| Texturas Internacionais nº 5 Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional |
| Presentación |
|
María del Mar Gómez |
|
Neste estudio se fai unha aproximación avaliadora da actividade desenvolvida polos concellos de Galicia en materia de irmanamentos, con indicación do número de institucións implicadas, partenaires e ámbitos xeográficos afectados, contidos principais e evolución e, así mesmo, a súa relación cos mundos da cooperación ao desenvolvemento e a presencia ou non de emigración galega nos municipios irmandados. Por último, faise un contraste entre a proxección obtida e os principais ámbitos de interese da acción exterior de Galicia e un esforzo de contextualización deste proceso, de xeito que poidamos obviar a anécdota e tomar cabal conciencia da oportunidade que representa esta liña de actuación municipal, situada moi lonxe da frivolidade que máis dunha vez se lle atribúe. Os irmanamentos constitúen hoxe un referente práctico insoslaiable da proxección exterior dos nosos municipios que adoece, en primeiro lugar, dun censo e rexistro público dos acordos asinados, dunha avaliación mínima da súa evolución, virtudes e carencias, e dunha concordancia elemental co acompañamento dos intereses exteriores de Galicia, de xeito que a través dos irmanamentos poidamos proxectar a nosa relación coa diáspora nun ámbito tan próximo aos cidadáns como é o local e igualmente configurar de modo progresivo un foro institucional bilateral que poida actuar como lobby en cuestións de interese mutuo. O estudio reflicte, ademais, as lagoas existentes e as potencialidades dos intercambios. Sabido é que moitas veces os irmanamentos fracasan por non responder a lóxicas racionais nin basearse en contidos viables. O feito diaspórico e, a través del, a cooperación e a acción exterior, constitúe un elemento referencial de primeira magnitude e, sen embargo, global e escasamente presente neste ámbito da práctica municipalista. Importa que dende as administracións galegas se impulse unha reflexión con base nun coñecemento exhaustivo da realidade de que partimos, a fin de estimular unha converxencia operativa de todas as administracións públicas nesta orde. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003 |