| Tribuna |
| Feliz Aninovo Moncho Iglesias Míguez, igadi.org, 12/10/2005 |
|
As chamadas de felicitación chegan durante o día, desexando “shaná tová” (bo ano, literalmente), e que Deus inscriba a un no libro da vida para que teña un próspero ano (leshaná tová tikatevu). A fórmula, repetida dende hai máis de cinco mil anos, escoitouse entre xudeus esta semana, desexándose uns a outros un bo ano 5766. A festividade, Rosh ha-shaná (a cabeza do ano), tal e como se emprega na Biblia, representa o comezo do ano económico, cando se fai a colleita. A celebración, co sentido de ano novo, só aparece en fontes talmúdicas, mentres no Pentateuco preséntase baixo o nome de: “Día do xuízo”, “Día da lembranza” ou “Día do tanguido do shofar”. Rosh ha-shaná, como o resto de festas xudías, comeza na véspera co prendido das candeas. Nesa noite anterior, percórrense diversas sinagogas, ata que sae o día, lendo as Sagradas Escrituras e compartindo té, para non durmirse, amais dalgún doce que soen agasallar nas entradas dalgúns templos. Debido ao uso dun calendario lunar, o Ano Novo xudeu nunca coincide nun mesmo día, aínda que debido a certas leis relixiosas, aparte das puramente lunares, nunca pode coincidir en domingo, mércores ou venres. Xunto a estas regras está a tradición de facer certas lecturas, o uso dalgunhas vestimentas ou incluso a comida. Pero, sen dúbida, un dos elementos máis importantes e máis representativos desta data é o soprido do shofar: “Tocade a trompeta na nova lúa. No día sinalado, no día da nosa festa solemne” (Salmos 81: 3). O shofar é un corno de carneiro, un corno curvo que representa ao home agochándose ante Deus. Maimónides argumentou que o son do shofar fai lembrar ao Creador e espértanos para que non perdamos o tempo en vaidades que non nos salvarán. Amais, este son anuncia o comezo dun período de penitencia (ata Yom Kippur, ou día da expiación). A comida é variada, dependendo da orixe dos celebrantes, aínda que hai certas costumes que se manteñen. Deste xeito, é doado pasearse polas rúas de Xerusalén e atoparse mesas nas que se ofrecen mazás bañadas en mel. Isto simboliza o desexo dun ano doce que se completa con outras tradicións. Non é necesario comelo, pero é difícil non atopar unha mesa preparada para a cea de Rosh ha-shaná con estes alimentos: dátiles, que representan un bo augurio e reflicten o desexo de que os nosos inimigos sexan exterminados, xa que os dátiles son doces e unha das sete especies coas que Israel foi bendicida ou algunha legume, pois simboliza a esperanza de que crezan os nosos méritos. Tamén símbolo de Israel, obxecto decorativo e icona destas datas: a granada. Esta froita, segundo se di, ten 613 grans, o mesmo número que os dos mandamentos que debe cumprir un xudeu. É habitual comer un peixe ao que se lle poda comer a cabeza, representando a idea de comezar o ano ben e de ir sempre á cabeza en todo, e non á cola. Por último, non se deben comer noces ou froitos secos xa que o valor numérico da palabra, en hebreo, é o mesmo que o de pecado. Outras regras non convencionais son as das vestimentas. Mentres os ortodoxos visten de negro durante todo o ano –chamados por iso “corvos”, dentro da comunidade latina, ou “pingüíns”-, na semana de festividades que empeza co Ano Novo, moitos deles mudan a cor e se engalanan con roupas brancas, indicando arrepentimento e a intención de quedar brancos e puros, libres de todo pecado.
|
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 12/10/2005 |