TribunaVolver a TitularesVolver a Tribuna
Celebrando un aniversario
Ceferino Díaz (Casa Galega da Cultura, Vigo, 19/09/2008)
 
 

  75 aniversario da participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas; clic para aumentar
75 aniversario da participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas. Na Mesa, de esquerda a dereita, Ceferino Díaz (PSdG-PSOE), Xulio Ríos (Igadi) e Olaia Fernández (BNG).
 
Boas Tardes.

Quixera comezar agradecendo a Xulio Ríos a invitación a participar neste panel. Sobre todo porque me permitiu, e ao tempo obrigou, a afondar no estudo da obra de Plácido Castro, que recoñezo descoñecía en boa medida. Tamén me axudou a formalizar ideas que nunca puxera por escrito nun tema que non é da miña especialidade, aínda que si da miña preocupación.

Comprendo o interese do IGADI, en concreto de Xulio Ríos, por Plácido. Se non fose un persoeiro da Historia, terían que o ter inventado...

A idea de interpretar o mundo dende Galicia, como galegos, compártena Plácido Castro e Tempo Exterior. Por iso entendo o interese en afondar no coñecemento deste galeguista ilustrado.

Non entendo, por outra parte, que sexa o IGADI o que, con poucas achegas, en solitario se empeñe en dar a coñecer a Placido Castro na súa faceta de galeguista, nacionalista comprometido co seu tempo. Os galegos somos bos, pero non sempre xenerosos.

Convídasenos a falar do feito histórico do recoñecemento de Galicia como nacionalidade no Congreso das Nacionalidades Europeas, daquelas organismo da Sociedade de Nacións, antecedente das actuais Nacións Unidas.Tamén a de falar da importancia e oportunidade de construír agora unha Galicia aberta a Europa e ao mundo.

A Asemblea de Berna do ano 1933 non cambiou o curso da nosa Historia; non pretendía tal cousa. A Asemblea á que acudiu Plácido representando ao Partido Galeguista era o lugar de encontro de pobos sen estado que precisaban reafirmarse externamente. De pobos que reclamaban respecto e un lugar na Europa de entreguerras en reconstrución.

Nese tempo, é salientable que un partido de recente creación como o Galeguista se autoproclame a representación de Galicia como pobo, e acuda en condición de tal a unha asemblea europea de nacionalidades para afirmar que Galicia é unha nacionalidade na terminoloxía da época, e conseguir o recoñecemento dos presentes.

Ese acto político non tivo, nin o pretendía transcendencia xurídica. Foi un acto de autoafirmación e, ao tempo, unha apertura de Galicia, da política galega, ao mundo, que xulgamos positiva. Aínda que fose a través dun partido.

Daquelo que hoxe conmemoramos quedámonos co xesto que consideramos transcendental (a política tamén son xestos): Galicia é un pobo de Europa e como tal quere ser recoñecido e respectado. Queremos ser europeos sen deixar de ser galegos. Ou aínda mellor, sendo galegos. É unha interpretación libre daquel cumio.

Dende unha militancia non nacionalista, 75 anos máis tarde comparto o fundamental das ideas que respecto á presenza de Galicia no mundo defendía Plácido Castro.

Creo que Europa non nos é allea. Creo tamén que a nosa aposta europea, a nosa contribución á nova Europa, debemos facela como galegos. A maiores, creo que a Unión Europea é una aposta necesaria da que Galicia non pode quedar fóra.

Coincidimos tamén en que se Galicia aspira a contar no concerto dos pobos, debe recoñecerse a si mesma, recuperar e proxectar a súa identidade.

A miña formación intelectual, que xa non se leva, fórzame a entender que a economía é o motor da Historia, que as conquistas que na historia houbo estaban movidas por intereses económicos. Por iso, entendo que as relacións de Galicia co exterior deben redundar no benestar dos galegos. As relacións exteriores, xa que logo, deben ser parte da estratexia de desenvolvemento da nosa Terra.

Á hora de afrontar a construción dunha Galicia aberta ao mundo, debemos partir dun feito obxectivo que non viviu Plácido Castro: Galicia está integrada no Estado Español, no Estado das Autonomías, que recoñece un alto autogoberno ao noso país. As reivindicacións que se formulaban dende o galeguismo naquel tempo están hoxe recoñecidas. Á súa vez, estamos integrados na UE, un espazo económico e político consolidado e, ao tempo, en construción.

En consecuencia co anterior, defendemos que Galicia, os galegos, dende un proxecto sen complexos de país, coas raíces na terra, pode e debe participar na gobernación do Estado. Non só para influír nas políticas que nos afectan directamente, senón en todas as políticas que tamén nos afectan.

Dende unha concepción federalista do Estado defendemos a implicación de Galicia na gobernación da España plural, para construír un espazo económico e social forte que teña peso nun mundo globalizado que non nos vai a dar facilidades.

Defendemos, xa que logo, a promoción do galego e da nosa cultura a través dos Institutos Cervantes de todo o mundo. Defendemos tamén delegacións económicas da Xunta nos centros de Negocios de España no exterior para a promoción do específico da nosa economía.

Defendemos, así mesmo, a participación activa da nosa comunidade na construción europea, ensanchando os espazos de participación hoxe existentes. O futuro da UE non está escrito e os galegos debemos participar del.

Sen cuestionar a existencia dos estados, un maior protagonismo dos pobos é posible porque é necesario. E Galicia debe estar aí como parte do Estado, e como pobo diferenciado dentro de España.

No Estado español, no actual marco constitucional, hai aínda marxe para ampliar o noso autogoberno. E estase nelo.Vaise facer.Con todo, coidamos que ese non é hoxe o desafío máis importante.

O autogoberno implica asumir responsabilidades, ser protagonistas do noso futuro. Por iso temos que recuperar o tempo perdido e concordar un proxecto económico , social e cultural. Temos que definir a Galicia que queremos para estar en España e no mundo.

E coincidimos en que ese proxecto pasa por reafirmarnos na diferenza.

Somos un país pequeno territorial e poboacionalmente. En consecuencia, só podemos ser importantes en canto aportemos diferenza. No estándar non temos porvir, non somos necesarios. Un colectivo de menos de tres millóns de habitantes non diferenciados carece de importancia.

A homoxenización que se defende dende a Internacional da Comunicación- que existe- e dende a rede pode ser contestado tamén dende esta promocionando a diferenza.

No mundo produtivo non podemos ofertar produtos ‘imitación de’; outros os fan mellor e máis baratos. Temos que fabricar e producir produtos diferentes naquelo que se poida, productos de calidade.

Sen cuestionar outras realidades económicas consolidadas-en Vigo Citroen-, temos que promocionar e potenciar produtos inxertados na nosa Terra e na nosa cultura. Produtos que se identifiquen, que nos identifiquen, como diferentes e que sexan atractivos para unha para unha franxa de mercado que opta pola calidade e a diferenza. Un exemplo, os viños da Ribeira Sacra hai que comercializalos cun CD explicativo da procedencia, da historia dos viñedos e dos produtores con séculos de existencia. Senon o facemos así dificilmente serán competitivos.

Cabe, xa que logo, o aproveitamento económico da nosa identidade en moitas producións derivadas do sector primario e no amplo mundo relacionado co deseño e a creatividade, produto rico e abundante no soso país ; tamén no turismo, como defende Plácido.

No turismo hai que ofertar un pais europeo pero diferente, un Fisterra con cultura de seu. Somos europeos, de cultura propia que bebe en Europa. Temos Románico con pedra galega, unha rica cultura castrexa e un neolítico pouco explorado. Tamén somos celtas…

Todo iso, asentado sobre un territorio particular e diferente, fainos atractivos para outros. De aí as posibilidades non ben explotadas do noso país como referente turístico de calidade.

Insisto neste asunto porque vexo cada vez máis que o desenvolvemento do rural precisa do turismo como fonte de emprego e riqueza e como complemento dunha agricultura e dunha pesca en recesión non só por problemas de rendibilidade.

Todo compatible cas novas tecnoloxías instrumento que está aí para todos, tamén para que gandeiros galegos programen no ordenador a alimentación do seu gando.

No campo específico das relación exteriores, e aínda que en diferente tempo histórico, coincidimos con Plácido no fundamental: Europa, celtismo, Portugal, América Latina.. China non existia na época como referente económico.

Aclarada a dimensión europea da nosa política, hai que dicir que as Comunidades Autónomas do Estado no seu conxunto son o noso campo natural de relación económica. Son o noso primeiro mercado e o primeiro provedor. O que non resta que recoñezamos que Cataluña e Euskadi foron aliados preferentes na loita polo autogoberno e, tamén hoxe, na defensa de identidades na España plural que queremos.

O celtismo que profesaba Plácido é unha variable que dende Galicia se debe ter en conta na expansión exterior. As coincidencias culturais, ou si se quere de folclore co chamado mundo celta, están aí e poden e deben ser desenvolvidas.

As afinidades culturais deben ser a base para a colaboración económica. E, neste punto, debemos ter en conta que se Galicia ten unha gran cidade en Bos Aires, Irlanda ten esa cidade nos EEUU. Unha cidade ampla e poderosa economicamente. Unha cidade que, en gran medida, nos descoñece e á que podemos achegarnos como galegos con raíces celtas comúns.

Os países de América Latina de fala castelá ou lusa son un campo normal de relación. E non só para atender aos galegos que se asentaron alá; tamén para aproveitar as relacións privilexiadas para ampliar lazos culturais e económicos.

Somos unha Fisterra aberta ao mundo, un país de emigrantes. En América está unha parte do mellor de nós, dos máis emprendedores. Por iso aos galegos de fóra hai que sumalos á construción de Galicia.

Con Portugal, a maiores de identidades culturais, e grazas á integración na UE que eliminou barreiras legais, na rexión europea Galicia-Norte de Portugal, temos un espazo económico con amplas potencialidades e complementariedades a desenvolver e potenciar.

Remato reiterando unha idea central de cara ao futuro.

Un desafío. O importante é convencernos a nós mesmos que reafirmarnos na defensa da nosa identidade, dos nosos valores, da nosa cultura, da nosa paisaxe, é o mellor camiño para progresar nun mundo que non estimula a diferenza pero que, si esta se fai valer, a valora e respecta.

O exemplo das Illas Británicas de Plácido segue a ter vixencia.

Iso si. Non todo o pasado foi mellor. Reafirmarse na identidade non é sacralizar o pasado, senón recuperar e asentarse nos valores positivos da nosa cultura, que os hai e moitos.

Grazas.


Ceferino Díaz, membro do PSdG-PSOE.

 
Volver a TitularesVolver a Tribuna



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/09/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta