Texturas Internacionais nº 5Volver ó sumario
Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional
 
Os irmanamentos municipais: un fenómeno crecente


María del Mar Gómez
 
 

Os irmanamentos, entendidos como mecanismos que permiten a relación entre entidades locais de distintos estados, apareceron dunha maneira formal despois da Segunda Guerra Mundial entre aqueles pobos que estiveran enfrontados durante o conflicto bélico. Estes enlaces posibilitaron, no seu momento, que os membros de cada un dos pobos irmandados puidesen disipar os seus receos, establecesen relacións de confianza e se puidesen reconciliar. A partir da xeneralización e formalización deste fenómeno entre pobos europeos nace o que viremos a chamar cooperación descentralizada, que no seu inicio se expresa a través deste instrumento chamado irmanamento.

A partir dos anos setenta do século pasado, os irmanamentos mudaron a súa natureza, xa que as entidades locais europeas comprometéronse a realizar accións concretas de solidariedade con localidades de países de fóra do continente. Así comezan a proliferar contactos entre pobos do Norte con pobos do Sur dos que, ademais da promoción de relacións horizontais máis participativas entre os pobos, se consegue facer do irmanamento un vehículo de cooperación e solidariedade directa. A este instrumento pasóuselle a denominar irmanamento-cooperación. No Estado español estes irmanamentos-cooperación xorden dende os primeiros días da recuperación da democracia, a finais dos setenta, sobre todo con aqueles pobos cos que se mantiña unha relación histórica, como son os de América Latina e Norte de África.

Das actividades internacionais dos municipios, o irmanamento é, con diferencia, a máis destacada, cifrándose en máis de 8.000 as entidades locais europeas irmandadas, delas por riba do medio milleiro en España. O seu auxe, espectacular nos últimos anos, se debe a factores diversos que pasan por iniciativas da Federación Mundial de Cidades Unidas (FMCU) a través dos seus manifestos, a aprobación pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas (NNUU) dunha resolución favorable aos irmanamentos (R/2.861 (XXVI) de decembro de 1971); os Congresos de Municipios Irmandados de Europa –que periodicamente revisan o estado do fenómeno e emiten recomendacións–, ou a campaña Norte-Sur emprendida polo Consello de Europa.

En 1988, a resolución do Parlamento Europeo dirixida á Comisión para a creación dun “Fondo Europeo de Irmanamentos” destinado a aportar axudas para facilitar os irmanamentos inter-europeos, foi decisoria para a súa puxanza. O Fondo se ven consignando nos orzamentos comunitarios dende 1989.

Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003
Fernando Pol