Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Magazine Español (Venezuela) 12 de Novembro de 2018 Mansilla Blanco

2019

O 2019 será un ano prolífico en efemérides históricas

O próximo ano 2019 ten un simbólico efecto histórico que, en chave prospectiva, pode agardar escenarios de gran magnitude para a política internacional. A prolífica celebración durante este 2019 de onomásticas que cambiaron a historia mundial contemporánea debe ser observada con atención, particularmente no relativo ás leccións deses acontecementos e das súas consecuencias, que aínda hoxe seguen estando vixentes.

En 2019 cúmprese o centenario do Tratado de Versalles (1919). Puxo fin, quizais tamén dun xeito un pouco inxusto, á I Guerra Mundial. Digo inxusto porque foi unha paz “revanchista” contra a derrotada Alemaña propiciada por franceses e ingleses, os vencedores desa guerra. O tratado remodelou o mapamundi mundial de entón. Naceron novos países que hoxe seguen existindo (Polonia, Lituania, Estonia, Letonia) e outros que hoxe xa non existen (Checoslovaquia, Iugoslavia). Remodelou o mundo desde Europa ata Oriente Medio. Foi un tratado para unha paz efémera en Europa que durou 20 anos. E que, indirectamente, tivo consecuencias nefastas, porque abriron a veda para o fascismo e o nazismo, principalmente entre os derrotados da I Guerra Mundial.

Outra onomástica para o próximo ano é o 90 aniversario do Crack bolsista de 1929 en Wall Street. A primeira gran depresión económica do mundo capitalista industrializado, particularmente en EUA e Europa. Unha crise económica que foi outro xerme indirecto do fascismo, principalmente en Alemaña e Europa. Curioso caso paralelo co contexto actual, coa crise económica “post-industrial” de 2008 que hoxe en día dá conta do avance de populismos demagogos, tamén principalmente en Europa.

En 1929 tamén consolidouse o liderado de Josef Stalin na URSS, inaugurando unha nova etapa, o stalinismo, que duraría ata a súa morte (1953) con resultados tan tráxicos como vertixinosos que aínda teñen repercusións na propia Rusia. Ese mesmo ano (1929) tamén naceu Marthin Luther King.

En 2019 cúmprense 80 anos do comezo da II Guerra Mundial (1939). Foi a conflagración mundial máis desastrosa da historia e que selou a xeopolítica mundial do século XX. Tamén conmemorarase o 70º aniversario da proclamación da República Popular de China (1949) e da revolución maoísta e socialista no xigante asiático. Pero tamén da creación da OTAN (1949), plataforma de seguridade atlantista impulsada por Washington para frear a expansión da URSS.

Setenta anos despois, China e a OTAN seguen sendo protagonistas da política internacional pero, obviamente, transitando por camiños distintos. Toda vez, para a OTAN, Rusia segue sendo observado como o inimigo estrutural. Pero quizais mirando con preocupación o posible e futuro novo gran inimigo, esa China de ascenso imparable.

Outra efeméride de 2019 será o 60º aniversario da Revolución cubana (1959) nunha Cuba que hoxe transita sen o “castrismo” histórico ao mando pero buscando un novo lugar no mundo. O próximo ano tamén conmemorase simultaneamente o 40º aniversario da Revolución iraniana (1979) e do acordo de Camp David que selou a paz entre Exipto e Israel. Dous acontecementos chave para entender o sempre conflitivo Oriente Medio, hoxe en día máis confuso e convulsionado.

En 2019 cúmprense 30 anos da caída do Muro de Berlín (1989), símbolo da “guerra fría” que deu paso á desintegración do campo socialista en Europa Oriental así como da histórica reunificación alemá (1990) e do final da URSS (1991). Tamén en 2019 cúmprese o 20º aniversario da guerra de Cósova (1999), a primeira guerra unilateral lanzada pola OTAN sen aprobación do Consello de Seguridade da ONU.

Tamén cumpriránse dúas décadas de protestas “antiglobalización” de Seattle (1999). Un presaxio quizais do descontento social cun capitalismo cada vez máis “post-industrial” e virtual que procreou outra crise económica global a partir de 2008.

En 2019, Putin cumprirá 20 anos no poder en Rusia, inaugurando unha nova era “post-soviética” baixo outros signos. E tamén 20 anos de “chavismo” no poder en Venezuela. Dous escenarios, Rusia e Venezuela, que en 2019 poden observar tanto certezas estratéxicas como definicións imprevistas. Tamén en 2019 conmemóranse 20 anos da transferencia de soberanía da Canle de Panamá (1999).

Por iso, 2019 é un ano de efemérides históricas nun mundo que cambia, en transformación, que está a selar as chaves estratéxicas para o mapamundi global da segunda metade do século XXI. Con cambios moitas veces confusos, reaccionarios, imprevistos. Onde EUA, China e Rusia parecen consagrar unha especie de novo equilibrio global, unha troika no poder pero que aparentemente amosase incapaz de inaugurar un novo sistema internacional.

Quizais en 2019 podamos seguir observando unha chave xeopolítica que definirá o mundo do século XXI. O imparable pero non menos turbulento ascenso emerxente de China e de Asia como a principal potencia e o escenario estratéxico do novo século, suplantando así a aínda preponderante hexemonía atlantista de carácter eurocéntrico. O 2019 pode definir, por tanto, o feito de que estamos a asistir inevitablemente a outro cambio de rumbo histórico.

 

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais