Texturas Internacionais nº 5Volver ó sumario
Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional
 
Sociedade internacional e Administración local


María del Mar Gómez
 
 

O proceso de globalización económica e a interdependencia, a internacionalización da economía, a proliferación de sociedades transnacionais e, en definitiva, o que se dá en chamar a nova orde internacional, configurou un panorama no que o papel encomendado aos distintos actores sociais ten poucos trazos comúns cos precedentes de maneira tal que, na actualidade, a sociedade semella configurarse completamente diferente á anterior e, en consecuencia, este modelo afecta tamén á súa organización política e administrativa.

Hoxe vivimos nunha sociedade internacional plenamente universalizada, é dicir, abarca a todo o mundo; na mesma se desenvolven diferentes actores con papeis e capacidade de incidencia diversos; a súa estructura é cambiante, como o evidencian as transformacións rexistradas dende finais dos anos oitenta operando unha mutación profunda da estructura do sistema internacional e a xestación, aínda inconclusa, dunha nova configuración mundial; e nese proceso tamén se van consolidando unha serie de fenómenos de envergadura como é o dunhas relacións internacionais universalizadas nas que cada actor debe ter en conta, inevitablemente, o marco internacional.

Na medida en que se van incrementando o número e competencias das institucións supraestatais (Unión Europea), o tradicional rol dos estados se desdebuxa e subordina. Simultaneamente aparecen contactos económicos, políticos e sociais entre novos actores representantes duns intereses máis específicos, particulares e máis próximos. Se pretende con iso usufructuar o espacio anteriormente ocupado polo estado intentando aproximar as relacións e con iso identificar e desenvolver temas de interese común. Este espacio, na actualidade, ven sendo cuberto por institucións de distinta natureza e que van dende as rexións, as comunidades autónomas ou as administracións locais, todas elas no ámbito público, ata as empresas multinacionais, organizacións non gobernamentais, asociacións, etc, no ámbito privado.

Os países comunitarios son un bo exemplo destes novos mecanismos e fenómenos que operan cun nivel de intensidade cada vez maior na sociedade internacional contemporánea. A Unión Europea (UE), progresivamente e dende arriba, vai asumindo un maior protagonismo, propiciando cara abaixo un proceso similar, alentándose a descentralización e que, no noso caso, dende a transición democrática, pola súa dimensión, amplitude e vigor histórico ven marcando a realidade administrativa. Neste proceso, os entes descentralizados asumen competencias, incluso na súa faceta exterior, ben como resultado da defensa dos seus intereses económicos (oficina perante a UE, oficinas comerciais, etc), ou para a preservación da identidade (casas rexionais, servicios culturais internacionais, etc), e mesmo protagonizando acordos internacionais (bilaterais, de integración rexional, transfronteirizos, etc).

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003
Fernando Pol