o espazo europeo é un marco prioritario da nosa acción exterior. Non obstante, cómpre propiciar unha reflexión sobre a importancia de dedicar maior atención a outras áreas nas que a presencia de Galicia como entidade (pode haber e hai presenza de intereses galegos, mais non concertados dentro dunha política “de Estado”) é escasa ou nula. Alén da América da nosa diáspora máis frutífera, África e Asia tamén importan. No caso de África, os países de lingua oficial portuguesa constitúen unha extensa área que pode ofrecer grandes oportunidades para Galicia sempre que se saiba aproveitar o idioma como instrumento de aproximación. Para desenvolver unha acción exterior con acento na lingua, habería que comezar por recoñecer na propia Galicia, non só declarativamente, a importancia do idioma portugués e da lusofonía. Tamén pode servir esa consideración para o caso asiático pois Macau pode ser un relevante punto de penetración económica tendo en conta o status particular que China lle recoñece.

Cómpre reivindicar a importancia de contar con delegacións no exterior, un instrumento indispensable para coordinar esforzos, identificar oportunidades, mellorar capacidades de negociación, asegurar a eficiencia das nosas políticas. Sen oficinas de representación nos lugares clave, entendidas como punto de referencia para todo tipo de entidades que aposten pola intensificación das relacións entre Galicia e o mundo, non é posible desenvolver unha paradiplomacia de calidade.

A acción exterior debe transcender e condicionar as políticas sectoriais tradicionais. Constitúe un todo e debe ser integral e transversal, de xeito que as diferentes dimensións deben estar necesariamente interligadas e subordinadas a principios e obxectivos comúns de gobernanza. Os impactos acumulativos posibles evitando políticas miopes e contraditorias son fenómenos a ter en conta como resultado da sectorialización. Esa segmentación é unha das máis importantes fallas que só pode ser superada reafirmando a idea de que a acción exterior debe ser totalizadora, que abrangue as relacións con Portugal, a acción no ámbito da Unión Europea, a internacionalización da economía de Galicia, a diáspora como elemento fundamental dunha política exterior, a dimensión cultural e lingüística, o poder local, a cooperación ao desenvolvemento e o rol que lles corresponde aos partidos políticos, aos think tanks e á propia sociedade galega.

 

Conclusións

Nesta prolongada inflexión dos tempos na que aínda estamos inmersos, Galicia debe fuxir do inmediatismo, a superficialidade e a improvisación na súa acción exterior, a sabendas de que os cambios xeopolíticos que se están producindo a nivel planetario e en Europa, así como os retos globais que suxire a mundialización, lle afectan de maneira clara sen que poida evitalo. Cómpren políticas de longo percorrido. As nosas opcións de futuro están fóra e precisamos abordalas con seriedade, cunha proposta global, fuxindo da política-escaparate que malogra tantas boas ideas e xera tantos desencantos. Cómpre dar respostas económicas, políticas e socioculturais a un proceso de mundialización que reclama á par unha internacionalización das identidades. Nós témola propia e iso suxire unha avantaxe se somos quen de transcender debates estériles.

Nun mundo como o actual, aínda coa mundialización cuestionada polo auxe de certos proteccionismos vinculados especialmente ás tensións estratéxicas e a preservación das posicións adquiridas na hexemonía global, a acción exterior representa unha política pública de primeira magnitude para acompañar a longa transición iniciada a partir dos anos noventa do pasado século. Precisamos mudar de perspectiva e deixar de considerar a acción exterior descentralizada como unha excentricidade que responde mais a imperativos de tipo ideolóxico que a necesidades prácticas. Se Galicia non fose unha nacionalidade histórica estaría confrontada ao mesmo dilema e primar a procedencia desta aresta do debate réstanos capacidades de intervención. 

A paradiplomacia, caracterizada pola multiplicación dos actores e das accións no eido exterior, avanza nun tempo de transición non suficientemente decantado e no que cabe advertir aínda signos de tensión entre o paradigma tradicional, baseado na exclusividade competencial dos estados neste terreo, e o impulso dos demais actores (supra e sub estatais) para facer máis complexa e rica esa realidade.

Nos últimos anos recuamos e perdamos terreo. Galicia precisa dunha acción exterior todo o prudente e austera que se queira pero creativa, comprometida, participativa e atenta aos nosos intereses colectivos. Non deberamos renunciar ao desenvolvemento dunha paradiplomacia económica, cultural, universitaria, social, capaz, ao propio tempo de expresar a debida lealdade como de influír positivamente na adecuación paulatina aos novos tempos, acentuando para iso políticas de sedución do propio Estado quen, á súa vez, debera instrumentar fórmulas de recoñecemento que favoreceran a mellora progresiva e constante destes recursos.

A acción exterior ofrece un gran potencial de concertación entre as forzas partidarias e sociais; non abre novos fosos senón que é propicia para establecer acordos que animen a transformar a importante pero desestruturada relación de Galicia co mundo para convertela nunha relación mais dinámica e produtiva.

Cinco conclusións fundamentais:

a)Galicia é unha autonomía no mundo. A descentralización político-administrativa abre espazos e oportunidades para que Galicia dispoña dunha proxección propia no exterior. A xestión intelixente da diferenza representa un imperativo para lograr o éxito neste empeño e en todas as ordes. Isto non debera entenderse como unha exacerbación identitaria senón como unha avantaxe pragmática.

b)A acción exterior de Galicia debe resaltar os seus factores singulares e apoiarse neles para dotarse dun modelo tan diferenciado como complementario, útil aos intereses de Galicia como útil tamén ao propio Estado e á democratización da súa política exterior.

c) Importa reivindicar a toma de conciencia dos sectores máis dinámicos de Galicia con respecto á necesidade de comprometerse coa participación internacional. Un impulso exterior decidido e integral capaz de tirar proveito da nosa situación no mundo e concibir estratexias que revertan en oportunidades de desenvolvemento e modernización constitúe unha necesidade.  

d) Cómpre unha alianza por Galicia no exterior para que a acción exterior sexa “política de Estado”, definindo acordos básicos e estables en materias como Portugal, diáspora, ámbitos xeográficos e temáticos prioritarios, etc., desenvolvendo unha presenza institucional con carácter regular e coordinada.

e) Ao mesmo tempo, Galicia debe estar aberta ás novas realidades e escenarios, especialmente ás oportunidades que se abren co avance do multilateralismo como vector esencial das relacións internacionais e tanto no marco da proxección internacional das políticas sectoriais nas que temos competencia exclusiva como na propia acción exterior global de Galicia. A transversabilidade da acción exterior ten no multilateralismo unha expresión global que hoxe é un complemento indispensable para gañar eficiencia na propia xestión das nosas competencias.

Unha política exterior así entendida devén nun activo e nun ben público esencial para que Galicia poida persistir con éxito no longo empeño da súa modernización, inseparable da súa universalización.

Xulio Ríos é fundador e presidente de honra do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). En 2013, presentou a súa dimisión do CAEX.

 

Bibliografía básica:

Consello da Cultura Galega, Reflexión estratéxica sobre a cultura galega, Santiago de Compostela, 2011.

González Laxe, Fernando (coord.), Estratexia de acción exterior de Galicia. 100 reflexións, Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, Presidencia, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2007.

Ríos, Xulio (coord.), Libro Branco da Acción Exterior de Galicia, Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, Santiago de Compostela, marzo 2004.

Ríos, Xulio, Nós no Mundo, unha política exterior para Galicia, Galaxia, 2010.

Xunta de Galicia, Estratexia Galega de Acción Exterior, accesible en: http://cpapx.xunta.gal/estratexia-galega-accion-exterior

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais