TribunaVolver a TitularesVolver a Tribuna
Galego. Patrimonio da Humanidade

Versión para imprimir

 

Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo nos períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man.

A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.

Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país.

A sociedade galega que sente aprecio cara a súa lingua -independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente- debe  reclamar  unha volta do PP a un terreo común. Tamén mostrar  o seu acordo coas políticas de  afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma  de  Galicia  é  un  patrimonio  da  humanidade  que  debemos  custodiar  e  garantir  como  medio  de  comunicación  e  de  creación.

 

 
Volver a TitularesVolver a Tribuna



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/05/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta