TribunaVolver a TitularesVolver a Tribuna
FSM: Chega o outro Davos
Manoel Santos, igadi.org, 04/01/2008
 
 

  Galiza co FSM; clic para aumentar
Organizacións cívicas e sociais galegas participantes no proceso do Foro Social Mundial dende xaneiro de 2001, veñen de convocar a un acto cívico de mobilización para expresar dende o noso país a solidariedade coas principais reivindicacións do movemento antiglobalización: contra a globalización neoliberal, para erradicar a pobreza, pola paz e contra o armamentismo, pola profunda reforma do sistema de institucións internacionais e a abolición da débeda externa, pola igualdade real das mulleres, pola sustentabilidade ecolóxica e defensa dos recursos naturais, pola soberanía dos pobos, por unha agricultura e alimentación fóra da OMC e polo recoñecemento do dereito dos pobos á Soberanía Alimentaria. Máis información: http://altermundo.org.
 
O outro Davos, así definiu hai xa un tempo François Houtart á converxencia de resistencias ao neoliberalismo que xurdiu en 2001 co primeiro Foro Social Mundial, celebrado en Porto Alegre. Dende aquela, cada xaneiro milleiros de movementos sociais de todos os recunchos do planeta respostan á chamada do Foro para se opoñer á visión ultracapitalista do orbe que impoñen os poderosos, cuia máxima expresión ten lugar no Foro de Davos. Este 2008 o Foro Social Mundial abandona o seu tradicional formato centralizado para organizar un Día de Mobilización e Acción Global o 26 de xaneiro. Galiza tamén se apunta.


O chamamento

“Somos millóns de mulleres e homes. Organizacións, redes, movementos e sindicatos de cada recuncho do planeta. Aldeas e rexións, zonas rurais e centros urbáns de todas as idades, pobos, culturas e crenzas unidos e unidas pola firme convicción de que UN OUTRO MUNDO É POSÍBEL. Con toda a nosa pluralidade, diversidade e riqueza de alternativas e propostas loitamos contra o neoliberalismo, a guerra, o colonialismo, o racismo e o patriarcado que xeran violencia, explotación, exclusión, pobreza, fame, desastre ambiental e negación dos dereitos humanos. Levamos moitos anos de resistencia e de construción de procesos innovadores, de novas culturas de organización e acción, do local ao global, en particular, dende o proceso e a Carta de Principios do Fórum Social Mundial do que emerxe esta chamada”.

Con este chamamento milleiros de organizacións sociais do mundo comprometíanse a organizar unha Semana de Acción que culminará nun Día de Mobilización e Acción Global o día 26 de xaneiro do 2008, o formato escolleito para substituír o vindeiro ano ao Fórum Social Mundial (FSM).

A decisión, polémica para algúns, que a interpretan como un sinal de debilidade do FSM, colleu forma logo da xuntanza do Consello Internacional, que tivo lugar a última semana de outubro en Belem (Brasil). Máis de 100 representantes de movementos e entidades chegados de catro continentes trazaron estratexias e discutiron as articulacións locais e globais para o vindeiro Fórum.

Ao contrario das edicións anteriores, o FSM de 2008 non terá pois eventos centralizados, senón que estará composto por milleiros de actividades organizadas por movementos, grupos, redes e entidades nos seus lugares de actuación, seguindo axendas propias, pero relacionadas coa construción de “un outro mundo posíbel”. A proposta é realizar unha semana de mobilización internacional, enchida de debates, eventos culturais, intervencións artísticas, marchas, protestas, accións directas, encontros e outros xeitos de manifestación que culminen o Día de Acción Global do 26 de xaneiro. A reunión de Belem trazou algunhas estratexias para que a xornada de mobilización internacional potencie as accións locais, integrándoas na rede de resistencia e construción de alternativas ao Fórum Económico de Davos, a xuntanza das potencias capitalistas que ten lugar o mesmo día en Suíza.

O enderezo electrónico www.fsm2008.net, que xa se deu a coñecer a través dun chamamento internacional, será a porta de entrada ao proceso de comunicación. A ferramenta está a servir para que calquera grupo, entidade ou movemento poida rexistrar actividades en calquera parte do mundo. Durante a semana do 26 de xaneiro, o portal tamén servirá para a cobertura multimedia das actividades que se estarán realizando. A estrutura de comunicación tamén contará coa transmisión vía satélite das actividades en diversas partes do planeta.

O encontro tamén serviu para presentar as primeiras iniciativas incluídas nas axendas polos movementos presentes e para iniciar o proceso de mobilización para o FSM 2009, que terá lugar na capital do estado de Pará. Escolleuse esta cidade para o Fórum do 2009 por ser unha das portas de entrada da rexión amazónica e recordar varios temas relacionados co FSM, como o cambio climático, a biodiversidade, o colonialismo, a diversidade cultural e étnica, o militarismo e as diversas formas de relación entre o traballo e a produción –da extracción de subsistencia á industria tecnolóxica.


Oito anos de Fórum Social Mundial: o camiño para globalizar as resistencias

Segundo Chico Whitaker, autor de O desafio do Fórum Social Mundial. Um modo de ver (Edições Loyola, São Paulo, 2005), a idea de organizar un FSM naceu de Oded Grajew, brasileiro dedicado á promoción da responsabilidade social empresarial, que viu a necesidade de complementar as grandes manifestacións de masas contra a globalización neoliberal cunha nova etapa propositiva na que se buscaran respostas aos desafíos de construción do “outro mundo”. A idea foi presentada a Bernard Cassen, director de Le Monde Diplomatique, e axiña unha serie de entidades, sete brasileiras –incluído o Movemento dos Traballadores Rurais sen Terra– e ATTAC, lle deron forma. Escolleron Porto Alegre, referente mundial da democracia participativa, como lugar de celebración e tamén as mesmas datas –xaneiro de 2001–nas que se celebraba o Foro Económico de Davos, co que conseguiron unha importante repercusión mediática.

O éxito do primeiro FSM sorprendeu até aos seus organizadores. Esperábanse 3.000 persoas e reuniu a máis de 20.000. Uns meses despois nacía a Carta de Principios do FSM, que serviría de base para a organización dos foros que virían. A dita carta define o Foro como un espazo aberto –non é pois un movemento, senón un lugar de encontro– para intensificar a reflexión, realizar un debate democrático de ideas, establecer o libre troco de experiencias e articular accións eficaces por parte dos movementos sociais opostos ao neoliberalismo.

A gran novidade era o seu carácter global como proceso permanente de procura e construción de alternativas; a súa horizontalidade, con actividades autoxestionadas e autoorganizadas; e sobre todo que non pretendía ser unha instancia de representación da sociedade civil mundial, de xeito que rachaban coas xerarquías. Ninguén está autorizado a manifestar, en nome do FSM, posicións que foran atribuídas a todos os seus participantes, pois sería imposíbel representalos a todos. Do mesmo xeito que non ten dirixentes tampouco ten un documento final, aínda que moitas das organizacións que nel participan si emiten comunicados e conclusións das xuntanzas. Isto despista moito aos poderosos, que non están afeitos a enfrontarse a un inimigo sen representación formal.

Dende esa primeira experiencia o FSM non fixo máis que medrar. Por todo o mundo organízanse ademais multitude de foros rexionais e sectoriais –europeo, asiático, mediterráneo, pan-amazónico, da educación, das migracións…– e o FSM anual. Como símbolo de oposición ao neoliberalismo mundial sempre se fai en xaneiro, coincidindo no posíbel con Foro Económico Mundial de Davos. En 2004 saía por primeira vez de Porto Alegre, a Mumbai (India); en 2006 sería policéntrico, celebrándose en Caracas (Venezuela), Bamako (Malí) e Karachi (Paquistán) e en 2007 aconteceu en Nairobi (Kenya). Logo do Día de Acción Global do 26 de xaneiro de 2008, en 2009 recuperará o seu formato orixinal para se celebrar en Belem do Pará.

Nestes anos o propio foro foi evolucionando dende a denuncia do que acontecía no mundo ao estudo dos mecanismos polos que o neoliberalismo é unha ameaza real e dende a formulación de propostas alternativas ás estratexias necesarias para dar conta delas.

O FSM está organizado por un Consello Internacional que non dirixe, senón que propón a sede e cataliza milleiros de actividades en forma de obradoiros, conferencias e seminarios autoorganizadas e autoxestionadas polas agrupacións participantes –entre as que impera o principio da corresponsabilidade– mediante consultas previas –máis ca nada por internet– e ao redor de eixes temáticos (sustentabilidade ambiental, papel das transnacionais e organizacións internacionais, débeda externa, control dos capitais financeiros, precariedade do traballo, problema dos refuxiados, dereitos dos pobos indíxenas, democratización dos medios de comunicación, soberanía alimentaria, etc). Ningunha actividade ten máis importancia ca outras e as únicas esixencias que se autoimpoñen son a non violencia, o respecto ao medio ambiente e a pluralidade e claro, a loita contra o neoliberalismo como obxectivo.

Malia que o altermundismo é moito máis que o FSM, pois hai organizacións que desconfían quer da súa orientación quer dos membros do Comité Internacional, este serve dalgún xeito como centro catalizador, como aglutinador das experiencias alternativas que van xurdindo no seo dos militantes altermundistas e, xa que logo, é un fabuloso termómetro do estado do movemento e tamén da súa antítese, o ultracapitalismo. Como di o profesor Boaventura de Sousa, o FSM non é simplemente un evento, nin unha conferencia académica, nin unha internacional de partidos –os partidos políticos e organizacións militares non poden participar–, nin un movemento social. Nin sequera ten unha ideoloxía definida. É simplemente unha loita contra a globalización neoliberal que dá voz aos de abaixo, unha asemblea das xentes do planeta, ou, como o definiu Ramonet, se cadra é, ou pode chegar a ser, o parlamento dos cidadáns da Terra.


O Foro Económico Mundial de Davos

A xuntanza de poder de Davos (Suíza) terá lugar entre o 23 e 27 de xaneiro. Durante máis de tres décadas, o FEM anual é unha plataforma para que os líderes políticos e financeiros configuren o que eles chaman a axenda global. O foro xunta a dirixentes de empresas, gobernos, medios de comunicación e algúns invitados do mundo académico, das artes e da sociedade civil, nomeadamente dalgunhas grandes ONG. Segundo o Foro, de cara ao futuro faise evidente que a complexidade, os intereses en competencia e a escaseza de recursos seguen a ser os meirandes atrancos para o progreso. A xuntanza terá como copresidentes, entre outros, a Tony Blair, James Dimon (Presidente de JPMorgan), Henry Kissinger, Indra K. Nooyi (Presidente de PepsiCo), David J. O’Reilly (Presidente da Chevron) e Wang Jianzhou (Xefe do executivo de China Mobile Communications Corporation).


26 de xaneiro: na procura dun Foro Social Galego

Organizacións cívicas e sociais galegas participantes no proceso do Foro Social Mundial dende xaneiro de 2001, veñen de convocar a un acto cívico de mobilización para expresar dende o noso país a solidariedade coas principais reivindicacións do movemento antiglobalización: contra a globalización neoliberal, para erradicar a pobreza, pola paz e contra o armamentismo, pola profunda reforma do sistema de institucións internacionais e a abolición da débeda externa, pola igualdade real das mulleres, pola sustentabilidade ecolóxica e defensa dos recursos naturais, pola soberanía dos pobos, por unha agricultura e alimentación fóra da OMC e polo recoñecemento do dereito dos pobos á Soberanía Alimentaria.

É por isto que chaman a unha grande Asemblea de Movementos Sociais Galegos, así como a unha Feira de Asociacións –espazo de balde pero limitado, polo que os movementos interesados deben contactar antes do 15 de xaneiro con info@altermundo.org–, para o Día de Mobilización e Acción Global, que este ano substitúe ao xa tradicional Foro Social Mundial centralizado.

A Asemblea e a Feira realizaranse na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela o 26 de xaneiro do 2008 ás 11:30 da mañá. O obxectivo da dita Asemblea, escolleita para manter o confronto co Foro Económico Mundial de Davos, encontro da elite neoliberal que acontece sempre no mes de xaneiro desa vila alpina da Suíza, será o de iniciar a andaina necesaria cara un futuro Foro Social Galego.

Trátase, asemade, dun compromiso galego coa realidade local é coa transformación global, pois o mesmo día realizaranse accións nunha chea de currunchos do planeta.

As organizacións impulsoras desta chamada acenden xa que logo unha mecha necesaria para o soño da creación dun Foro Social Galego. Entre elas, o Seminario Galego de Educación para a Paz, a Fundación Galiza Sempre, a Marcha Mundial das Mulleres, o Sindicato Labrego Galego, CIG, CCOO, UXT, STEG –Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza–, a Coordinadora Galega de ONGD, ADEGA, Verdegaia, a ONG Amarante e Altermundo.

Máis información: http://altermundo.org.


Manoel Santos é director de altermundo.org e colaborador do Igadi.

 
Volver a TitularesVolver a Tribuna



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/01/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta