TribunaVolver a TitularesVolver a Tribuna
Historia dunha placa
Xulio Ríos (ANT, 30/04/2009)

Versión para imprimir

 

En setembro de 2003, promoveuse en Vigo un recoñecemento cívico ao insigne galeguista Plácido Castro, coincidindo co setenta aniversario da participación de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas (1933) onde el nos representou. Contando cos permisos correspondentes, na rúa Reconquista 10 de Vigo, onde viviu un tempo, instalouse unha placa cun busto seu, obra do recoñecido escultor Pepe Molares, sobre unha lousa de granito que apenas durou uns meses. En decembro, uns vándalos acabaron con ela. Refeita sobre ferro fundido, cando os promotores dispúñanse a fixala novamente na fachada do inmoble, algúns veciños da Comunidade de Propietarios desautorizaron a instalación. Motivos? O principal radica na lenda que acompaña a placa: “Aquí viviu desterrado Plácido Castro, a voz que acadou o recoñecemento internacional de Galicia como unha nación”. Dúas palabras desagradan a dous propietarios: “desterrado” e “nación”. A primeira porque seica afea a nobreza do edificio, que non é, nin nunca foi, un lugar para desterrados, que seica só poden elixir lugares na sombra e a xogo co seu destino. Non obstante, babecadas aparte, cando Plácido foi condenado á diversas penas, incluida a de desterro, polos tribunais franquistas por causa da súa participación en actividades políticas, xustamente elixiu Vigo como aquela cidade que lle había procurar as satisfaccións que buscaba naquel momento de tristura. A elección de Vigo ennobrece a Reconquista 10, a onde chegou por relacións de amizade.

A segunda, nación, porque incorpora unha carga política que desgusta a dúas persoas que rexeitan tal mención e calquera outra alusión á política, do signo que sexa, situando no mesmo plano a vítimas e verdugos, a demócratas e fascistas, poñamos por caso. Outra cousa sería se na placa falásemos de Plácido como poeta, tradutor ou xornalista, home de inmensa cultura, políglota e renacentista. Pero precisamente o que singulariza a Plácido no universo galeguista é ese feito histórico da súa participación naquel Congreso celebrado en Berna e que o consagrou como secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista na Asemblea celebrada a seguir en Pontevedra e na que obtivo máis votos dos compromisarios ca o propio Castelao para a súa elección como integrante da Comisión Executiva. Hai moitos poetas, tradutores, xornalistas, etc., neste país, pero ningún deles con ese mérito específico que o fai alumear no noso firmamento colectivo.

Os que se opoñen á instalación da placa poderían aceptala con outro texto, máis tibio e menos político, seica, pero non queren “imposicións” nin admiten que o seu poida chamarse censura, aínda que si se toman a licencia de indicar aos promotores o que si e o que non poden reproducir nela.

As opinións e pareceres son respectables, pero resulta a todas luces mais que lamentable tan vergoñenta persistencia do auto odio. Cantas rúas hai nas nosas cidades que honran o labor político dalgúns persoeiros? É que non se poden colocar placas que destaquen, por exemplo e por iso, aos pais do Estatuto galego e ata da Constitución española? Onde está a fronteira da suposta dignidade da política en comparanza con outras actividades humanas e intelectuais?

Diversas autoridades culturais galegas pediron cortesmente a Reconquista 10 unha reconsideración do seu punto de vista. Pero non hai maneira. Dous propietarios obstínanse en impedir a instalación da placa. Hai solucións que as autoridades democráticas poden facer valer sobre as minorías testaláns. A elas apelamos abrindo as fiestras a un debate que nos avergoña como cidadáns deste país. Á espera, Plácido Castro vaga neste seu segundo e inesperado desterro.

 


Xulio Ríos é biografo de Plácido Castro

 
Volver a TitularesVolver a Tribuna



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/05/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta