TribunaVolver a TitularesVolver a Tribuna
Cara o 2020: A nova xeración Nós
David Otero, igadi.org, 01/02/2007
 
 

  A xeración Nós, clic para aumentar
O primeiro número da revista Nós sae en Ourense en 1920. Dentro de poucos anos, no 2020, será o centenario de tan importante data.
 
Non sei se a xente lembra ao grupo Nós, así chamado pola revista que deron en publicar con este título, que tiña coma integrantes a Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas. O primeiro número desta revista sae en Ourense en 1920. Dentro de poucos anos, no 2020, será o centenario de tan importante data. Cen anos despois, Galiza seguirá sendo un país “africano”, atrasado, retrasado e illado. Unha cornixa enmohecida pola humidade, unha casa descoidada.

A nosa clase política, chea de falsos profetas, non sabe ou fai como se non se enterase de que fai uns pouquiños de anos algunhas cidades europeas tiveron que facer fronte á decadencia e ao deterioro. Unhas reaccionaron e outras non. Se os responsábeis políticos adícanse a pelexarse en loitas absurdas, sectarias e macabras, aplicando a ecuación “nós prexudicámonos, pero vos prexudicádevos inda máis” para resolver calquera incógnita, entón toda posibilidade de resposta proactiva, é dicir, de anticiparse ao cambio, dilúese nun conxunto de denuncias, cruce de acusacións e titulares de prensa entre o goberno e a descontenta oposición.

O metrónomo que marca o compás do cambio tecnolóxico vai cada vez máis rápido. Isto o vemos nos novos soportes audiovisuais, do dvd ao hd-dvd, do hd-dvd ao blue ray, etc. O meu prognóstico, avalado por case un século de retraso en tecnoloxía de Galiza, é que metaforicamente falando, cando a Xunta comece a equiparse con hd-dvds será cando o modelo seguinte, o blue-ray, empece a ser substituído por obsoleto. Este retraso ten coma exemplo máximo o tren de alta velocidade que tarda tanto en ser unha realidade que parece unha imaxe de ciencia-ficción. A ausencia de infraestruturas leva a ausencia de interacción económica entre cidades, a unha incipiente compartamentización da vida económica galega predicada polo Plan de Desenvolvemento Comarcal da antiga Dirección Xeral da Planificación e Desenvolvemento Rural da Xunta, coa súa policía propia na forma de Fundacións e Centros Comarcais. A compartamentización contradí claramente a directriz da Comisión Europea de fomentar a mobilidade xeográfica e funcional para combater o paro, pero os predicadores das Fundacións venden o pleno emprego “na túa comarca” aproveitándose da necesidade da xente.

Á luz de toda esta maraña, eu me plantexo a seguinte cuestión: é a política en Galiza unha actividade intelixente? Son os partidos políticos organismos minimamente racionais no seu funcionamento? Teñen estes grupos unha estratexia clara, non limitada polas periódicas xornadas electorais, nas que teñen que facer os axustes dos seus programas para convencer e acada-lo desexado poder?

Nos años 90, Blyth formulou a súa teoría do “ideational turn” ou “xiro cognitivo”, no marco da cal afirma que nunha actividade intelixente non hai ideoloxías pechadas, senón que hai ideas. Comenta o devandito autor que a tarefa política ten acabado sendo unha discusión sobre o que entendemos por realidade, un relato do pasado, dos feitos do pasado. Un relato deses feitos, nin sequera unha interpretación dos mesmos, iso xa sería demasiado, engado eu.

Vimos no pasado ano 2006, o ano da memoria histórica, coma a autoridade esforzouse teimando en informa-la xente do pasado máis escuro da guerra civil, dos abusos máis atroces. Ben, eu coido que sería moito máis responsábel falar dos abusos das administracións que estanse a dar nestas décadas, e que afectan a persoas que viven, mais claro, ten o inconveniente de que esas persoas poderían participar activamente e falar por eles mesmos, o cal supón un certo perigo, o perigo de non axustarse cento por cento ao relato.

A derradeira cuestión que plantexo é esta: ten a meirande parte dos candidatos dos partidos algunha noción de economía? Paul Krugman, na súa introdución ao seu libro “La era de las expectativas limitadas”, reduce a tres os asuntos fundamentais de calquera economía: o emprego, a produtividade e a distribución da renda. Ou sexa, o que ven sendo o conxunto de persoas que crean riqueza, a súa capacidade de xerala cos factores dispoñíbeis: forza de traballo, capital e tecnoloxía e o reparto dos froitos obtidos. Dos tres puntos, chamo a atención sobre o segundo: a produtividade, a capacidade da xente para xerar riqueza. Nun contexto de globalización económica (algúns xa falan de googlelización), con empresas que procuran con avidez localizacións de custes baixos (exemplos: leste de Europa, Portugal), soamente unha mellora substancial da produtividade pode garantir un crecemento sustentable. Esa mellora non acádase dun día para outro, senón a medio ou longo prazo, e esixe apostar polo investimento en formación, educación e I+D. Mais non o digas moi alto en período de eleccións…


David Otero.

 
Volver a TitularesVolver a Tribuna



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/02/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta