| Tribuna |
||||
| Día da independencia palestina Moncho Iglesias Míguez, igadi.org, 26/11/2005 |
||||
|
En Belén, as celebracións comezaron poucos días antes da data sinalada. Pechouse o paso fronteirizo durante varios días e, así, non foi posible saír ou entrar a Belén. O motivo, segundo explicaron algúns soldados, era a seguridade. Os helicópteros sobrevoaron Belén, silenciando o paso dos coches militares, e grupos de soldados ocuparon os tellados dos edificios máis achegados ao punto de control. Non se soubo a qué se debía tal despregue de medios ata que comezaron a verse xudeus ortodoxos camiñar libremente polas rúas de entrada a Belén. Entón houbo explicacións: a festividade de Raquel. A tumba de Raquel está protexida polo exército israelí a pesar de estar dentro da cidade palestina de Belén. A muralla, que outrora podería significar prestixio, remontándose á época medieval, separa o santuario do resto do lugar. É por iso que hai autobuses especiais que levan aos xudeus ata o sepulcro nunha visita de apenas uns minutos. Nos días da festividade esperábanse máis de vinte mil fieis entrando en Belén para visitar a tumba, e por iso se fixo unha especie de cordón protector. Emporiso, houbo algún curioso que recibiu pedras como saúdo por parte dalgún peregrino que considera unha inxustiza ese muro que non debería dividir a ningún pobo, senón xuntar a un só.
O certo é que, sen interpretacións aos textos que reflicten esta realidade, o día da independencia palestina pasou sen ningún tipo de celebración, agás que todo pechou nesa xornada. A nova terminal, con varias portas e barreiras levadizas, permite o resgardo do frío e a calor, así como o uso do baño. Agora xa non será necesario esperar a que un soldado revise o pasaporte e permita o acceso cara ao outro lado, empapándose de sol ou asfixiándose de chuvia. Un pequeno túnel branco, que xa se comparou co de Eretz –en Gaza, ese mesmo que é coñecido como o paso do Soweto de Oriente Medio- permite unha inspección máis hixiénica.
|
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/11/2005 |