| Tribuna |
| Poema longo de pedra Moncho Iglesias Míguez, igadi.org, 23/10/2005 |
|
unha pedra que nunca fose lanzada e nunca construída e nunca volteada e nunca encuberta e nunca descuberta e nunca gritada desde un muro e nunca refugada polos seus construtores e nunca pechada na cima dunha tumba e nunca repousada sobre amantes e nunca mudada en pedra angular? Por favor, non tiredes máis pedras, estades a mover a terra, a santa, toda, terra aberta, estádela movendo cara ao mar e o mar non a quere o mar di: non me pertence. Tirade ar, tirade nada até que as mans cansen e a guerra canse e incluso a paz canse e exista Fragmentos de “Poema temporal do meu tempo”, Yehuda Amichai.
Amais das restricións de comida e bebida, hai outras máis concretas. Así, o Talmud especifica que non se debe lavar ou bañar un, non empregar ningún tipo de perfume ou incluso levar calzado de pel. Con todo, as prohibicións son algo difusas e, mentres se considera traballo cortar o papel de baño –deste xeito, a noite anterior a calquera shabbat pártense anacos co fin de telos preparados para a xornada de descanso- non é considerado traballo o lanzamento de pedras, que se repite con bastante frecuencia, aínda que por motivos diferentes, na terra onde naceu Xesús. Esta actividade, que mantén ocupados, ou ás veces entretidos, a moitos dos habitantes da zona chega a ser un perigo engadido, nas estradas, e do que non avisan os anuncios da dirección xeral de tráfico. Este ano, por exemplo, o servizo de seguridade israelí declarou a máxima alerta durante Yom Kippur. A alarma non xurdiu causada por aglomeracións de fanáticos lanzadores de pedra, senón que provocada polas preto de 40 chamadas que se recibiron informando de posibles ataques terroristas. A policía duplicou a vixilancia nas rúas de Xerusalén, sobre todo arredor do “Muro dos Lamentos”, e nas aldeas palestinas máis achegadas. Amais, prohibíuselle a entrada a Xerusalén aos coches con placas palestinas, pero ese impedimento, nesta ocasión, non é unha medida de auto-protección, senón de seguridade vial. Algúns dos ortodoxos xudeus máis radicais levan ao extremo a lectura dos versículos de Levítico 23, 28: “Ningún traballo faredes neste día; porque é día de expiación, para reconciliarvos diante de Xehová o voso Deus”. Así, ante a contraditoria definición do que é ou non é traballo, algúns xudeus saen as rúas a lanzar pedras contra coches. O conducir é un traballo, actividade prohibida, e por iso estes fieis defensores das Sagradas Escrituras recriminan aos pecadores con avisos pétreos. Quizais, se un vello coñecido levantase a cabeza e vise isto diría: “Perdóaos Señor, non saben o que fan”. Mentres tanto, quedaremos coa dúbida de saber quen tira pedras, porque como afirmou Amichai: os malvados guindan e os xustos guindan, /os pecadores guindan e os tentadores guindan, /os xeólogos guindan e os teólogos guindan.
|
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 23/10/2005 |