TribunaVolver a TitularesVolver a Tribuna
Os Dereitos Humanos non son obxectables
Manuel Dios Diz, igadi.org, 29/12/2007
 
 

  Eleanor Roosevelt con Declaración Universal Dereitos Humanos; clic para aumentar
Non deixa de sorprenderme que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aprobada un 10 de decembro de 1948 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, mereza tan pouca reflexión no mundo académico e na maioría dos medios de comunicación, nin tan sequera no día da conmemoración anual daquela efeméride tan relevante e na que unha norteamericana, Eleanor Roosevelt, tivera tanta influencia, aínda que fracasara no seu intento por incluír o dereito humano á paz. (Foto: Eleanor Roosevelt sostén un exemplar da Declaración Universal dos Dereitos Humanos).
 
Non deixa de sorprenderme que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aprobada un 10 de decembro de 1948 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, mereza tan pouca reflexión no mundo académico e na maioría dos medios de comunicación, nin tan sequera no día da conmemoración anual daquela efeméride tan relevante e na que unha norteamericana, Eleanor Roosevelt, tivera tanta influencia, aínda que fracasara no seu intento por incluír o dereito humano á paz.

Pasou o 10 de decembro, un ano máis, sen pena nin gloria, a pesares dos esforzos dalgunhas organizacións da sociedade civil galega por levala ó corazón da cidadanía. Seguen a ser unha feliz excepción os medios de comunicación que dedican algún espazo a difundir o seu texto, un breve preámbulo e trinta artigos, auténtico prodixio de síntese, porque neles está condensado todo o ideal ético da Humanidade, xusto cando aínda estaba moi presente o olor da pólvora e as terribles consecuencias da Segunda Guerra Mundial. Foron precisamente as vivencias dramáticas daquela contenda as que inspiraron o deseño e posta en funcionamento do sistema de Nacións Unidas “para evitar ós nosos fillos o horror da guerra”.

Hoxe, 59 anos despois de aprobada aquela Declaración, sigo sorprendéndome cando pregunto (e o fago tódolos anos) a alumnos e alumnas de Maxisterio, da Facultade de Educación, a piques de rematar a súa carreira, impacientes por exercer, cantos deles traballaron nas aulas, algunha vez, ó longo da súa dilatada experiencia educativa, desde a educación infantil ata a universidade, co texto da Declaración Universal do 48. Os resultados desta enquisa, de pouco valor científico, probablemente, non poden ser máis demoledores. En grupos de 20 ou 30 persoas tan só responden afirmativamente dous ou tres, cinco, no mellor dos casos… e isto repítese tamén nos centros escolares, nos colexios e institutos.

Mesmo, ás veces, vou máis alá e pregunto pola idea que teñen sobre o tamaño da Declaración, polo número de artigos, aproximadamente, ou polos seus contidos máis concretos. O resultado é moi similar. Algúns imaxinan un texto áspero, inabarcable, complexo, disuasorio, vamos, algo así como o Libro Gordo de Petete…

Si compartimos a idea de que o que non se visibiliza, sobre todo nos medios de comunicación, non existe, sen dúbida que temos un problema. Deberiamos facer esforzos renovados por facer visibles os dereitos humanos para que fosen coñecidos, asumidos, fonte de comportamento e guía das nosas conducías. Moito mellor nos iría…

Por iso resulta especialmente difícil de comprender esa teima contra da nova materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos desatada por algúns sectores da nosa sociedade, moi respectables, por suposto, apelando a un suposto adoutrinamento e intromisión no dereito dos pais a escoller a educación moral dos seus fillos, sobre a base do artigo 27 da Carta Magna:

1. Todos teñen dereito á educación. Recoñécese a liberdade de ensino.

2. A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto ós principios democráticos de convivencia e ós dereitos e liberdades fundamentais.

3. Os poderes públicos garanten o dereito que asiste ós pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións.

Mesmo os mais críticos coa nova materia apelan ó artigo 26 de propia Declaración Universal dos Dereitos Humanos:

1. Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser gratuíta, polo menos ó respecto da instrución elemental e fundamental. A instrución elemental será obrigatoria. A instrución técnica e profesional será xeneralizada; o acceso ós estudios superiores será igual para todos, en función dos méritos respectivos. 2. A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre tódalas nacións e tódolos grupos étnicos ou relixiosos, e promoverá o desenvolvemento das actividades das Nacións Unidas para o mantemento da paz. 3. Os pais terán dereito preferente de escolle-lo tipo de educación que haberá que darlle ós seus fillos.

Dunha lectura atenta e completa de ámbolos dous artigos, o da Constitución Española (27) e o da Declaración Universal (26), podemos concluír que existe unha vinculación moi directa, entre ambas, non podía ser doutro xeito, nun estado democrático, entre outras cuestións, porque unha está inspirada pola outra.

Nos dous casos establécese como fin da educación o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais, a comprensión, a tolerancia, a amizade entre nacións, grupos étnicos, relixións, e o mantemento da paz.

E a Constitución Española, de maneira expresa, no artigo 27.3, garante a formación relixiosa e moral respectando as conviccións e crenzas dos pais, aspecto que está perfectamente asegurado e desenvolto polos Acordos co Vaticano e que, obxectivamente, benefician de maneira singular á Igrexa Católica, mesmo de maneira certamente contraditoria nun estado constitucionalmente aconfesional.

Ademais, os organismos supranacionais dos que España forma parte, a ONU e a UNESCO, a UE, ou a OCDE, veñen promovendo, desde hai anos, estes contidos, nomeadamente, desde o 2002: Recomendación [Rec (2002)12] do Comité de Ministros ós Estados membros sobre a educación para a cidadanía democrática, ou no 2005, coa declaración do Ano europeo da cidadanía a través da educación, por citar tan só dous exemplos, que buscaban un obxectivo ven relevante: aprender e vivir en democracia.

Por outra parte, a maioría dos países do noso entorno, de diferentes formas, con contidos e estruturas diversas, transversalmente, por medio dunha materia, con acentos máis xurídicos ou máis éticos, están impartindo xa estas ensinanzas, e non coñecemos, realmente, que provocaran reaccións adversas da xerarquía católica ou da dereita política, nin sequera en Italia, onde se atopa o Estado Vaticano.

Cando un se asoma ós textos escolares publicados ata agora en España e dirixidos por especialistas de moi recoñecido prestixio, José Antonio Marina, Carmen Pellicer, entre outros, que están en vigor en varias comunidades autónomas, un non consigue, sinceramente, aínda que o busque, encontrar propostas ou reflexións que atenten contra das conviccións morais ou relixiosas das persoas, todo o contrario, reforzan mesmo esas crenzas e resaltan a súa influencia e papel relevante na conformación das virtudes éticas da cidadanía democrática e nas declaracións internacionais de dereitos.

Nin sequera cando se abordan cuestións delicadas e complexas como son os novos modelos familiares, as relacións sexuais ou os matrimonios entre persoas do mesmo sexo, que tanto preocupan á xerarquía, faise cunha pulcritude e obxectividade máxima.


Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, e dirixe o Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz).

 
Volver a TitularesVolver a Tribuna



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/12/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta