Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
El Ideal Gallego 11 de Setembro de 2011 Álvarez Pousa

11-S: O prezo a pagar

A imaxe que un garda daquel 11-S de hai dez anos é máis cinematográfica que informativa. Vimos unha e cen veces a secuencia na que dous avións chocaban coas Torres Xemelgas, pero o que ese espectacular acontecemento causou non o poidemos visualizar, sempre a contagotas e con imaxes tomadas por testigos espontáneos, ata moito tempo despois. De tal maneira foi asi, que a día de hoxe aínda non nos demos desenganchado do relato que a Casa Branca se encargara de monopolizar e propagar tras aceptalo asi, mediante un patriótico pacto de silenzo, os editores e directivos dos máis importantes grupos de comunicación norteamericanos. A xulgar polo que se constatou en meses e anos posteriores, o que a administración Bush tentou evitar non foi tanto o respeto que merecían mortos e feridos como a magnitude da operación terrorista, para non ter que admitir o evidente: EEUU tamén é, pese ao seu inmenso poder, un país moi fráxil fronte ao terror.

Non acredito por iso na teoría conspirativa dos autodenominados “9-11 truthers”, ou buscadores da verdade do 11-S, segundo a cal sería a administración norteamericana e non Al Qaeda a que estivo detrás dos atentados, incluído o tan esquecido como mortífero contra o Pentágono. É difícil concibir unha masacre de tres mil estaounidenses deseñada e executada polo seu propio goberno, por máis que se cumpriran as consecuencias que ben poideran haber estado -e non hai proba algunha que o demsotre- nas segredas intencións dos supostos conspiradores. Creáronse as condicións sociais para xustificar novas intervencións bélicas, especialmente en Afganistán e Iraq, poñendo ao alcance dos máis duros neocon, co vicepresidente Cheney á cabeza, dous obxetivos: remarcar o poderío xeoestratéxico dos EEUU, e reactivar tanto o seu complexo industrial/militar como a súa non menos millonaria industria de seguridade. 

Porén, e por paradoxal que pareza, as segredas intencións de Bin Laden non deixaban tamén de ter nesa mesma cruzada bélica os seus propios obxetivos. Asi é que, en razón do que se foi desenvolvendo a partir dese día de setembro e do que máis tarde se encargaron de demostrar as súas células yihadistas en Madrid e Londres, poucas dúbidas poden quedar a respecto da súa condición de autor intelectual dos atentados. Sabía ao que se arriscaba, pero tamén sabía que unha acción criminal desa magnitude podería provocar o que sempre buscou con Al Qaeda: transformar a loita entre EEUU e as aspiracións populares do mundo musulmán nunha guerra contra o Islam.

Véndoo todo coa perspectiva destes últimos dez anos, do 11-S non saíu outra cousa que a crónica negra do que unha mente criminal e unha administración sen escrúpulos son capaces de facer, nunha calculada, demoníaca e salvaxe estratexia de acción/reacción, para disputarse o protagonismo do poder ante o resto do mundo. Se a masacre do 11-S é a máis noxenta representación do mal, todo o que Bush e os seus acólitos acometeron desde entón non é senón a instrumentalización das vítimas e a institucionalización do terror. Sen que a ameaza yihadista, pese a ter mermado, teña desaparecido. Un prezo moi alto que seguimos pagando todos.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais