| Texturas Internacionais nº 5 Os irmanamentos en Galicia, a ruta local do internacional |
| Os irmanamentos en España |
|
María del Mar Gómez |
|
Dende o punto de vista da súa evolución e localización xeográfica, nos atopamos nos irmanamentos españois con certos aspectos sobresaíntes, entre os que cómpre sinalar: 1. Proceso expansivo Ademais do número, algo máis de 500 municipios irmandados dos 8.077 existentes en España, cabe destacar que a maioría se está producindo nos últimos anos. Se ben comparativamente aínda se está lonxe das cifras europeas, a menor tradición democrática e a existencia dun gran número de municipios moi pequenos, algúns cunha ducia de persoas, fai que a cifra cobre unha maior importancia relativa. 2. Concentración Segundo o listado de municipios irmandados da propia FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), as comunidades de Catalunya, Andalucía e Valencia son as máis irmandadas. Sobresaen os casos das capitais: Barcelona, Valencia e Madrid. 3. Selectividade na elección de contraparte Arredor de dous tercios dos irmanamentos se efectuaron con poboacións de países da Unión Europea. Deles, o maior número corresponde a protocolos subscritos con localidades dos países veciños –Francia e Portugal xunto a Italia– e en menor medida con localidades británicas, alemanas, gregas e belgas. O tercio restante de irmanamentos se efectuou con poboacións doutros continentes. Destacan Centroamérica (sobre todo Nicaragua) e México; Sudamérica (especialmente con Arxentina, Venezuela, Chile e Colombia); e o Norte de África (particularmente Sahara, Marrocos e Tunicia). Doutra banda, son moi diferentes as razóns ou motivos que levan a un concello a elixir aquel co que desexa irmandarse. Entre elas sinalamos: 1. Similitudes das poboacións Parecidas características en canto a tamaño, poboación, estructura económica, sen esquecer o “rango institucional”. O método reúne varias vantaxes: as problemáticas comúns facilitan o entendemento; e o irmanamento se sustenta nuns parámetros de igualdade. Un dos seus fins principais é a promoción económico-comercial dos municipios involucrados. 2. Idéntica toponimia Numerosas poboacións, sobre todo en América Latina, na súa fundación adoptaron denominacións idénticas ás existentes en España. Os casos son moi numerosos. 3. Vínculos históricos Algún tipo de ligazón histórica no pasado ou por un determinado acontecemento, pode servir de escusa válida para retomar, anos ou séculos despois, as relacións e chegar a irmandarse. Tamén por correntes de emigración, é dicir, presencia importante de orixinarios ou os seus descendentes dunha poboación e a súa comarca na cidade doutro país. 4. Orientación europeísta Son irmanamentos dirixidos a propiciar o diálogo e o intercambio de experiencias entre municipios europeos e a intercambiar pareceres sobre problemas comúns (efectos da integración europea a diferentes niveis, significación da cidadanía europea, etc). Ademais de municipios de países da Unión Europea tamén se poden trazar con outros países europeos, moitos dos cales están incluídos nas perspectivas de alargamento da UE. Un dos trazos máis comúns destes irmanamentos é a aprendizaxe de idiomas e as manifestacións culturais. Son abundantes os irmanamentos deste tipo. 5. Razóns simbólicas Tamén se acostuman a utilizar como argumento válido para iniciar un irmanamento. É o caso, por exemplo, de Gernika-Lumo (Bizkaia) e Berga (Barcelona) nas que se sitúan a “árbore de Gernika” e o “pi de les Tres Branques”, respectivamente, de notable significación para vascos e cataláns. 6. Lazos culturais ou cuestións de interese común no marco transfronteirizo É bastante habitual que poboacións fronteirizas ou emprazadas en provincias con fronteira dispoñan de irmanamentos coas súas inmediatas veciñas ou con municipios distantes pero que entran no radio de acción do feito fronteirizo. É o caso, por exemplo, de Tomiño (Pontevedra) e Vilanova da Cerveira (Portugal). 7. Igual área marítima Similar aos anteriores casos, pero sen mediar fronteira terrestre e compartindo unha zona marítima máis ou menos próxima, tamén se poden observar algúns irmanamentos. Por exemplo, Cádiz con Tánxer (Marrocos), ou Alacante con Orán (Alxeria). 8. Potenciación da cooperación ao desenvolvemento A solidariedade Norte-Sur inspira boa parte dos irmanamentos establecidos con localidades de países do Terceiro Mundo. Os protocolos asinados levan aparellados o compromiso de establecer fórmulas estables de cooperación ao desenvolvemento tanto na vertente económica como técnica. Dende os anos oitenta e durante os noventa do século pasado se produciu un incremento notable dos mesmos. As localidades beneficiadas se localizan principalmente en América Latina e en África. Acontece habitualmente que primeiro se efectúa a cooperación ao desenvolvemento cunha localidade durante varios anos e, como producto da relación existente, se pasou a concertar o irmanamento. 9. Respaldo a acordos de paz locais e a procesos de normalización política e reconstrucción económica tras fases de conflictos Moi ligado ao anterior tipo de irmanamento-cooperación están os que reflicten unha clara vontade política de servir como apoio a poboacións de países que superan unha fase de conflicto político-militar e entran nun proceso de reconstrucción ao que se pode contribuír dende o ámbito local. Casos recentes foron os de Guatemala e El Salvador ou a atención aos refuxiados saharauís, nos que está presente o respaldo ao dereito dos saharauís á súa autodeterminación e aos esforzos internacionais para a aplicación do Plan de Paz e o referendo deseñado por Nacións Unidas. 10. Intercambios entre entidades e cidadáns Proceden de contactos establecidos entre grupos de cidadáns e asociacións, que constitúen a base para un posterior irmanamento. As circunstancias que concorren en cada caso son variopintas. Os intercambios escolares poden favorecer as relacións municipais, culturais, etc, e finalmente conducen a formalizar o irmanamento. A demanda de prácticas de inglés ou francés para escolares e mozos pode levar a un concello de aquí, por exemplo, a irmandarse con outro británico ou galo. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003 |