| Texturas Internacionais nº 5 Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional |
| Propostas de actuación |
|
María del Mar Gómez |
|
1. Creación dun rexistro oficial e público no que poida consignarse a radiografía permanente dos irmanamentos en Galicia Se trata dun elemento indispensable para situar un mínimo de ordenación na actual nebulosa que supón esta materia, de xeito que toda entidade local que adopte un acordo neste sentido, deba trasladar esa información á Administración autonómica para o seu coñecemento e demais efectos. A creación dese rexistro debería ir acompañada dun compromiso de actualización periódico de xeito que se poida converter nun instrumento dinámico que nos permita facilitar información sobre a vitalidade dos irmanamentos en cada tempo e situación. Ao nivel que corresponda e no departamento que proceda (Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, Dirección Xeral de Administración Local), no mesmo que en todo caso tería ao seu cargo o Rexistro público de irmanamentos, debería habilitarse un espacio para: a) Prestar asesoramento e apoio técnico a aquelas entidades locais que o soliciten a fin de que as súas decisións nesta materia estean o mellor fundamentadas posible. b) Sen prexuízo do respecto á autonomía local, emanar instruccións orientadoras que eviten a atomización e a indiscriminación dos irmanamentos, de xeito que na elección do partenaire se teña en conta tamén o feito emigratorio e a necesidade de actualizar as relacións coa nosa diáspora, así coma os intereses xerais que no exterior ten a Comunidade Autónoma galega concretados no Programa Cuadrienal de Acción Exterior, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. c) Incentivar, con medidas de estímulo, a consolidación dos irmanamentos locais, facilitando a converxencia daquelas actuacións que favorezan a pluralización do entramado de relacións que Galicia constrúa con determinados países ou rexións e que ostenten un valor estratéxico para a nosa Comunidade. d) Apoiar a consolidación de infraestructuras que sirvan de espacios de referencia para a dinamización xeral dos irmanamentos. e) Colaborar na elaboración dun diagnóstico institucional-organizativo no que se apunten as liñas de actuación que permitan a promoción dun irmanamento e se identifiquen as capacidades políticas, institucionais e de xestión local a tal efecto. f) Impulsar propostas que faciliten unha maior extensión dos irmanamentos e a obtención de recursos comunitarios e doutras instancias para favorecer a súa consolidación. g) Facilitar aos Concellos aquela información sobre convocatorias de axudas que puideran contribuír ao cofinanciamento de actividades concretas contempladas no marco dun irmanamento. Cunha política de axudas, racional e sistematizada, a Xunta de Galicia pode influír decisivamente na vitalidade dos irmanamentos, asegurando unha mínima dotación que contribúa a superar as deficiencias orzamentarias dos municipios. Estas axudas non deben supoñer, en ningún caso, unha mingúa do compromiso económico local, que debe ser o decisivo e fundamental, e deben orientarse á dinamización tanto das estructuras como dos operativos que xestionan e dan vida ós irmanamentos. É unha deficiencia moi importante e notoria que afecta seriamente á calidade e á viabilidade mesmo dos actuais irmanamentos. Interesa habilitar os mecanismos para capacitar aos responsables nesta materia e ilustrar aos responsables políticos sobre os diferentes elementos que converxen nestas iniciativas. Está en xogo ademais da propia imaxe do Concello ante terceiros, tamén a da propia Galicia. Sen capacitación, non improvisada, dificilmente poderemos estar á altura das esixencias dos irmanamentos. Para facilitar esa capacitación, especialmente no ámbito político, adquire unha especial importancia o intercambio de experiencias, partindo das nosas, das máis próximas, de xeito que, con independencia dos signos partidarios que concorran en cada caso, poidamos establecer un marco fluído de interacción e aprendizaxe que permita operar avances tanto na consolidación dos irmanamentos como na mellora dos seus contidos e actividades. A superación das eivas actuais que presentan os irmanamentos en Galicia asenta nun cambio de rumbo que incorpora como elemento central a garantía dun maior compromiso cívico con estas iniciativas. Non se trata en modo algún de trasladar á cidadanía a responsabilidade dos irmanamentos. A iniciativa debe ser pública, e dende ela debemos instrumentar políticas que faciliten e estimulen a participación social. De non ser así, quedarán sen explorar as inmensas posibilidades que brinda, optimizando as oportunidades e transcendendo a relación estrictamente institucional que de ser o todo debe transformarse na pedra angular sobre a que pivoten os demais axentes locais involucrados. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003 |