TribunaVolver a TitularesVolver a Tribuna
Dimensión universal da Cidade das Culturas
Xulián Maure Rivas, igadi.org 17/10/2006
 
 

  Hemeroteca da Cidade da Cultura, clic para aumentar
A Cidade galega das Culturas tería que promover, con subvención internacional, congresos científicos internacionais, concentracións de artistas, foros mundiais... programados con suficiente antelación para que entrasen nas axendas dos tour-operadores de oriente e occidente. Dar esta dimensión globalizada á cidade da cultura esixe a adecuación das instalacións pendentes de construción; e ó mesmo tempo favorece o financiamento, por parte dos organismos internacionais interesados, tanto dos novos edificios como do persoal necesario. (Foto: Obras de construción da Hemeroteca da Cidade da Cultura. Á esquerda, as Torres Hejduk).
 
Nos distintos medios de comunicación está presente un debate sobre o futuro dunha criatura en xestación, froito dunha paternidade irresponsable, sobre a que o pobo galego terá que decidir se aplica unha dolorosa interrupción do embarazo ou se segue coa xestación e lle busca un futuro digno e estable. O pasado 27 de outubro La Voz de Galicia publicaba a opinión de máis de dous mil internautas: o 54% quere que se aborte a Cidade da Cultura e un 45% quere que se cumpran os prazos e despois o que Deus queira.

Está claro que os pais irresponsables desta criatura andan mercando estampiñas cando non teñen para comer. Moitos fillos de Galicia teñen aínda que emigrar por non ter traballo na propia terra, incluso tendo un título universitario. Os cartos dos padriños da Unión Europea xa van gastados e se queremos que o enxendro de D. Manuel siga adiante hai que buscarlle outro padriño. Velaí a miña proposta presentada nunha ducia de xeneralidades.

1. Parece que a mellor maneira de ser universal é potenciar a propia identidade. As Cantigas de Amigo ou o grupo musical Milladoiro, a catedral de Santiago ou o marisco das Rías Baixas, poden ser boas mostras da presenza de Galicia no mundo; ou, dito doutra maneira, poden ser boas mostras dos produtos naturais –ou culturais– de Galicia que espertan interese fóra das nosas fronteiras.

2. Hai outra maneira de ver os valores universais. Participar cos principais axentes da humanidade que procuran a utopía dun mundo en paz, ben alimentado e sen escravitudes.

3. Estas dúas dimensións do universal deben presidir a futura Cidade da(s) cultura(s).

4. Existe a posibilidade de que Santiago de Compostela teña no século XXI unha importante presenza no mundo, como a tivo en Europa e América Latina en tempos de cristiandade. Nunha sociedade secularizada a capital de Galicia podería converterse nun centro de confluencia dos novos intereses que moven ós axentes máis xenerosos da humanidade.

5. Hai que aproveitar o nome que Santiago de Compostela ten no mundo globalizado como centro de turismo relixioso e reconverter este lugar de culto ó santo “matamouros” nun lugar aberto e acolledor que sirva de punto de encontro ós pioneiros de humanidade post-imperial.

6. A pataca quente que deixou o anterior Goberno de Galicia na chamada Cidade da Cultura pode converterse nese lugar aberto, nunha cidade das culturas que acolla os 365 días de tódolos anos ós novos peregrinos seculares, chamados a participar na construción de tantas utopías pendentes.

7. A grande aposta que ten Galicia é dinamizar esta cidade aberta, encher de xente activa tódolos seus metros cadrados. A única solución é abrirlle as portas ós de fóra. Cómpre urxentemente integrar na nova cidade compostelá o protagonismo de moitos organismos internacionais, de fundacións con obxectivos a escala mundial. Cómpre converter Santiago en sé de encontros a favor da paz, do ecumenismo, da multidiversidade cultural, etc. A Cidade galega de tódalas culturas debe facilitar a organizacións internacionais a creación de museos temáticos, abertos a tódolos novos estudosos ou turistas da cultura. Por exemplo, un museo de Premios Nobel, outro sobre a comunicación humana ofrecido á Bill & Melinda Gates Foundation, etc.

8. A Cidade galega das Culturas tería que promover, con subvención internacional, congresos científicos internacionais, concentracións de artistas, foros mundiais... programados con suficiente antelación para que entrasen nas axendas dos tour-operadores de oriente e occidente.

9. Dar esta dimensión globalizada á cidade da cultura esixe a adecuación das instalacións pendentes de construción; e ó mesmo tempo favorece o financiamento, por parte dos organismos internacionais interesados, tanto dos novos edificios como do persoal necesario.

10. Só esta dimensión internacional fai viable o funcionamento deste grande ente ou conglomerado cultural. Galicia non pode dar vida cos seus presupostos a un mastodonte que precisa non so dun bo orzamento senón tamén de persoal moi cualificado.

11. A xestión de coordinación de toda a Cidade galega das Culturas só pode estar en mans dun experto, ou grupo de expertos, director de empresas, cun programa a dez ou quince anos, acordado entre as institucións participantes e o Goberno Galego ben asesorado por expertos da súa confianza. A veces eses expertos non están entre os afiliados ou simpatizantes dos partidos de turno na Xunta de Galicia, nin mesmo dentro das lindes galegas.

12. Ademais da dimensión universal esta cidade tamén ten que ter unha dimensión doméstica, que xa está presente na maioría das propostas publicadas.




Nota: Este artigo foi publicado no xornal La Voz de Galicia o 29 de setembro de 2006. Por falta de ezpazo non puido incluír os dous primeiros parágrafos da introdución.

 
Volver a TitularesVolver a Tribuna



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/10/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta