| Tribuna |
||||
| A queima da Galiza Teresa Barro, Grupo de Traballo Galego (GTC) de Londres, setembro/2006 |
||||
|
E tamén é característica a pasividade diante desa traxedia. As protestas do Prestige eran animadas e fáceis: era un buque extranxeiro e o asoballo viña de fóra, non de dentro. Mais isto do lume, unha vez apagado, esquécese axiña até o ano que ven, porque no fondo non se quer facer nada para que non se repita. O goberno aproveitará para lexislar exixindo o imposíbel dos pouquiños propietarios que quedan de terras galegas que non sexan extranxeiros, ou moi ricos. Aos galegos urbáns, semiurbáns ou da beira das estradas non só non lles doerá a queima da Galiza senón que no fondo estarán contentos de que desapareza o pouquiño que queda da Galiza rural, que tanta vergoña lles da. Eses incendios da Galiza son unha vergoña, para Galiza e para España. Son un símbolo externo dunha realidade penosa e inxusta, e un resultado de moito abuso dos gobernos centrais e dos propios galegos. Son consecuencia dun abuso que ven de moi atrás e revelan un atraso psicolóxico que afecta á sociedade galega, que está fondamente inserido nos galegos, e que haberá que combater para que a Galiza poda ser o que tiña que ser e realice o seu potencial. Os incendios deste verán pódense interpretar como unha mostra do que está sucedendo na Galiza por detrás desa apariencia de progreso e benestar que dan as magníficas estradas que se fixeron cós cartiños da Unión Europea a cambio de quedar sen moitas outras cousas máis auténticas, rentábeis e interesantes. E tamén débense interpretar como un aviso do que pode suceder cando non se sabe nen se quer apreciar o que val, e cando o que impera nunha sociedade é o degoiro de poder e diñeiro e o debezo de humillar aos demais para acadar superioridade. Non é que os galegos sexan de seu mellores ou piores que as demais xentes do mundo, pero Galiza funciona mal e na sociedade galega impera o maltrato. Os paxaros se matan, as frores se pisan e as persoas se maltratan. A Galiza é un país no que todo o mundo trata mal a todo o mundo. É un país no que non se atura que nada nen ninguén brille polo que é, ou polo que merece. O único brillo que se tolera e degoira é o que se compra e adquire có abuso do poder. E esa maneira de facer as cousas e de non deixar facelas ven do atraso e leva ao atraso. Hai varias perguntas que se poden facer sobre as causas dos incendios: · Por que se deixou ou se fomentou que o campo galego desaparecera? Se o campo estivese cultivado e non abandonado como está, podería haber algún incendio, mais non tantos nen desa magnitude infernal. · Por que se deixou ou se fomentou que no campo galego desapareceran as árbores nobres que coa sua nobreza impedían que se extendese o lume, e se deixou ou fomentou que se cubrise a Galiza toda con árbores destruidoras que o secan todo, que non valen para máis nada que para facer cartos depresa e que por riba viran a verde e luminosa Galiza de antes nunha Galiza sombría e deslucida? · Por que se fomentou a emigración masiva do campo á cidade e se permitiu que a Galiza virase un conglomerado informe no que as cidades están apailanadas e o campo está aldraxado? · Por que os galegos odian a “aldea” e teñen tanto medo de que os demais pensen que son “aldeáns”? · Por que nunca houbo unha política agraria axeitada e atinada? Agora é porque “Bruxelas non deixa”. E antes? |
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 28/08/2006 |
||||
|